Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 28 de abril de 2015 Páx. 16211

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 8 de abril de 2015 pola que se convoca o curso monográfico A Administración pública como garante da competencia e dos intereses dos consumidores.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2015 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, convócase o curso monográfico A Administración pública como garante da competencia e dos intereses dos consumidores, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Analizar, desde unha perspectiva teórica e práctica, como a Administración pública galega pode e debe contribuír a promover a libre competencia nos mercados, a defensa dos consumidores ante prácticas de competencia desleal, e a resolución de conflitos de consumo a través de mecanismos de arbitraxe.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

– A arbitraxe de consumo.

– Cara a un novo proceso civil colectivo no exercicio das accións en defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios.

– Mesa redonda: a arbitraxe de consumo en Galicia: supostos prácticos.

– O dereito da competencia: perspectivas de futuro.

– A actuación das administracións públicas en defensa da libre competencia.

– Análise de casos prácticos de cartel en contratación pública e de amparo pola Administración de prácticas restritivas.

– O papel da Administración autonómica fronte ás prácticas comerciais desleais.

– A publicidade ilícita como infracción de consumo: supostos prácticos.

3. Destinatarios.

Empregados das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica coma local e de xustiza, das universidades do Sistema universitario de Galicia, persoal das entidades do sector público, xuristas, profesionais e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Datas: 12 e 13 de maio de 2015.

Horario: 12 de maio, mañá e tarde.

13 de maio, mañá e tarde.

Duración: 18 horas lectivas.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP: https://egap.xunta.es/matricula/ .

O prazo para inscribirse estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 10 de maio de 2015.

Poderá obterse calquera outra información, das 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41; 981 54 62 39.

7. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

8. Certificado de asistencia oficial.

Ao final do curso entregarase un certificado de asistencia a aquelas persoas inscritas que tivesen participado asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data, o lugar de realización e o selo oficial da institución.

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2015

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública