Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 28 de abril de 2015 Páx. 16120

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 27 de abril de 2015 pola que se amplía a dotación económica da Orde do 22 de decembro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinados a concellos de Galicia para o ano 2015, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013.

Mediante a Orde do 22 de decembro de 2014 establecéronse as bases reguladoras e convocáronse subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinados a concellos de Galicia para o ano 2015, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013 (DOG núm. 245, do 23 de decembro).

Esta orde tramitouse como expediente anticipado de gasto de acordo coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, e co establecido no proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, aprobado polo Consello da Xunta na súa reunión do 17 de outubro de 2014, na que se acordou a súa remisión ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación.

No seu artigo 4, a orde prevé a posibilidade de ampliación de crédito nos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No actual exercicio orzamentario produciuse unha incorporación de crédito procedente de exercicios anteriores, susceptible de aplicarse para o financiamento da convocatoria de subvencións que nos ocupa, polo que se pretende o incremento da dotación orzamentaria de referencia a través do suposto previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, recollido expresamente no artigo 4.2 da Orde do 22 de decembro de 2014.

En consecuencia co exposto, de acordo co Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, co Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, e co disposto na Orde do 22 de decembro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinados a concellos de Galicia para o ano 2015, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013

DISPOÑO:

Artigo único

1. Amplíase a dotación orzamentaria determinada na Orde do 22 de decembro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinados a concellos de Galicia para o ano 2015, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013, cofinanciada nun 75 % con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), nun 12,87 % con cargo a fondos FCI e un 12,13 % a transferencias finalistas do Estado.

Estes fondos Feader están incluídos no Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013 obxectivo eixo 3, «Mellora da calidade de vida das zonas rurais, diversificación da economía rural», medida 3.2.1 «Servizos básicos para a economía e a poboación rural», submedida 321.33, que ten como fin, entre outros, as axudas para a creación e/ou mellora de infraestruturas e equipamentos vinculados á prestación de servizos básicos.

2. O incremento da dotación será de 5.834.815,74 € con cargo á aplicación orzamentaria 05.23.141A.760.2 do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015, e queda establecida en 7.834.815,74 € a contía máxima das subvencións que se concedan.

3. Esta ampliación de crédito non afecta o prazo establecido no artigo 5 da Orde do 22 de decembro de 2014 para a presentación de solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo para resolver.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2015

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza