Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Martes, 19 de maio de 2015 Páx. 19545

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 7 de maio de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas do Sistema universitario de Galicia e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2015.

O Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C) recolle no eixe estratéxico 2, consolidación de grupos de referencia, que no Sistema universitario de Galicia existen unha serie de grupos de investigación, aos cales podemos denominar grupos de referencia competitiva, caracterizados por bos índices de publicacións académicas; un nivel de captación de recursos elevado, aínda que variable segundo a área en que traballen; competitivos a nivel estatal e en moitos casos internacional; con capacidade para formar e atraer mozos e mozas investigadores e habituados á cooperación con outros grupos de investigación, con institucións ou con empresas. Doutra banda, están os grupos con potencial de crecemento que, sen alcanzar os niveis de desenvolvemento dos anteriores, teñen calidade investigadora, constatable con criterios estritos, e que están na senda que os leve a ser grupos de referencia.

Estes grupos deberían dispor dun financiamento estrutural e continuado, condicionado a criterios de calidade, que substituirá un modelo baseado no financiamento do grupo por acumulación de proxectos de investigación. Este financiamento debe outorgarse sobre a base de mecanismos de avaliación, tanto das propostas presentadas como dos resultados que cada grupo acade durante a vixencia e ao remate da axuda.

Complementariamente, esta convocatoria quere contribuír a reducir o desequilibrio entre mulleres e homes dedicados á investigación no Sistema universitario de Galicia, en cumprimento do compromiso de eliminación de discriminacións entre mulleres e homes que recolle o artigo 1 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. Por iso, as axudas que se regulan nesta convocatoria terán en consideración o liderado das mulleres nas propostas presentadas.

Atendendo a estas consideracións xerais e en virtude das súas competencias, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria procede a establecer as bases para o Programa de consolidación e estruturación de unidades de investigación nas modalidades de grupos de referencia competitiva e grupos con potencial de crecemento, e convoca estas axudas para o exercicio 2015.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde establece as condicións, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para o acceso ás axudas para consolidar, estruturar e especializar as unidades de investigación máis competitivas do Sistema universitario de Galicia (SUG), mediante as seguintes modalidades:

a) Grupos de referencia competitiva: as condicións detállanse no anexo I.

b) Grupos con potencial de crecemento: as condicións detállanse no anexo II.

Artigo 2. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias das axudas das modalidades a) e b) as universidades do SUG que as destinarán aos seus grupos de investigación, recoñecidos como tales pola súa universidade, que cumpran os requisitos establecidos nos anexos I e II.

Para os efectos do cumprimento do número 2 dos anexos I e II desta convocatoria, enténdese por «investigador/a» aquela persoa que teña título de doutor/a, que forme parte dun grupo de investigación no rexistro da universidade correspondente do SUG e que teña algunha das seguintes categorías profesionais:

– Catedrático/a ou profesor/a titular de universidade ou de escola universitaria.

– Contratado/a dos programas Ramón y Cajal, Parga Pondal, Juan de la Cierva, posdoutorais I2C da Xunta de Galicia (unicamente en fase de contrato de retorno), posdoutorais Mineco ou Marie Curie (neste último caso sempre que teña adscrición a unha universidade do SUG durante toda a vixencia da axuda).

– Profesor/a contratado/a doutor/a ou profesor/a axudante doutor/a.

– Profesor/a asociado/a de Ciencias da Saúde (PAC).

En ningún caso terán consideración de investigadores/as, para os efectos desta convocatoria, os/as profesores/as visitantes, o resto dos/das profesores/as asociados/as, os/as profesores/as colaboradores, os/as profesores/as eméritos/as, os/as contratados/as con cargo a proxecto e os/as lectores/as.

Artigo 3. Conceptos subvencionables

Os importes das axudas irán destinados a financiar os seguintes conceptos, sempre que se relacionen coa actividade de consolidación:

1. Custo de contratación de persoal investigador ou auxiliar. Inclúese o custo de persoal dedicado de xeito específico ás funcións de xestión do grupo.

2. Pequeno equipamento inventariable e material funxible. O material funxible, de oficina ou informático, non poderá exceder o 5 % da axuda debidamente xustificada anualmente.

3. Material bibliográfico, cotas de coloquios e congresos e adhesión a sociedades científicas.

4. Formación dos membros do grupo relacionada coa actividade obxecto da axuda mediante estadías curtas cunha duración mínima de quince días e máxima de tres meses. Non se considerarán neste punto os colaboradores externos do grupo.

5. Viaxes e axudas de custo de membros do grupo para a actividade obxecto da axuda, sempre que a contía non exceda o 20 % da axuda debidamente xustificada anualmente. Non se considerarán neste punto os/as colaboradores/as externos/as do grupo.

6. Investigadores/as visitantes.

7. Organización de actividades de difusión, así como presenza en medios de comunicación.

8. Ferramentas de xestión do coñecemento e a información, tales como aplicacións informáticas, bases de datos, etc.

9. Consultoría e asesoramento externo para deseñar e aplicar a estrutura e a estratexia do grupo.

10. Gastos derivados da elaboración dun informe de auditoría por cada grupo que obteña financiamento.

11. Custos indirectos ou gastos xerais que regulamentariamente exixe a universidade ao grupo solicitante, que non superarán o 20 % da axuda debidamente xustificada anualmente. Desa porcentaxe, 5 puntos destinaranse a financiar as subscricións de cada universidade ás publicacións electrónicas.

A Secretaría Xeral de Universidades poderá ditar instrucións específicas para unha mellor definición dos conceptos subvencionables así como da súa xustificación económica.

Para a xustificación da primeira anualidade da axuda admitiranse gastos e pagamentos realizados desde o 1 de xaneiro de 2015.

Atendendo ao establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, modificado pola Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais de Galicia para 2012, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 18.000 € no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben.

Artigo 4. Formalización e presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Os formularios da solicitude (anexos IV e V desta orde para as modalidades de grupo de referencia competitiva e grupo con potencial de crecemento respectivamente) estarán dispoñibles na dita sede electrónica da Xunta de Galicia, e os formatos da memoria descritiva e das certificacións da universidade, que deben achegarse coa solicitude, están dispoñibles na internet no enderezo http://www.edu.xunta.es

A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A solicitude irá asinada pola autoridade que representa legalmente a universidade correspondente. A memoria descritiva da proposta irá asinada polo coordinador ou coordinadora do grupo de investigación que executará a axuda.

As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Memoria descritiva da estratexia de investigación, estruturación e consolidación que vai seguir o grupo, e que xustifica a necesidade desta axuda. O formato obrigatorio desta memoria atópase no enderezo web http://www.edu.xunta.es e deberá ir asinada polo coordinador ou coordinadora do grupo de investigación.

b) Certificados emitidos pola universidade a que pertence o grupo, que acrediten o cumprimento dos requisitos establecidos nos anexos I e II desta orde correspondente á modalidade de axuda solicitada. Unha vez superado o proceso de selección, a Secretaría Xeral de Universidades poderá requirir das solicitudes seleccionadas os comprobantes dos méritos certificados. En caso de detectarse falsidade nalgún mérito a Consellería adoptará as oportunas medidas legais. O formato obrigatorio deste certificado atópase no enderezo web http://www.edu.xunta.es

c) Certificado da composición do grupo emitido pola universidade de orixe, indicando o código e denominación do grupo. A composición certificada será a completa do grupo na data de publicación desta orde de convocatoria. Nesta certificación faranse constar, de xeito específico, os membros do grupo que pertencen a campus periféricos.

d) Certificado de ingresos de I+D competitivos obtidos polo grupo de investigación nos tres últimos anos, expedido pola universidade de orixe.

Para os efectos desta convocatoria enténdese por ingresos de I+D competitivos os correspondentes a proxectos de I+D financiados por convocatorias públicas das administracións estatais, europeas ou doutras fontes, e os correspondentes a contratos e convenios de I+D ou de servizos de innovación, licenzas de patentes e de software, así como os premios de investigación. Non se terán en conta as axudas para infraestruturas, as bolsas e axudas a accións de divulgación e produción científica, as axudas correspondentes a programas de recursos humanos, nin as procedentes deste mesmo programa. Para computar estes ingresos terase en conta o criterio de ingreso, e non o de concesión ou sinatura, isto é, compútanse os ingresos obtidos desde o 1 de xaneiro de 2012 ata o 31 de decembro de 2014, con independencia de que os proxectos, contratos ou convenios fosen anteriores a esa data. Polo mesmo criterio, non se computarán os ingresos que se produzan máis aló do 31 de decembro de 2014 aínda que correspondan a axudas concedidas no período exixido.

e) Declaración das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas ou polos seus organismos ou sociedades (que se inclúe no anexo IV e V).

f) Copia do DNI ou NIE da persoa representante da universidade, só no suposto de que non autorice a súa verificación polo Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde do 7 de xullo de 2009 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Artigo 5. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Para isto, nos anexos correspondentes inclúese unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. De conformidade co artigo 11.e) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a obriga de presentar a certificación do cumprimento de obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma, coa Administración do Estado e coa Seguridade Social substituirase por unha declaración responsable de cada universidade de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración, que se inclúe no anexo IV e V.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

Artigo 6. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación é autorizado polas persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía, terceiros e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a promocioncientifica.educacion@xunta.es

Artigo 7. Tramitación

A instrución do procedemento de concesión destas axudas correspóndelle á Secretaría Xeral de Universidades, que comprobará que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e exporá a lista de solicitudes admitidas e excluídas sinalando, se é o caso, as causas de exclusión, na internet no enderezo www.edu.xunta.es (na parte da Secretaría Xeral de Universidades).

Estas listas estarán expostas por un período de dez días naturais e durante este prazo as universidades solicitantes poderán formular reclamacións para emendar erros e falta de documentos das persoas interesadas ante a Secretaría Xeral de Universidades, para o cal presentarán, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas da exclusión, considerarase que a universidade solicitante desiste da súa petición nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirirse a universidade solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución dos procedementos.

Unha vez transcorrido o prazo para as emendas ou alegacións, a persoa titular da Secretaría Xeral de Universidades ditará unha resolución pola que se aproban as listas definitivas das solicitudes admitidas e excluídas, que se publicará na internet no enderezo
http://www.edu.xunta.es. Contra esta resolución as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non axustarse aos termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de desestimación da solicitude presentada con independencia de que poidan acordarse outro tipo de actuacións.

Artigo 8. Avaliación e selección

A selección dos grupos de investigación destinatarios das axudas realizarase a partir da suma das valoracións feitas por un panel de avaliadores e pola comisión de selección. O panel poderá asignar ata un máximo de 90 puntos a cada solicitude e a comisión de selección poderá asignar ata un máximo de 10 puntos a cada solicitude. O proceso de avaliación realizarase na Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).

O panel de avaliadores estará formado por expertos de fóra do SUG propostos e aprobados pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), e cubrirán as diferentes ramas de coñecemento (Artes e Humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñaría e Arquitectura). A valoración das solicitudes presentadas referirase á produción e calidade científica dos grupos, así como á súa actividade investigadora e á idoneidade da programación proposta de acordo cos obxectivos de cada unha das modalidades da convocatoria.

Os criterios de avaliación das solicitudes presentadas aparecen recollidos no anexo III desta orde. Para garantir que as propostas financiadas teñan un nivel de calidade suficiente, só poderán recibir as axudas establecidas nesta convocatoria aquelas solicitudes que obteñan unha puntuación total igual ou superior a 50 puntos nesta fase.

A valoración farase chegar á comisión de selección, que elaborará para o órgano instrutor un informe que inclúa o informe de avaliación do panel, as puntuacións outorgadas pola comisión de selección e unha prelación das solicitudes en función da dispoñibilidade de recursos e os obxectivos de ordenación, consolidación e articulación que suscita esta actuación.

A comisión de selección estará constituída por sete membros:

– O/a subdirector/a xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria da Secretaría Xeral de Universidades ou persoa en que delegue, que actuará como presidente/a da comisión.

Serán vogais da comisión:

– O/a subdirector/a xeral de Universidades da Secretaría Xeral de Universidades, ou persoa en que delegue.

– Un/unha xefe/a de servizo da Secretaría Xeral de Universidades.

– Tres persoas de recoñecido prestixio nas principais ramas de coñecemento das solicitudes presentadas a esta convocatoria, nomeadas polo/a presidente/a da comisión de selección.

– Un/unha xefe/a de servizo da Secretaría Xeral de Universidades, que actuará como secretario/a da comisión.

Esta comisión poderá conceder ata 10 puntos a cada solicitude, tendo en conta os seguintes criterios (sinalados no anexo III):

– Pertenza do grupo a unha área prioritaria ou de especialización da súa universidade. En caso de que a universidade non achegue esta priorización, poderanse aplicar as priorizacións derivadas da Estratexia RIS3 de Galicia.

– Participación de grupos de investigación dos campus periféricos, isto é, Ferrol, Lugo, Pontevedra e Ourense.

Artigo 9. Resolución

A competencia para resolver estas axudas correspóndelle ao titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria sen prexuízo da súa posible delegación noutros órganos da Consellería. O órgano instrutor elevará a proposta de resolución, que incluirá, para cada universidade beneficiaria, a relación de grupos seleccionados co importe da axuda concedida. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada pola universidade beneficiaria no prazo de quince (15) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que, se for o caso, se inclúan na resolución. No caso contrario, entenderase que o beneficiario renuncia á subvención e procederase conforme o que determina o artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Todas as solicitudes serán resoltas no prazo máximo de cinco meses, contados desde a publicación da orde de convocatoria. A non resolución en prazo faculta os interesados para entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co previsto no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A resolución expresa ou presunta que poña fin á vía administrativa, poderá ser impugnada polas persoas interesadas mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

As universidades cuxas solicitudes sexan denegadas ou desestimadas poderán recuperar a documentación presentada, no prazo dun ano a partir da publicación da concesión das axudas no DOG. Pasado ese prazo, aquela documentación que non foi recollida será destruída, agás a que fose obxecto de recurso.

Artigo 10. Libramento da subvención

En todas as modalidades de axuda, a subvención será librada á universidade solicitante a que pertenza o grupo de investigación, conforme a resolución de concesión e de acordo coa normativa vixente.

Para poder proceder ao libramento dos fondos será preciso que a universidade beneficiaria expida, na data límite do 30 de novembro do exercicio correspondente á anualidade de que se trate, a seguinte documentación:

– Certificación expresiva da realización do gasto e do pagamento da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida, de acordo co artigo 27 da Lei 12/2014, do 30 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

– Memoria explicativa do logro dos obxectivos de consolidación e estruturación do grupo. Esta memoria explicativa irá asinada polo coordinador do grupo de investigación.

– Certificación das variacións na composición do grupo durante a anualidade que se xustifica.

– Informe de auditor inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre os conceptos, período de realización e pagamento dos gastos presentados nesa anualidade.

De conformidade co artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co artigo 11.e) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, a obriga de presentar a certificación do cumprimento de obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma, coa Administración do Estado e coa Seguridade Social será substituída por unha declaración responsable de cada universidade de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración.

Segundo o establecido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado perante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación comportará a perda do dereito ao cobramento parcial ou total da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

Para efectuar o último pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para o mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.

Poderán realizarse pagamentos parciais á conta da liquidación final nas condicións establecidas na normativa vixente.

Nos proxectos plurianuais enténdese que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación da anualidade corrente ata final de ano corresponden á anualidade seguinte e, polo tanto, poderán presentarse como xustificante para o cobramento desta anualidade. No caso dos custos de contratación de persoal investigador ou auxiliar, os pagamentos das nóminas e seguridade social dos meses de outubro e novembro de cada anualidade poderán presentarse como xustificantes para o cobramento da anualidade seguinte.

Artigo 11. Modificación da resolución de concesión de axudas

Poderase modificar a resolución de concesión da axuda, tal como se especifica no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando se alteren as condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, pola obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais. Por iso, cando a universidade beneficiaria reciba outros fondos cos mesmos obxectivos que os establecidos nesta convocatoria, deberá comunicarllo á Secretaría Xeral de Universidades.

Artigo 12. Réxime de compatibilidade

As axudas concedidas serán compatibles con outras axudas ou subvencións, de acordo co establecido na normativa aplicable, coas excepcións que se indican a seguir:

a) Cando o importe das axudas concedidas, illadamente ou en concordancia con outras, supere o custo da actividade subvencionada. Por iso, cando a entidade beneficiaria ou o grupo de investigación reciba outros fondos cos mesmos obxectivos que os establecidos nesta convocatoria, deberá poñelo en coñecemento da Secretaría Xeral de Universidades.

b) Cando o grupo teña concedida outra axuda desta consellería para a mesma actividade. Un mesmo grupo non poderá recibir simultaneamente axudas das modalidades de grupos de referencia competitiva e de grupos con potencial de crecemento.

Artigo 13. Incumprimento, renuncias, reintegros e sancións

O incumprimento das obrigas contidas nesta orde ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución da concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de mora correspondentes.

Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Aos beneficiarios e grupos de investigación destinatarios das subvencións reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso de que o beneficiario ou o grupo de investigación renuncie ás axudas unha vez percibidas, procederase consonte o establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Control

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións. En particular, poderá someter a todos os beneficiarios e grupos de investigación destinatarios das axudas desta convocatoria a unha avaliación final, no prazo de seis meses que contarán desde a data límite de xustificación da última anualidade, coa finalidade de comprobar o impacto das axudas concedidas.

Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas, do Consello de Contas e doutros organismos autonómicos, estatais e europeos con funcións de control.

Artigo 15. Dotación orzamentaria

As axudas imputaranse á aplicación orzamentaria 09.40.561B.744.3 correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia de cada ano, coa seguinte desagregación:

2015

2016

2017

2018

Modalidade a) GRC

750.000,00

1.875.000,00

1.875.000,00

1.500.000,00

Modalidade b) GPC

350.000,00

700.000,00

350.000,00

0

Total

1.100.000,00

2.575.000,00

2.225.000,00

1.500.000,00

Os créditos poderán redistribuírse entre as diferentes modalidades cando o volume de solicitudes presentadas e avaliadas favorablemente así o requira.

Poderán realizarse pagamentos anticipados que supoñan entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención e ata un máximo do 50 % da subvención concedida para cada anualidade.

De acordo co artigo 65.4 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as universidades do SUG quedan exoneradas da constitución da garantía a que se refire o artigo 63.2 da mesma norma.

O importe conxunto dos pagamentos á conta e dos pagamentos anticipados que, de ser o caso, se concedan, non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados.

Os importes indicados corresponderán a fondos propios da Comunidade Autónoma. Dado que o financiamento destas axudas procede do Plan de financiamento do SUG 2011-2015, as anualidades do 2016, 2017 e 2018 integraranse no novo Plan de financiamento para os anos seguintes.

Estas axudas non teñen a consideración de axudas de Estado para os efectos do número 1 do artigo 107 do Tratado de funcionamento da Unión Europea e do Marco comunitario sobre axudas estatais de investigación, desenvolvemento e innovación (2014/C 198/01). En todo caso, as universidades beneficiarias quedan obrigadas a destinar a axuda recibida a usos relacionados con actividades non económicas e relativos a actuacións de I+D+i conforme o establecido no artigo 2 do devandito marco.

Disposición derradeira primeira

A presente orde sométese ao réxime de axudas públicas establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento que a desenvolve.

Disposición derradeira segunda

Contra esta orde poderase recorrer mediante recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2015

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I
Grupos de referencia competitiva

1. Obxecto da axuda.

Axudas para a consolidación de grupos de investigación do SUG que pola súa produción científica e a súa actividade de I+D constitúan unha referencia no Sistema galego de innovación.

2. Requisitos.

Ser un grupo de investigación do SUG recoñecido pola universidade de orixe que cumpra os criterios seguintes:

– Ter polo menos cinco investigadores/as.

– Cumprir como mínimo un dos seguintes requisitos:

• Ter polo menos tres proxectos competitivos activos, cun importe superior a 15.000 € cada un, no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2012 e o 31 de decembro de 2014.

• Ter ingresos medios anuais por actividades de I+D superiores a 150.000 € (ou superior a 80.000 € cando se trate de grupos das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades ou Ciencias Sociais e Xurídicas), no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2012 e o 31 de decembro de 2014.

• Ter sido beneficiario das axudas a grupos de referencia competitiva do Programa de consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas do SUG no período 2006-2011.

– Cumprir polo menos dous dos seguintes criterios de produción científica nos tres anos anteriores á solicitude (do 1 de xaneiro de 2012 ao 31 de decembro de 2014):

• Artigos en publicacións incluídas en SCOPUS ou Web of Science: polo menos 10 publicacións. No caso dos grupos das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades e Ciencias Sociais e Xurídicas consideraranse artigos en publicacións ERIH, IN-REC, IN-RECJ, DICE e LATINDEX.

• Libros publicados: polo menos tres (só para grupos das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades ou Ciencias Sociais e Xurídicas, sempre que sexa autor/a individual ou co-autor/a entre un máximo de tres autores/as).

• Teses dirixidas e lidas: polo menos tres teses.

• Patentes en explotación nas cales a universidade sexa titular: polo menos unha patente (ou catro rexistros de propiedade intelectual de software).

• Acordos de explotación ou empresas (EBTs) xerados a partir de resultados obtidos polo grupo: polo menos un acordo ou EBT. Poderán ser empresas creadas antes do 1 de xaneiro de 2012, sempre que teñan actividade probada desde esa data ata o momento da solicitude.

• Participación, como líder de proxecto ou de workpackage, en proxectos de programa marco da UE: polo menos un liderado de proxecto.

3. Contía e duración.

As axudas terán unha duración máxima de catro anos. Ao remate da segunda anualidade serán sometidas a unha avaliación que determinará a súa continuidade. O importe máximo das axudas virá determinado por unha contía fixa máis outra variable asociada á evolución na xeración de recursos por parte do grupo como un indicador xenérico da súa competencia e capacidade de consolidación.

En consecuencia, a axuda constará de dous módulos.

1. Módulo fixo: por importe de 50.000 € anuais.

2. Módulo variable, acumulable ao anterior, unicamente nas anualidades de 2016, 2017 e 2018, en función dos ingresos anuais medios do grupo nos tres exercicios anteriores á concesión, segundo os seguintes tramos e desagregacións:

– Ingresos medios de 150.000 a 300.000 €: ata 30.000 € anuais nas anualidades de 2016 e 2017 e 20.000 € anuais na anualidade de 2018.

– Ingresos medios de 300.000 a 400.000 €: ata 45.000 € anuais nas anualidades de 2016 e 2017 e 30.000 € anuais na anualidade de 2018.

– Ingresos medios superiores a 400.000 €: ata 75.000 € anuais nas anualidades de 2016 e 2017 e 50.000 € anuais na anualidade de 2018.

No primeiro ano de vixencia da axuda o importe da axuda será dun fixo de 25.000 € máis un variable máximo de 25.000 € tendo en conta os ingresos medios do grupo, co obxectivo de axustar o orzamento ás posibilidades reais de execución.

Ao final da segunda anualidade realizarase unha avaliación parcial do cumprimento dos obxectivos de consolidación que foron recollidos na resolución individual de concesión. Ademais, realizarase unha avaliación final ao remate da cuarta anualidade. Nestas avaliacións teranse en conta, entre outros criterios, os indicadores seleccionados polo grupo na memoria descritiva da solicitude. De non superar estas avaliacións, aplicarase o establecido no artigo 13 desta orde. Aqueles grupos que non obteñan unha cualificación final favorable non poderán presentar solicitude de axudas deste programa, en ningunha das súas modalidades, durante un período de dous anos.

ANEXO II
Grupos con potencial de crecemento (GPC)

1. Obxecto da axuda.

Axudas para a consolidación de grupos de investigación do SUG que pola súa produción científica e a súa actividade de I+D amosan potencial de crecemento ata converterse en grupos de referencia do SUG.

2. Requisitos.

Ser un grupo de investigación do SUG recoñecido pola universidade de orixe que cumpra os criterios seguintes:

– Ter polo menos tres investigadores/as.

– Cumprir como mínimo catro dos seguintes requisitos de actividade nos tres anos anteriores á solicitude (do 1 de xaneiro de 2012 ao 31 de decembro de 2014):

• Ingresos medios anuais por actividades de I+D: superior a 80.000 € (ou superior a 40.000 € cando se trate de grupos das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades ou Ciencias Sociais e Xurídicas).

• Proxectos competitivos activos no período: polo menos dous proxectos de importe superior a 15.000 € cada un.

• Contratos ou convenios con empresas ou institucións: polo menos dous contratos ou convenios, de importe superior a 15.000 €.

• Artigos en publicacións incluídas en SCOPUS ou Web of Science: polo menos tres publicacións.

• Libros publicados: polo menos dous (só para grupos das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades ou Ciencias Sociais e Xurídicas, sempre que sexa autor/a individual ou co-autor/a entre un máximo de tres autores/as).

• Teses dirixidas e lidas: polo menos dúas teses.

• Patentes en explotación nas cales a universidade sexa titular: polo menos unha patente (ou dous rexistros de propiedade intelectual de software).

• Empresas creadas a partir de resultados de investigación do grupo: polo menos unha empresa. Poderán ser empresas creadas antes do 1 de xaneiro de 2012, sempre que teñan actividade probada desde esa data ata o momento da solicitude.

• Participación, como socio/a ou líder, en proxectos de programa marco da UE: polo menos unha participación.

3. Contía e duración.

As axudas serán de aplicación por un período de tres anualidades, mediante o pagamento dunha contía máxima de 17.500 € na primeira e terceira anualidade e de 35.000 € na segunda.

Ao final da segunda anualidade, realizarase unha avaliación parcial do cumprimento dos obxectivos de consolidación que foron recollidos na resolución individual de concesión. Ademais, realizarase unha avaliación final ao remate da terceira anualidade. Nestas avaliacións teranse en conta, entre outros criterios, os indicadores seleccionados polo grupo na memoria descritiva da solicitude. De non superar estas avaliacións, aplicarase o establecido no artigo 13 desta orde. Aqueles grupos que non obteñan unha cualificación final favorable, non poderán presentar solicitude de axudas deste programa, en ningunha das súas modalidades, durante un período de dous anos.

Se un grupo de investigación cumpre os requisitos das modalidades de grupo de referencia competitiva e de grupos con potencial de crecemento, poderá presentar a solicitude a ambas, pero só poderá ser destinatario dunha delas. Entenderase que cando un grupo teña posibilidade de ser financiado en ambas as modalidades, optará sempre pola de maior contía, polo que renunciará á outra.

Aqueles grupos que non obteñan unha cualificación final favorable, non poderán presentar solicitude de axudas deste programa, en ningunha das súas modalidades, durante un período de dous anos.

A porcentaxe de axudas desta modalidade concedidas para cada rama de coñecemento (Artes e Humanidades; Ciencias; Ciencias da Saúde; Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñaría e Arquitectura) non será inferior ao 15 % das axudas concedidas, sempre que o número de solicitudes o permita. O 25 % restante será distribuído por puntuación con independencia da rama de coñecemento a que pertenza.

ANEXO III
Criterios de avaliación

Criterios

Puntuación máxima

A) Estrutura/organización de investigación: tamaño do grupo ou rede, mecanismos de xestión e organización e infraestruturas. Ata un total de 5 puntos

Composición, estrutura, interdisciplinariedade e coherencia do grupo e da súa actividade

4

Liderado feminino do grupo

1

B) Actividade investigadora (no período 2012-2014). Ata un total de 65 puntos

Teses de doutoramento defendidas no período/nº investigadores/as do grupo

3

Contratados pre e posdoutorais, procedentes de convocatorias competitivas

5

Proxectos de convocatorias de ámbito estatal/nº investigadores/as

7

Proxectos de convocatorias de ámbito internacional

7

Contratos e convenios con empresas ou institucións

6

Ingresos por contratos, convenios e convocatorias/nº investigadores/as

6

Publicacións incluídas en SCOPUS ou Web of Science

Libros e capítulos de libros publicados

Publicacións de actas de congresos internacionais

Resultados de creatividade artística (para grupos de Arquitectura e Belas Artes)

23

Patentes en explotación (*)

3

Empresas creadas a partir de resultados de investigación do grupo

3

Participación como editor/a (xefe/a ou asociado/a) en comités editoriais de revistas científicas indexadas en SCOPUS/WoS

2

C) Estratexia do grupo de investigación. Ata un total de 20 puntos

Calidade e viabilidade da proposta de desenvolvemento do grupo

Estratexia de aplicabilidade dos resultados que alega o grupo

20

Puntuación da comisión de selección. Ata 10 puntos

Pertenza do grupo a unha área prioritaria ou de especialización da súa universidade. En caso de que a universidade non achegue esta priorización, poderanse aplicar as priorizacións derivadas da Estratexia RIS3 de Galicia

5

Participación no equipo de investigadores dos campus periféricos, isto é, Ferrol, Lugo, Pontevedra e Ourense. Se todo o equipo pertence a un destes campus, 5 puntos; se algún membro pertence a estes campus, 1 punto

5

Puntuación total máxima

100

* Dado que as solicitudes das ramas de Artes e Humanidades e de Ciencias Sociais e Xurídicas adoitan ter dificultades para obter puntos polo rexistro e explotación de patentes, os 3 puntos máximos deste criterio acumularanse ao máximo de 23 puntos que se conceden por produción académica.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file