Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Luns, 4 de maio de 2015 Páx. 17224

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 27 de abril de 2015 pola que se fai público o acordo do Consello de Dirección polo que se modifican as bases reguladoras dos préstamos Jeremie-Igape previstos no programa operativo Feder Galicia 2007-2013, en beneficio de pequenas e medianas empresas e microempresas cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

Mediante Resolución do 3 de xuño de 2014 (DOG núm. 108, do 9 de xuño) publicáronse as bases reguladoras dos préstamos Jeremie-Igape previstos no programa operativo Feder Galicia 2007-2013, en beneficio de pequenas e medianas empresas e microempresas cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, e procedeuse á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

Tendo en conta a experiencia do funcionamento desta liña de financiamento, é oportuno modificar determinados aspectos, algúns de índole operativa e outros que flexibilizan os requisitos de acceso, tanto no que se refire á tipoloxía de proxectos como de beneficiarios, para que sirva para paliar en maior medida as deficiencias actuais do mercado financeiro en Galicia.

Tamén a evolución dos mercados financeiros permite modificar os tipos de xuro e os importes dos préstamos aplicables sen que a axuda implícita calculada sobre a base da Comunicación 2008/C 14/02, da Comisión, supere os límites máximos do réxime de minimis.

Neste senso, cómpre modificar as contías mínimas e máximas do préstamo, para que se poidan beneficiar unha maior variedade de proxectos de investimento en canto á súa dimensión, incluír a posibilidade de financiar o IVE do investimento cando este non sexa recuperable ou compensable, ampliar os sectores de actividade susceptibles de apoio e abrir a posibilidade de ser beneficiarios os autónomos, as sociedades civís e as comunidades de bens. Tamén cómpre mellorar as condicións financeiras e de devolución do préstamo, rebaixando os tipos de xuro e permitindo que os beneficiarios poidan amortizalo en dez anos unha vez finalizado o primeiro ano de carencia, o prazo máximo de vixencia total quedará establecido en once anos.

Por outra banda, como consecuencia dos requisitos do instrumento financeiro Jeremie, os beneficiarios finais deberán dispor na súa conta bancaria dos recursos líquidos procedentes dos préstamos antes do 31 de decembro de 2015, aínda que tales fondos poden ser aplicados ao pagamento dos investimentos con posterioridade. Por iso resulta conveniente modificar o procedemento de disposición de fondos para adaptalo a estas limitacións, mantendo as necesarias cautelas para asegurar que os fondos non sexan aplicados a outras finalidades distintas do pagamento aos provedores dos investimentos.

En virtude destes antecedentes, o Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 10 de abril de 2015, acordou a modificación das bases reguladoras dos préstamos Jeremie-Igape previstos no programa operativo Feder Galicia 2007-2013, en beneficio de pequenas e medianas empresas e microempresas, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

Por todo o anterior, de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar a convocatoria, en réxime de concorrencia non competitiva, das bases reguladoras dos préstamos Jeremie-Igape previstos no programa operativo Feder Galicia 2007-2013, en beneficio de pequenas e medianas empresas e microempresas cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, publicadas mediante Resolución do 3 de xuño de 2014 (DOG núm. 108, do 9 de xuño), no seguinte punto:

Amplíase o prazo de presentación de solicitudes ata o 30 de setembro de 2015. No caso de esgotamento do crédito, o Igape publicará esa circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es , co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.

Segundo. Publicar a modificación das bases reguladoras dos préstamos Jeremie-Igape previstos no programa operativo Feder Galicia 2007-2013, en beneficio de pequenas e medianas empresas e microempresas, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, publicadas mediante Resolución do 3 de xuño de 2014 (DOG núm. 108, do 9 de xuño), no seguinte senso:

– Engádese o punto 3 no artigo 1:

«1.3. Tamén poderán ser beneficiarias as persoas físicas e as sociedades civís ou comunidades de bens que cumpran os requisitos sinalados nos puntos anteriores. Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe das axudas que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiaria lle correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos do artigo 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia».

– Modifícase o artigo 2.1, que queda redactado do seguinte xeito:

«O proxecto deberá presentar un investimento financiable non inferior a 70.000 €».

– Modifícase o artigo 3.1.c), que queda redactado do seguinte xeito:

«Exclúense impostos, taxas e arbitrios, agás o imposto sobre o valor engadido cando este non poida ser obxecto de recuperación ou compensación polo beneficiario».

– Modifícase o artigo 4.1, que queda redactado do seguinte xeito:

«Importe do financiamento: o importe do préstamo estará comprendido entre un mínimo de 49.000 € e un máximo de 1.820.000 € e non superará en ningún caso o 70 % do investimento financiable nin a suma deste pendente de pagamento».

– Modifícase o artigo 4.3, que queda redactado do seguinte xeito:

«Xuros: o capital disposto e non amortizado do préstamo percibirá diariamente, contado desde a disposición dos fondos e ata que transcorra o prazo de vixencia do préstamo, un xuro nominal fixo que se liquidará e se pagará con periodicidade trimestral e con carácter vencido o último día de cada trimestre natural, xunto coa cantidade destinada á amortización do principal.

Para cada unha das disposicións, no período comprendido desde a data da disposición do préstamo ata o último día do primeiro trimestre natural seguinte á disposición, o importe absoluto dos xuros percibidos calcularase segundo a seguinte fórmula:

C × R × T

—————

   36000

Onde C = capital, R = tipo de xuro nominal anual pagadoiro trimestralmente, expresado en puntos porcentuais, e T = número de días naturais comprendidos entre a data de disposición e o último día do trimestre natural.

Nos restantes períodos trimestrais completos de xuro, o importe absoluto dos xuros percibidos calcularase aplicando a seguinte fórmula:

C × R

————

    400

Onde C = capital, R = tipo de xuro nominal anual expresado en puntos porcentuais.

Sen prexuízo do dereito de resolución do préstamo, en caso de atraso no pagamento dalgunha das sumas debidas en virtude deste contrato, o prestamista incorrerá de pleno dereito en mora sen necesidade de requirimento previo e virá obrigado a pagar sobre a suma vencida o tipo de xuro ordinario do período máis 6 puntos porcentuais anuais. Eses xuros liquidaranse coincidindo co seguinte vencemento trimestral de xuros.

O tipo de xuro fixo, que se determinará no momento da concesión para toda a vida do préstamo, será o resultado de sumar á media aritmética do Euríbor a 1 ano do mes anterior á concesión un diferencial determinado en función do importe inicial do préstamo e das garantías, conforme os seguintes criterios:

a) Tramos que sexan garantidos con aval bancario ou de sociedade de garantía recíproca en cobertura do principal adebedado, o diferencial será do 0,1 %.

b) Para os tramos sen os tipos de afianzamento sinalados no alínea a) anterior:

– Ata un máximo de 840.000 €: 0,1 %.

– De máis de 840.000 € a un máximo de 1.400.000 €: 0,2 %.

– De máis de 1.400.000 € a un máximo de 1.820.000 €: 0,5 %.

En caso de que a unha mesma empresa se lle concedese previamente algunha outra operación de préstamo ao abeiro destas bases, para os efectos de computar os tramos para o cálculo do tipo de xuro aplicable, restarase a suma do financiamento previamente concedido dos tramos con porcentaxes de tipo de xuro máis baixas.

As porcentaxes de tipo de xuro anteriormente citadas serán revisadas en función das condicións de mercado calculadas sobre a base da Comunicación 2008/C 14/02, da Comisión, de modo que se garanta en todo momento o cumprimento do réxime de minimis. Os novos tipos resultantes serán obxecto de publicación no DOG e afectarán todas as operacións que se concedan a partir da data de publicación».

– Modifícase o primeiro parágrafo do artigo 4.4, que queda redactado do seguinte xeito:

«Reembolso do principal dos préstamos: os préstamos que conceda o Igape terán un prazo mínimo de amortización de 2 anos e un máximo de 11 anos, e reembolsaranse mediante cotas trimestrais, sen que en ningún caso poida superar a vida económica e técnica dos bens financiados. Poderase establecer un prazo de carencia máximo de 1 ano».

– Engádese a letra h) no artigo 7.1.4:

«h) Para o caso de persoas físicas, sociedades civís ou comunidades de bens, en lugar da documentación sinalada nas letras a), b) e c) anteriores, deberán achegar a copia da declaración do IRPF do último exercicio e as copias das declaracións do IVE: resumo anual do exercicio anterior e liquidacións periódicas do exercicio corrente».

– Engádese o seguinte parágrafo no artigo 9:

«As beneficiarias que reciban a notificación de concesión antes do 15 de setembro de 2015 terán un prazo de 3 meses desde a notificación da aprobación da operación para instar a súa formalización. Aquelas que reciban a notificación da concesión con posterioridade á dita data terán como prazo máximo para formalizar o préstamo ata o 15 de decembro de 2015. Unha vez transcorridos os prazos sinalados sen formalizarse a operación, revogarase a concesión e arquivarase o expediente».

– Modifícase o artigo 10, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 10. Disposición

10.1. O prazo máximo para solicitar a disposición dos fondos rematará o 18 de decembro de 2015.

10.2. Para o desembolso do préstamo, admitiranse un máximo de 4 disposicións.

10.3. O desembolso do préstamo realizarase por solicitude da prestameira. A solicitude de desembolso conforme o modelo do anexo III presentarase ante os servizos centrais do Igape, nas súas oficinas territoriais ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

10.4. Cando o reembolso dun tramo do préstamo figure garantido mediante aval bancario ou de sociedade de garantía recíproca, o desembolso dese tramo poderase realizar dunha soa vez. Nestes supostos, non será necesario especificar na solicitude de desembolso (anexo III) os pagamentos realizados previamente do investimento nin o detalle de provedores.

10.5. Os avais bancarios ou de sociedade de garantía recíproca achegados pola beneficiaria en garantía da execución e correcta xustificación ante o Igape dos investimentos aprobados no acordo de concesión serán liberados unha vez conste xustificado o proxecto conforme o establecido no artigo 13 das presentes bases.

10.6. Para aqueles préstamos que non conten coas garantías sinaladas nos puntos 10.4 e 10.5 anteriores, con carácter previo ao desembolso do préstamo, a prestameira deberá cumprir os seguintes requisitos:

a) Con carácter previo ao desembolso da primeira disposición dos fondos, a prestameira deberá presentar ao Igape primeira copia da escritura ou póliza de préstamo debidamente liquidada e rexistrada, e será requisito para ela que as garantías que, se é o caso, se establezan no acordo de concesión estean debidamente inscritas nos rexistros que correspondan.

b) O acordo de concesión establecerá as cautelas necesarias para tratar de evitar que os fondos do préstamo poidan ser aplicados a finalidades distintas do pagamento aos provedores do investimento. Con carácter xeral:

b.1) Para os proxectos cuxo prazo de execución remate antes do 31 de decembro de 2015, será necesario acreditar previamente á disposición a existencia de débeda cos provedores dos bens que se van financiar, mediante orixinal ou copia cotexada de facturas, contratos, facturas pro forma ou orzamentos debidamente aceptados. En proxectos xa iniciados, e sempre para a segunda e posteriores disposicións, será necesario acreditar documentalmente a realización e o pagamento dos investimentos executados, mediante copia cotexada de facturas, xustificantes de pagamento e extractos bancarios. Con carácter xeral, a parte do proxecto financiada con fondos propios ou outros fondos alleos será executada e pagada con anterioridade á utilización do préstamo ou simultaneamente.

b.2) Para proxectos cuxo prazo de execución se estenda máis alá do 31 de decembro de 2015, o desembolso da totalidade dos fondos do préstamo deberá realizarse con anterioridade á dita data, nunha conta bancaria aberta a nome da beneficiaria exclusivamente para tal efecto, e non deberá aplicarse a finalidades distintas ao pagamento dos provedores do investimento».

– Modifícase o artigo 11, que queda redactado do seguinte xeito:

«O período de execución do proxecto iniciarase na data en que o titular presente a solicitude de préstamo e finalizará na data que se especifique no acordo de concesión. Todos os xustificantes da realización e pagamento dos investimentos deberán estar datados nese período, así como calquera outra condición establecida no acordo de concesión».

– Modifícase o artigo 13.1, que queda redactado do seguinte xeito:

«A aplicación do préstamo ao pagamento dos investimentos acreditarase documentalmente ante o Igape nun prazo máximo de 4 meses desde a data de finalización do período de execución indicado no acordo de concesión».

– Substitúese o anexo II «Relación de actividades excluídas (non financiables)» polo que se anexa nesta resolución.

Terceiro. Aplicación transitoria

Esta modificación entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e rexerá para aquelas operacións que se concedan posteriormente á dita entrada en vigor.

As beneficiarias de préstamos concedidos con anterioridade poderán presentar unha solicitude de modificación dos termos do acordo de concesión para adaptalo ás novas condicións, nun prazo de 30 días desde a data de publicación desta resolución. A dita solicitude dirixirase á Dirección Xeral do Igape e deberá ser presentada no Rexistro Xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sobre as solicitudes de adaptación ás novas condicións emitirá informe a Área de Financiamento do Igape e resolveraas a Dirección Xeral. Na resolución indicaranse as novas condicións financeiras e o novo importe de subvención bruta equivalente.

No caso de operacións de préstamo xa formalizadas, non suporá en ningún caso o reintegro de xuros cobrados antes da instrumentación da novación e todos os gastos derivados serán por conta da beneficiaria, que deberá presentarlle ao Igape a primeira copia da escritura de novación ou póliza de préstamo debidamente liquidada e rexistrada antes do prazo que na correspondente resolución se estableza.

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2015

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO II
Relación de actividades excluídas (non financiables)

CNAE2009

Título CNAE 2009

01

02

03

05

06

07

4941

84

9103

9104

94

97

98

99

Agricultura, gandaría, caza e servizos relacionados con elas

Silvicultura e explotación forestal

Pesca e acuicultura

Extracción de antracita, hulla e lignito

Extracción de cru de petróleo e gas natural

Extracción de minerais metálicos

Transporte de mercadorías por estrada

Administración pública e defensa; Seguridade Social obrigatoria

Xestión de lugares e edificios históricos

Actividades dos xardíns botánicos, parques zoolóxicos e reservas naturais

Actividades asociativas

Actividades dos fogares como empregadores de persoal doméstico

Actividades dos fogares como produtores de bens e servizos para uso propio

Actividades de organizacións e organismos extraterritoriais