Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Mércores, 6 de maio de 2015 Páx. 17698

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 14 de abril de 2015 de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do concello de Baralla, no ámbito da canteira de Vale.

Con datas do 27 de agosto de 2014, 28 de outubro de 2014 e 16 de xaneiro de 2015 recibiuse documentación do expediente de referencia, remitido polo Concello de Baralla, en cumprimento da resolución do Pleno municipal do 24 de xullo de 2014, pola que se acordou aprobar provisionalmente a presente modificación.

Unha vez analizada a documentación achegada polo Concello de Baralla, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

a) O Concello de Baralla dispón dunhas normas subsidiarias de planeamento aprobadas definitivamente o 18 de xuño de 1986, con varias modificacións puntuais que non afectan o ámbito da presente modificación.

b) A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental emitiu unha decisión pola que se eximiu a modificación de someterse á avaliación ambiental estratéxica (6 de abril de 2010, DOG núm. 83, do 4 de maio).

c) Cánto á tramitación da presente modificación (expediente PTU-LU-13/001), cómpre indicar:

c.1. Este expediente ten o seu antecedente directo no PTU-LU-10/028, cuxo proxecto orixinal afectaba dous ámbitos –un en Sixirei e outro en Vale–, afectados por dúas explotacións mineiras, que foi disociado posteriormente en dous expedientes independentes (PTU-LU-14/091 e PTU-LU-13/001).

c.2. O proxecto orixinal que afectaba os dous ámbitos, datado en novembro de 2010, foi informado pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo o 24 de xaneiro de 2011 e sinaláronse varias deficiencias que emendar. Un proxecto corrixido posterior, datado en maio de 2011, serviu de base á aprobación inicial o 29 de xullo de 2011, á exposición pública, á audiencia aos concellos limítrofes e a varios informes sectoriais.

c.3. Unha vez recadados informes favorables en materia de montes, minas, patrimonio e augas, o Concello aprobou provisionalmente a modificación no ámbito de Vale, o 18 de decembro de 2012, e instou a aprobación definitiva da CMATI, que ditou orde denegatoria o 16 de maio de 2013.

d.4. Tras a emisión da referida orde, realizáronse as seguintes actuacións:

• Informe favorable da Dirección Xeral de Conservación da Natureza e Medio Ambiente (13 de decembro de 2013).

• Aprobación provisional da modificación (24 de xullo de 2014) con base no proxecto de xullo 2014.

• Informe en materia de montes (25 de novembro de 2014) que indica afección ao monte veciñal en man común de Oucedo-serra de Vale, mais sen afectar o sistema forestal.

II. Análise e consideracións.

A presente modificación pretende viabilizar o desenvolvemento dunha explotación mineira a ceo aberto (Vale núm. 319) para a extracción de árido calcario.

Para tal efecto propón a clasificación de solo rústico de protección ordinaria sobre unha superficie aproximada de 3,81 ha. A meirande parte desta superficie –unhas 3,21 ha– clasifícanse como solo non urbanizable de especial protección nas vixentes NSP. O resto clasifícase como solo non urbanizable sen protección específica.

Cumprimento das observacións contidas na Orde da CMATI do 16 de maio de 2013.

O proxecto xustifica a perda ou inexistencia de valores para protexer con base nos informes favorables da Dirección Xeral de Conservación da Natureza (9 de xuño de 2014) e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (3 de setembro de 2012).

Así mesmo, o informe do 22 de outubro de 2014, do Servizo de Montes de Lugo, conclúe que a modificación non afecta o sistema forestal.

O novo proxecto que se somete á aprobación definitiva concreta a zonificación acústica do ámbito (plano núm. 06) e incorpora un punto 8, informe de sustentabilidade económica, segundo o cal a modificación non ten incidencia económica negativa na Facenda municipal e a licenza da actividade extractiva implica un incremento da dita facenda, cumprindo as observacións formuladas na anterior orde da CMATI.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do documento de modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do concello de Cospeito correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG e no artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

III. Resolución.

Á vista de todo o que antecede e ao abeiro do establecido no artigo 85.7 a) en relación co 93.4, da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, resolvo:

Primeiro. Aprobar definitivamente o proxecto de modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do concello de Baralla no ámbito da canteira de Vale.

Segundo. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

Cuarto. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2015

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas