A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) adoptou o acordo de cesión, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, dun inmoble situado no concello de Vila de Cruces a favor do Concello de Vila de Cruces.
De conformidade co artigo 86.1 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 3/1989, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, procede publicar o dito acordo.
Por todo isto,
RESOLVO:
Publicar o Acordo do 3 de marzo de 2015 da Presidencia da Agader, polo que se cede en propiedade, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, un inmoble situado no concello de Vila de Cruces que se incorpora a esta resolución como documento anexo.
Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2015
Antonio Crespo Iglesias
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural
ANEXO
Acordo do 3 de marzo de 2015, da presidenta da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), polo que se cede en propiedade mediante adxudicación directa e a título gratuíto un inmoble situado no concello de
Vila de Cruces
A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) é titular dun inmoble que constitúe masa común nos termos establecidos no artigo 31 da Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, de conformidade co artigo 5.2 en relación co artigo 5.1.a) da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.
O Concello de Vila de Cruces solicitou formalmente a cesión mediante adxudicación directa e a título gratuíto.
O 17.7.2014 o director xeral de Agader acordou que se iniciase o procedemento para a transmisión en propiedade mediante adxudicación directa e a título gratuíto do inmoble.
O 18.7.2014 a Subdirección de Mobilidade de Terras de Agader emitiu informe favorable á transmisión en propiedade do inmoble.
O 7.10.2014 a Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda emitiu informe favorable á transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 14.2 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.
O 20.10.2014 a Secretaría Xeral da Consellería do Medio Rural e do Mar autorizou/emitiu informe favorable á transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 14.1.a) da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.
O 22.10.2014 a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma emitiu informe favorable á transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 11 do Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda.
O 6.11.2014 o Consello da Xunta de Galicia autorizou a transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 17.3 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.
O 11.7.2013 o Consello de Dirección da Agader delegou na persoa titular da Presidencia da Agader as competencias para o alleamento e cesión de bens inmobles e dereitos reais a que fan referencia os artigos 74.2 e 83.2 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo fixo público a Resolución do 24 de xullo de 2013 (DOG núm. 148, do 5 de agosto).
Tendo en conta o exposto, de acordo cos artigos 14 a 17 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, e 82 e seguintes da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e logo de proposta do director xeral da Agader,
DISPOÑO:
Primeiro. Acórdase a cesión, a título gratuíto, a favor do concello de Vila de Cruces, da propiedade do ben inmoble, de carácter patrimonial, situado no concello de Vila de Cruces, que se describe a seguir:
Descrición: parcela 310 do polígono 501 da zona de concentración parcelaria de Gres (Vila de Cruces-Pontevedra), en Casas, concello de Vila de Cruces (Pontevedra), cunha extensión superficial de 52 áreas e 29 centiáreas. Limita, norte con José María Rosende Granja (311) e estrada EP-7019 de Callobre á Ponte Ledesma; sur, con Antolín Penas Souto (311), Antolín Luis Penas Hermida (312), outros propietarios (314, 315) e camiño; leste, con Felisa Souto Rey (314), Santiago Soto Pardo (315), outros propietarios (311, 312) e estrada EP-7019 de Callobre á Ponte Ledesma; oeste, con José María Rosende Granja (309) e camiño.
Referencia catastral: 36059K501003100000IZ.
Inscrición catastral: Xunta de Galicia.
Inscrición rexistral: inscrita no Rexistro da Propiedade de Lalín, a nome de Sociedade Anónima Xestora Bantegal, tomo 1001, libro 135, folio 174, nº rexistral predio 22146, inscrición 1.
Segundo. A cesión en propiedade queda sometida ás seguintes cláusulas:
1. O inmoble destinarase a aparcadoiro municipal para auditorio municipal.
2. A persoa cesionaria, con coñecemento da situación física e legal do ben, adquíreo, xunto coas obras, construcións e instalacións existentes nel que sexan da Agader, como corpo certo, ao seu risco e ventura, renunciando ao saneamento por evicción, por vicios ou defectos ocultos e por gravames ocultos que lle concede o Código civil. No caso de obras, construcións e instalacións das cales a Agader manifesta ser a titular en aplicación do artigo 359 do Código civil, corresponderá á persoa cesionaria a procedente regularización xurídica no caso de reclamacións de terceiras persoas, para que inmoble, obras, construcións e instalacións sexan dun só titular, ben a persoa cesionaria, ben terceiras persoas no caso dunha accesión invertida. Non poderá transmitir en propiedade o ben a terceiras persoas. Debe remitir cada tres anos á persoa cedente a documentación que acredite o destino do ben.
3. De conformidade cos artigos 85 e 86 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, se o ben cedido non se aplica ao fin sinalado no prazo de dous anos desde o outorgamento do documento de cesión, ou deixa de estalo con posterioridade, se se descoida ou utiliza con grave quebrantamento ou se incumpren as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o ben reverterá á entidade cedente.
Serán por conta da persoa cesionaria o detrimento ou a deterioración sufridos polo ben cedido, sen que sexan indemnizables os gastos en que incorra para cumprir as cargas ou condicións impostas.
A resolución da cesión será declarada polo órgano competente para o seu outorgamento, e na resolución que declare a extinción da cesión determinarase, se é o caso, a indemnización polas deterioracións que sufrise o ben, logo da determinación da súa contía mediante taxación pericial.
Na resolución que declare a extinción da cesión a persoa cedente poderá optar porque o ben reverta, libre de cargas e gravames, sen dereito a indemnización á persoa cesionaria:
a) Repondo o ben ao estado anterior a calquera uso construtivo e/ou non construtivo.
b) Nas mesmas condicións de uso, construtivo e/ou non construtivo, en que se entregou, repondo o ben ao estado anterior, coa accesión do construído ao predio.
c) Nas condicións de uso, construtivo e/ou non construtivo, en que se atope no momento da extinción da cesión, coa accesión do construído ao predio.
d) De ser o caso, as obras, construcións e instalacións que revertan, que non fosen da titularidade da persoa cedente no momento da cesión, serán adquiridas gratuitamente pola persoa cedente.
4. A persoa cesionaria realizará, pola súa conta, a correspondente alta, baixa ou modificación no catastro inmobiliario, as inscricións, as anotacións e as altas no rexistro da propiedade ou noutros rexistros que correspondan, aínda que sexan facultativas e non obrigatorias, así como a declaración de obra nova, se for do caso, inscrita no rexistro da propiedade.
Todos os custos e impostos que deriven da cesión serán pola conta da persoa cesionaria, mesmo o imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana (plusvalía), se o houber.
5. A persoa cesionaria declara coñecer a situación urbanística do inmoble que se cede, así como os deberes legais e as obrigas pendentes de cumprir en caso de levarse a cabo actuacións de transformación urbanística, renunciando, por tanto, á facultade de rescindir o contrato e exixir as indemnizacións que procedan a que alude o artigo 19.3 do Real decreto lexislativo 2/2008, do 20 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo, por non ter feito constar a dita situación urbanística, deberes e obrigas, despois de serlle requirida a súa expedición pola persoa cedente.
Terceiro. A cesión formalizarase en documento administrativo subscrito polo órgano unipersoal de goberno da Agader, ou funcionario en quen delegue e deben constar nel o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.
Cuarto. A Agader, a través da Subdirección de Mobilidade de Terras, realizará todos os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón no presente acordo.