Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 11 de maio de 2015 Páx. 18510

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 4 de maio de 2015, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se acorda o plan de auditorías das contas anuais de 2014 das federacións deportivas galegas.

Consonte o establecido no artigo 57.1 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, a Administración deportiva autonómica poderá solicitar auditorías dos documentos oficiais que compoñen a contabilidade das federacións deportivas autonómicas. Na liña da referida previsión, o artigo 37.2 do Decreto 85/2014, do 3 de xullo, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, recolle que deberán presentar ao Rexistro «(...) un informe de auditoría das súas contas anuais aquelas federacións deportivas galegas que resulten obrigadas conforme o plan de auditorías aprobado pola Administración deportiva autonómica a inicios de cada exercicio. Anualmente incorporarase ao plan unha porcentaxe de federacións, de forma que, cada catro anos, todas presenten o dito informe».

Segundo as referidas previsións, anualmente a Secretaría Xeral para o Deporte vén aprobando plans de auditorías das federacións deportivas para o depósito dos referidos informes no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, polo que se debe proceder á preceptiva aprobación do plan correspondente ao exercicio 2014.

Por tanto, en uso das facultades que teño atribuídas pola lexislación vixente de aplicación,

DISPOÑO:

Único. Aprobación do plan de auditorías das contas anuais 2014 das federacións deportivas galegas

Deberán presentar ante o Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia informe de auditoría das contas anuais de 2014, antes do 30 de setembro deste ano, as federacións deportivas galegas de actividades subacuáticas, bádminton, béisbol e sofbol, halterofilia, montañismo, motonáutica, taekwondo, petanca, hípica, remo, salvamento e socorrismo, xadrez, hóckey, así como as federacións deportivas que no 2014 percibiron máis de 125.000 euros en execución do convenio de colaboración subscrito coa Secretaría Xeral para o Deporte, isto é, atletismo, automobilismo, baloncesto, ciclismo, fútbol, fútbol sala, natación, péntatlon moderno e tríatlon, piragüismo e vela.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2015

José Ramón Lete Lasa
Secretario xeral para o Deporte