Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 24 de abril de 2015 Páx. 15646

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 60/2015, do 16 de abril, polo que se modifica o Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

O Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, desenvolve a estrutura orgánica superior ata o nivel de xefatura de servizo e regula, conxuntamente e de forma unitaria, a estrutura orgánica e correspondentes funcións dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, tendo como premisas os criterios de máxima eficacia, austeridade e economía na organización administrativa.

Neste marco, procede realizar a modificación da estrutura orgánica da Secretaría Xeral para o Deporte, co obxecto de adecuar a normativa competencial ás necesidades de reorganización administrativa derivadas da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, desenvolvida polo Decreto 85/2014, do 3 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, e polo Decreto 120/2013, do 24 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Comité Galego de Xustiza Deportiva, para dar resposta ás necesidades e á realidade do deporte galego e dos seus axentes.

A Secretaría Xeral para o Deporte é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponde a elaboración, proposta e execución da política do Goberno galego en materia de deportes, sen prexuízo das demais competencias que teña legal ou regulamentariamente atribuídas. Para o desenvolvemento destas competencias, o departamento de deportes da Administración autonómica estrutúrase na Subdirección Xeral de Xestión Deportiva e na Subdirección Xeral de Plans e Programas, subdireccións estas que, pola súa vez, contan con distintas unidades administrativas con nivel orgánico de servizo e inferior, encargadas das diversas tarefas asumidas por cada unha delas.

Nestas finalidades, ten especial consideración o exercicio da función inspectora establecida no artigo 5.1.i) e concordantes da Lei do deporte, que, segundo se recolle no seu artigo 113, será exercido por persoal funcionario adscrito á Secretaría Xeral para o Deporte. O emprego desta función adquire suma importancia, a que supón un garante para a axeitada práctica da actividade deportiva e, ademais e entre outras consecuencias, suporá para o persoal inspector debidamente acreditado a adquisición do carácter de axente da autoridade, que, como tal, gozará da protección e das facultades que a este dispensa a normativa en vigor (artigo 114.1 da Lei do deporte de Galicia).

Así mesmo, co obxectivo de dotar da máxima seguridade xurídica os axentes sociais implicados, considérase prioritario afianzar unha estrutura administrativa que permita seguir avanzando no desenvolvemento normativo do deporte galego. Esta mesma estrutura permitirá tamén optimizar as relacións da Administración deportiva autonómica cos propios axentes deportivos, dado que existen numerosas e moi diversas interrelacións entre a Administración e estes axentes derivadas da Lei 3/2012, do 2 de abril, especialmente no tocante ás federacións deportivas que, segundo o texto legal e xunto ás funcións que lles son propias, exercen por delegación funcións públicas, actuando neste punto como axentes colaboradores da Administración e baixo a súa tutela e coordinación.

Polo tanto, co fin de incorporar todas estas funcións e tarefas, o presente decreto crea unha nova unidade administrativa, con nivel orgánico de servizo, baixo a denominación de Servizo Xurídico-Deportivo.

Procede tamén a supresión do Servizo de Supervisión de Proxectos e Seguimento de Obras, ata agora dependente da Subdirección Xeral de Xestión Deportiva, ao considerar que a Secretaría Xeral para o Deporte desenvolve no ámbito das súas competencias un labor de xeneralización da actividade física e deportiva entre a poboación galega, así como de fomento da actividade deportiva competitiva e o seu conseguinte labor de apoio aos axentes deportivos (deportistas, clubs e federacións), todo iso como accións prioritarias fronte aos investimentos nas grandes infraestruturas deportivas.

Desta forma, e sen prexuízo de distintas actuacións en instalacións e infraestruturas deportivas, considérase que a dotación existente dunha unidade administrativa con nivel de sección, dependente da Subdirección Xeral de Xestión Deportiva, resulta axeitada para realizar as funcións que esta secretaría xeral asume en materia de instalacións deportivas.

Finalmente, como consecuencia da creación dun novo Servizo Xurídico-Deportivo e da supresión do Sevizo de Supervisión de Proxectos e Seguimento de Obras, modifícanse as funcións das unidades administrativas existentes na Secretaría Xeral para o Deporte.

De conformidade co exposto, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.4 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, co informe previo da Consellería de Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de abril de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia

O Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, queda modificado como segue:

Un. O artigo 5 queda redactado como segue:

«1. A Secretaría Xeral para o Deporte é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponde a elaboración, proposta e execución da política do Goberno galego en materia de deportes, sen prexuízo das demais competencias que teña legal ou regulamentariamente atribuídas.

En particular, correspóndenlle á Secretaría Xeral para o Deporte:

a) O deseño, programación, desenvolvemento e execución da política deportiva de Galicia.

b) A promoción e difusión da actividade física e do deporte, con especial atención á promoción da igualdade entre homes e mulleres, actuando, se é o caso, en colaboración con outras administracións e entidades públicas e privadas.

c) O apoio e promoción das asociacións deportivas, sempre que o seu ámbito de actuación non exceda o propio da comunidade autónoma.

d) O estudo e planificación das liñas de actuación no ámbito das infraestruturas deportivas.

e) A promoción e execución de infraestruturas de titularidade municipal mediante convenios de colaboración coas administracións locais. A colaboración coas administracións locais e coas entidades deportivas a través de axudas e subvencións nos ámbitos das infraestruturas e da adquisición de equipamentos.

f) En relación cos centros, tanto propios como dependentes doutras entidades, corresponderalle coordinar e supervisar o seu funcionamento e prestarlles a asistencia técnica necesaria para o correcto desenvolvemento da súa actividade.

g) A xestión das prestacións e programas en materias propias da Secretaría Xeral, así como a realización de todas aquelas accións encamiñadas á mellora da actividade física e deportiva e da infraestrutura deportiva galega.

h) A promoción e difusión do deporte galego nos ámbitos supraautonómicos.

i) As funcións recollidas nas disposicións adicionais deste decreto.

j) En xeral, e como órgano superior da Administración da Comunidade Autónoma no ámbito deportivo, as recollidas na Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

2. Para o desenvolvemento das anteditas funcións, esta secretaría xeral estruturarase nas seguintes unidades administrativas:

2.1. Subdirección Xeral de Xestión Deportiva, á que lle corresponden as seguintes funcións:

a) A asistencia técnica e administrativa á persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte en todos os asuntos que lle encomende.

b) A coordinación da elaboración do anteproxecto de orzamento da secretaría xeral, o seguimento e control deste e a avaliación dos distintos programas de gastos.

c) O rexistro xeral e a coordinación con outros rexistros, sen prexuízo das competencias da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

d) No ámbito da competición deportiva oficial, a coordinación das convocatorias de axudas e subvencións, e dos convenios e protocolos de colaboración que se subscriban con entidades públicas ou privadas.

e) A coordinación de todas as unidades administrativas da Secretaría Xeral para o Deporte para efectos administrativos e orzamentarios.

f) O seguimento e control da contratación administrativa.

g) A coordinación dos plans de construción de instalación deportivas propias.

h) A coordinación e asistencia técnica dos centros e instalacións deportivas para o correcto desenvolvemento da súa actividade.

i) A remisión ao Diario Oficial de Galicia e demais diarios ou boletíns oficiais das disposicións ou actos da Secretaría Xeral para o Deporte.

j) O control de asistencia e puntualidade do persoal da Secretaría Xeral, así como a elaboración do cadro anual de vacacións e informe da concesión de permisos e licenzas, seguindo as indicacións da Secretaría Xeral da Presidencia nos termos previstos na normativa aplicable.

k) As funcións de réxime interior e asuntos xerais da Secretaría Xeral para o Deporte.

l) A suplencia da persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade en todas as materias de tramitación administrativa e orzamentaria da súa competencia.

m) A coordinación e dirección das xefaturas de servizo en que se estrutura a Subdirección Xeral, no desenvolvemento das competencias específicas que teñan atribuídas, ás cales pode encomendarlles, por razón da súa competencia, calquera outra función para a execución dos proxectos, obxectivos e actividades da Subdirección.

n) Desenvolver as funcións das oficinas de supervisión de proxectos a que fai referencia a normativa vixente respecto das obras que teña ao seu cargo a Secretaría Xeral.

ñ) O seguimento das obras realizadas en instalacións propias así como das correspondentes a convenios de colaboración que se subscriban coas corporacións locais ou outros entes.

o) A creación e custodia do Rexistro de Instalacións Deportivas de Galicia.

p) A elaboración do Plan xeral de instalacións e equipamentos deportivos de Galicia, así como o seguimento dos plans de construción de instalacións deportivas propias.

Para o exercicio das súas funcións contará coa seguinte unidade con nivel orgánico de servizo, á que corresponderán, ademais das funcións previstas no artigo 36 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, as seguintes:

2.1.1. Servizo de Contratación e Xestión Económica, coas seguintes funcións:

a) A elaboración e coordinación do anteproxecto de orzamentos da Secretaría Xeral, así como o control e seguimento da execución orzamentaria, xestión económica e habilitación de pagamentos, agás o capítulo I.

b) A tramitación e execución dos expedientes de contratación administrativa.

c) A tramitación, concesión e xestión de axudas e subvencións a entidades deportivas para o desenvolvemento da súa actividade deportiva competitiva, e a entidades públicas ou privadas para a construción ou reparación de infraestruturas deportivas.

d) A tramitación e execución de convenios que permitan a execución das liñas de actuación da Secretaría Xeral.

2.2. Subdirección Xeral de Plans e Programas, á que lle corresponden as seguintes funcións:

a) A elaboración, deseño e execución dos plans de tecnificación deportiva e alto nivel.

b) A elaboración de plans e programas relacionados co ámbito deportivo non competitivo, especialmente relativos á promoción da actividade física no conxunto da sociedade e ao desenvolvemento das funcionalidades económica, social e educativa do deporte.

c) A promoción da investigación académica e científica no ámbito deportivo a través das correspondentes relacións coas universidades, tecido empresarial e outros axentes afectados.

d) A coordinación da actividade deportiva cos plans, programas e actuacións docentes do INEF.

e) A coordinación e dirección das xefaturas de servizo en que se estrutura a Subdirección Xeral, no desenvolvemento das competencias específicas que teña atribuídas, podendo encomendarlles, por razón da súa competencia, calquera outra función para a execución dos proxectos, obxectivos e actividades da Subdirección.

f) A xestión dos centros de tecnificación deportiva da Xunta de Galicia e a súa coordinación coas federacións deportivas e outras entidades para a súa utilización.

g) En xeral, prestar asistencia e desenvolver calquera outra función que, por razón da súa competencia, lle encomende a persoa titular da Secretaría Xeral.

Para o exercicio das súas funcións, contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo, ás que corresponderán, ademais das funcións previstas no artigo 36 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, as seguintes:

2.2.1. Servizo de Deporte en Idade Escolar, coas seguintes funcións:

a) Fomento e promoción da actividade física e deportiva entre a poboación escolar.

b) Elaboración dos plans e programas relacionados co deporte en idade escolar.

c) A coordinación dos plans de formación realizados desde a Escola Galega do Deporte.

2.3. Servizo Xurídico-Deportivo, ao que lle corresponden as seguintes funcións:

a) O Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, asumindo as tarefas derivadas da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, e do Decreto 85/2014, do 3 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

b) A formulación dos borradores e anteproxectos de iniciativas normativas que lle encomende a persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte en execución das súas atribucións.

c) O seguimento e control xurídico das entidades deportivas de Galicia e dos plans e programas da Secretaría Xeral.

d) As competencias e actuacións derivadas da función inspectora da Administración deportiva.

3. Para o exercicio das súas competencias, a Secretaría Xeral para o Deporte conta con catro unidades con nivel de xefatura de servizo nos servizos periféricos da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, coa denominación de Servizo de Deporte, aos cales lles corresponderá o fomento do deporte e o desenvolvemento das liñas de actuación da Secretaría Xeral no ámbito territorial da provincia correspondente, sen prexuízo das funcións de coordinación do exercicio das competencias que asume cada delegación territorial no seu correspondente ámbito territorial, de acordo co disposto no artigo 2 do Decreto 245/2009, do 30 de abril.

Os servizos de Deporte nos servizos periféricos dependerán funcionalmente da Secretaría Xeral e organicamente do Departamento Territorial da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

4. A Secretaría Xeral para o Deporte conta coa Escola Galega do Deporte, á que lle corresponderá a formación deportiva no ámbito da comunidade autónoma, así como as funcións propias de centro de documentación, investigación, estudo e documentación deportiva, sen prexuízo das atribucións que lle correspondan á consellería competente en materia de educación, e as restantes funcións atribuídas a este órgano pola Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia».

Disposición adicional única. Supresións e amortizacións de postos

Ás supresións de órganos e amortizacións de postos que se produzan como consecuencia do establecido neste decreto seralles de aplicación, de ser o caso, o réxime transitorio establecido no Decreto 88/2013, do 30 de maio.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a persoa titular da Secretaría Xeral da Presidencia para ditar as resolucións necesarias para a execución e desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de abril de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza