Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 11 de maio de 2015 Páx. 18550

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 9 de abril de 2015, da Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, pola que se resolve a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de avaliación colexiada, do posto de xefatura da Sección de Farmacia do Complexo Hospitalario de Pontevedra.

Mediante Resolución do 21 de xaneiro de 2013, da Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés (DOG nº 32, do 14 de febreiro), convocouse para a súa provisión, polo sistema de avaliación colexiada, o posto de xefatura da Sección de Farmacia do Complexo Hospitalario de Pontevedra.

En virtude das competencias atribuídas polo Decreto 43/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde (DOG nº 47, do 7 de marzo), e pola Orde do 28 de setembro de 2011 pola que se desenvolve a estrutura organizativa da Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés e se delegan competencias nos seus órganos directivos (DOG nº 188, do 30 de setembro), modificada pola Orde de 5 de xullo de 2012 (DOG nº 139, do 20 de xullo), esta xerencia

RESOLVE:

Primeiro. Adxudicar o posto de xefatura da Sección de Farmacia do Complexo Hospitalario de Pontevedra a Mª Rosario Olivera Fernández, aspirante que acadou a maior puntuación.

Segundo. A aspirante deberá cesar na praza que desempeñe dentro dos tres días hábiles seguintes a aquel en que se publique a resolución no Diario Oficial de Galicia.

A toma de posesión do posto de traballo adxudicado deberá efectuarse dentro dos tres días hábiles seguintes ao do cesamento, se a praza desempeñada e o posto adxudicado son da mesma área de saúde, ou no prazo de quince días hábiles, se son de distinta área de saúde. Para estes efectos entenderase por praza desempeñada a efectivamente ocupada, con independencia de que sexa en condición de destino definitivo, adscrición ou destino provisional ou comisión de servizos.

Se así o permiten as necesidades do servizo e por petición motivada da interesada, os prazos a que se refiren os parágrafos anteriores poderán ser prorrogados polo órgano convocante.

O prazo de toma de posesión e a súa prórroga terán a condición de servizo activo e percibiranse os correspondentes haberes de conformidade co que estableza a orde sobre confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica.

Entenderase que solicita excedencia voluntaria por interese particular e será declarado nesa situación polo órgano competente quen non se incorpore ao posto adxudicado no prazo establecido.

Tercero. A aspirante seleccionada obterá un nomeamento para o desempeño do posto por un período inicial de catro anos de duración. Antes da finalización do referido período, a profesional seleccionada será avaliada para os efectos da súa prórroga, por idéntico período, ou remoción. Neste último caso, darase previamente audiencia a interesada.

Cuarto. Contra a presente resolución poderá interporse recurso de alzada ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución, segundo o establecido nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Pontevedra, 9 de abril de 2015

José Manuel González Álvarez
Xerente de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés