Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 28 de abril de 2015 Páx. 16241

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Cambados

EDICTO (261/2014).

Que en virtude do acordado nos autos de referencia, de conformidade co disposto nos artigos 156.4 e 164 da Lei 1/2000, de axuizamento civil, por medio do presente edicto notifícaselles a Xaime da Pena Gutiérrez e a Uxío da Pena Gutiérrez a sentenza ditada por este xulgado o 4 de febreiro de 2015 e fáiselles saber que contra ela cabe interpoñer recurso de apelación no prazo de cinco días para ante a Audiencia Provincial de Pontevedra:

«Sentenza 15/2015.

Cambados, 4 de febreiro de 2015.

Vistos por min, Juan Manuel Hermo Costoya, xuíz titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Cambados e o seu partido xudicial, os presentes autos de xuízo de faltas número 261/2014 pola posible comisión duns feitos que poderían dar lugar a varias faltas de lesións do artigo 617.1 do CP, en que son partes, pola súa vez denunciantes e denunciados, Antonio José Arcos Prado, que non compareceu ao acto do xuízo pero presentou, de acordo coa facultade prevista no artigo 970 da LACrim escrito de alegacións; e Xaime da Pena Gutiérrez e Uxío da Pena Gutiérrez, que non compareceron ao acto do xuízo. Compareceu o Ministerio Fiscal representado por Marco Montero. De acordo cos seguintes:

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 16 de agosto de 2013 recibiuse no xulgado de garda dos deste partido xudicial o atestado número 649/2013, instruído pola Garda Civil do Grove, que foi remitido por quenda a este órgano xudicial. Ás actuacións acumulouse o atestado número 656/2013, instruído pola mesma autoridade. Ambos os dous atestados versaban sobre os feitos ocorridos a madrugada do día 13 de agosto de 2013, sobre as 6.30 horas, nas inmediaciones do bar Náutico de San Vicente do Mar, O Grove.

O 21 de agosto de 2013 ditouse auto no cal se acordaba incoar dilixencias previas de procedemento abreviado e levar a cabo as dilixencias que se consideraron precisas para o esclarecemento dos feitos, a determinación da súa natureza, posibles responsables e órgano competente para o seu coñecemento.

Practicadas as dilixencias que se consideraron precisas, por auto do 15 de novembro de 2013 acordouse reputar falta os feitos denunciados, e unha vez firme este auto acordouse incoar xuízo de faltas e sinalar data para a súa celebración.

Tras varias suspensións ante a imposibilidade de citar os denunciados Xaime e Uxío da Pena Gutiérrez, finalmente estes foron citados por edictos e sinalouse como data para a celebración do xuízo o día 4 de febreiro de 2015.

Segundo. Chegado o día sinalado tivo lugar o acto da vista ao cal non compareceu persoalmente ningunha das partes. Antonio José Arcos Prado, de acordo co sinalado no artigo 970 da LACrim, ao ter a súa residencia nunha localidade fóra do partido xudicial, presentou as súas alegacións por escrito. Xaime e Uxío da Pena Gutiérrez non fixeron ningunha manifestación. O representante do ministerio público Marco Montero, compareceu no acto da vista.

Ante a inasistencia das partes á vista, o Ministerio Fiscal pediu a absolución de todos eles por falta de probas.

No seu escrito de alegacións Antonio José Arcos Prado, non fixo tampouco ningunha solicitude de pena fronte ás persoas por el denunciadas. Celebrada a vista que consta gravada en soporte dixital, quedaron as actuacións vistas para a súa resolución.

Feitos probados:

Dos medios de proba practicados no acto do xuízo non cabe desprender a comisión de ningún feito típico por parte da denunciada na presente causa.

Fundamentos de dereito:

Primero: ausencia de acusación.

De acordo cos artigos 741 e 969 da LACR, é no acto da vista onde o xulgador debe apreciar, mediante a valoración das probas practicadas, a concorrencia ou non dos feitos obxecto de litixio e, en consecuencia, condenar ou absolver segundo a dita valoración.

O proceso penal español está rexido polo chamado “principio acusatorio” que impide a condena de quen non foi acusado pois, de non facelo así e condenar, se produciría a vulneración do dereito fundamental recollido no artigo 24 da Constitución española que prohibe a indefensión, pois non cabe maior indefensión que a condena de quen pola súa innecesaridade –ao non ter sido acusado– non tivo a oportunidade, nin sabía, de que defenderse. Así o reitera a xurisprudencia do Tribunal Supremo en sentenzas do 30 de outubro de 1987, 10 de marzo de 1988 e 29 de xaneiro de 1988 entre outras. Igualmente, contense tal doutrina nas sentenzas do 15 de xaneiro de 1990 e 25 de xuño de 1992, entre outras, do Tribunal Constitucional.

Neste caso, ningunha das partes denunciantes e denunciados compareceron persoalmente ao acto do xuízo a soster a súa denuncia, ratificarse nela ou aclarar o modo en que ocorreran os feitos e propoñer os medios de proba precisos para soster as súas alegacións. Sendo as partes pola súa vez denunciantes e denunciadas, e ante a súa incomparecencia o ministerio público solicitou a absolución de todos eles por falta de probas, polo que, ante a ausencia de acusación e probas, procede ditar sentenza absolutoria.

Segundo: das custas.

De acordo co establecido nos artigos 239 e 240.1 da Lei de axuizamento criminal, procede declarar de oficio as custas procesuais.

Vistos os artigos citados e demais de xeral e pertinente aplicación

Decido:

Absólvense dos feitos obxecto deste xuízo de faltas a Antonio José Arcos Prado, Xaime da Pena Gutiérrez e Uxío da Pena Gutiérrez, e decláranse de oficio as custas procesuais causadas.

Notifíqueselles esta resolución ás partes e fágaselles saber que non é firme, e que contra ela cabe recurso de apelación no prazo de cinco días, que se preparará perante este xulgado, e do que coñecerá a Audiencia Provincial de Pontevedra.

Así por esta miña sentenza, xulgando nesta instancia pronúncioo, mándoo e asínoo. Dou fe».

Cambados, 7 de abril de 2015

O secretario xudicial