Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Martes, 14 de abril de 2015 Páx. 14195

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 1 de abril de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás agrupacións de persoal voluntario de protección civil de concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupación de concellos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

O Decreto 56/2000, do 3 de marzo, modificado polo Decreto 109/2004, do 27 de maio, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios/as, agrupacións de persoal voluntario e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia, regula no artigo 72 a posibilidade de que a Xunta de Galicia poida conceder subvencións ás agrupacións de persoal voluntario de protección civil.

Conforme o Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, correspóndelle a esta, entre outras competencias, as de protección civil.

A Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, dispón no seu artigo 48, punto catro, que as autoridades en materia de protección civil e emerxencias, en coordinación coa consellería da Administración autonómica competente na materia de voluntariado, promoverán a creación, o desenvolvemento e o equipamento das organizacións do voluntariado de protección civil.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas, polo Decreto 229/2012 e 320/2012, do 2 de decembro

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións ás agrupacións de persoal voluntario de protección civil de Galicia (AVPC), segundo recolle o artigo 72 do Decreto 56/2000, do 3 de marzo, e proceder á súa convocatoria para o ano 2015 en réxime de concorrencia competitiva.

Con estas axudas preténdese colaborar economicamente coas AVPC nos gastos de natureza corrente, o que posibilitará o funcionamento destas entidades dentro dos seus concellos e a colaboración nos plans e programas de protección civil da Xunta de Galicia.

Artigo 2. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias das subvencións as agrupacións de persoal voluntario de protección civil de Galicia legalmente constituídas, sen fins de lucro, que no día da publicación desta orde, cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas no Rexistro de agrupacións de persoal voluntario de protección civil ou que presentasen oficialmente a solicitude de inscrición nel, neste caso queda condicionada a concesión da subvención á efectiva inscrición, segundo se establece no artigo 59 e concordantes do Decreto 56/2000, do 3 de marzo. Esta condición debe cumprirse, como máis tarde, no último día do prazo de presentación de solicitudes.

b) Ter dependencia dun concello de menos de 50.000 habitantes, mancomunidade ou agrupación de concellos.

c) Xustificar o investimento e liquidación de subvencións concedidas en anos anteriores, segundo o disposto nos artigos aplicables da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e concordantes e do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de tal forma que a non xustificación deste investimento e liquidación leva consigo non poder optar ás subvencións nos seguintes exercicios.

d) Non ter sido condenados por sentencia firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións públicas, estar ao día do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Cumprir o disposto no artigo 54 do Decreto 56/2000, do 3 de marzo, e contratar un seguro de accidentes así como de responsabilidade civil.

Artigo 3. Crédito

Para a consecución do obxectivo a que se refire esta orde, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza destinará ata un límite de 340.000 €, con cargo á partida orzamentaria 05.25.212A.481.0 código de proxecto 2015 00106, correspondentes aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coa Lei 11/2014, do 19 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015.

As dotacións orzamentarias indicadas poderán incrementarse, se é procedente, con fondos comunitarios, do Estado ou da Comunidade Autónoma. Nese suposto tramitarase o oportuno expediente de xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de acordo co disposto no artigo 30.2.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. En todo caso, a concesión das subvencións estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Nos casos de renuncia dos solicitantes, anulación ou minoración por menor xustificación final das cantidades inicialmente aprobadas, as dotacións orzamentarias resultantes poderanlles ser adxudicadas a outros solicitantes de acordo coa orde de prelación que resulte da aplicación dos criterios do artigo 7 desta orde. Tamén poderán aplicarse para as aprobacións derivadas da resolución de recursos deste ou anteriores anos.

Os incrementos das dotacións orzamentarias indicadas no parágrafo anterior poderán empregarse para aumentar as contías das axudas ou o número das subvencións concedidas, sempre que se solicitasen no período indicado no artigo 5, sen necesidade de abrir un novo período de solicitudes.

Artigo 4. Destino das subvencións

As subvencións poderán ser utilizadas en:

1. Equipamento e vestimenta persoal de uniforme.

2. Equipos de prevención e de protección, sempre que se trate de material funxible (incluído material de caixa de urxencias).

3. Gastos ocasionados durante as actuacións levadas a cabo pola agrupación en materia de protección civil.

4. Gastos ocasionados pola conservación, mantemento e/ou alugamento da súa base e medios de intervención, aplicacións informáticas e de comunicacións, así como os gastos de comunicación fixos e móbiles de voz e datos.

5. Pagamento de seguros do persoal voluntario de protección civil ou outro tipo de seguros relacionados cos medios e desenvolvemento do traballo e das tarefas da AVPC.

6. Gastos ocasionados pola formación dos seus compoñentes.

7. Equipamento do material informático e de comunicacións, sempre que, en ambos os casos, se trate de elementos funxibles.

Artigo 5. Solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia. Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2º da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3º do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

2. A correspondente solicitude, dirixida á persoa titular da xefatura territorial de cada provincia da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, presentarase dentro do prazo dun mes a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Xunto coa solicitude presentarán a seguinte documentación:

a) Memoria das actuacións levadas a cabo pola agrupación no ano 2014 relacionando o número de intervencións e número de voluntarios/as participantes en cada unha (en soporte informático).

b) Fotocopia compulsada do NIF da AVPC, no caso de non ter solicitado a subvención no ano 2014 ou existir variación de datos respecto a esa solicitude.

c) Certificado da compañía aseguradora en que conste o número de voluntarios/as asegurados no seguro de responsabilidade civil e accidentes. No caso de que o sexan todos de forma non nominativa, deberá indicarse esta circunstancia na correspondente póliza, aínda que tamén poderá xustificarse cun certificado da compañía aseguradora.

d) Copia compulsada do convenio ou acordo de colaboración subscrito, entre concellos ou destes coa AVPC para a prestación dos servizos de protección civil de maneira mancomunada ou agrupada.

3. A presentación da solicitude leva implícita a autorización para a publicidade, inscrición no rexistro procedente e o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios para esas finalidades, así como a especificada no artigo 7, por exixencia normativa, segundo se especifica no artigo 15 desta orde.

4. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados aos interesados polas xefaturas territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, e concederáselles un prazo de dez (10) días para emendar os erros e omisións. Transcorrido este prazo sen que se produza a emenda, as peticións arquivaranse, de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 6. Instrución

1. Unha vez recibida a documentación nas xefaturas territoriais, os titulares destas remitirana á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, acompañada dun informe administrativo sobre o cumprimento do sinalado no artigo 5, e sinalando expresamente aqueles cambios de NIF e/ou conta bancaria respecto ao ano anterior.

2. Constituirase unha comisión de avaliación, que estará presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, ou persoa en quen delegue, formada polos cinco titulares das delegacións territoriais da Xunta de Galicia, actuando como secretario/a un/unha funcionario/a da citada dirección xeral que non terá dereito a voto.

3. A referida comisión fará unha proposta de resolución, tendo en conta os criterios sinalados no seguinte artigo, que lle será elevada posteriormente ao órgano competente para resolver.

Artigo 7. Criterios de avaliación

A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva e, para a elaboración da proposta de resolución, teranse en conta os seguintes criterios, que serán valorados segundo a graduación que en cada caso se indica, ata un máximo de 100 puntos:

1. Número de mobilizacións da AVPC constatados polo Centro de Atención de Emerxencias 112, referidas a accidentes, incendios, protección civil, salvamento e rescate, incidencias de circulación e riscos, ata un máximo de 14 puntos. Outorgaráselle a maior puntuación a quen teña maior número de mobilizacións e ao resto a que lle corresponda en proporción.

Poderase limitar o número máximo de mobilizacións, ao dobre da medida do conxunto de mobilizacións, a partir da cal se lle dará a mesma puntuación aos que estean por riba no seu rango e ao resto a que lle corresponda en proporción.

2. Pola prestación do servizo de emerxencia e protección civil de xeito mancomunado a máis dun concello, polo número de concellos asociados ou mancomunados para os servizos de emerxencia e protección civil, ata un máximo de 20 puntos. Para a valoración deste criterio terase en conta:

• Pola mera presentación da solicitude por parte da entidade que presta atención aos concellos mancomunados ou asociados, outórganse 10 puntos.

• Polo número de concellos asociados ou mancomunados para os servizos de emerxencia e protección civil, ata un máximo de 10 puntos. Outorgarase a maior puntuación ao solicitante con maior número de concellos asociados ou mancomunados e, ao resto, a que lle corresponda en proporción.

3. Ratio de número de voluntarios/as asegurados dedicados a protección civil por cada mil habitantes do concello, ata un máximo de 15 puntos. Outorgaráselle a maior puntuación a quen teña un mellor ratio e ao resto a que lle corresponda en proporción.

Poderase limitar o número máximo de ratio, ao dobre da medida do conxunto dos ratios, a partir do cal se lle dará a mesma puntuación aos que estean por riba no seu rango e ao resto a que lle corresponda en proporción.

4. O risco potencial de emerxencias, estimado polo Platerga, ata un máximo de 10 puntos. Puntuarase en atención aos tramos seguintes: risco moi alto, 10; risco alto, 8; risco moderado, 6; risco baixo, 4; e risco moi baixo, 2.

5. Atendendo á poboación do territorio da entidade local, segundo os datos que figuran no Instituto Galego de Estatística en 1.1.2015, ata un máximo de 10 puntos. Outorgarase a maior puntuación ao solicitante con maior poboación e, ao resto, a que lle corresponda en proporción.

6. Atendendo á extensión do territorio da entidade local, segundo os datos que figuran no Instituto Galego de Estatística en 1.1.2015, ata un máximo de 8 puntos. Outorgarase a maior puntuación ao solicitante con maior extensión territorial e, ao resto, a que lle corresponda en proporción.

7. A carencia de servizos de emerxencia, parques de bombeiros ou GES a máis de 20 km, desde o concello sede da entidade solicitante, 5 puntos.

8. Pola antigüidade da AVPC desde a súa inscrición no Rexistro de AVPC da Xunta de Galicia ata un máximo de 10 puntos, asinados cos seguintes criterios:

• 10 puntos as AVPC inscritas ata o ano 1995 inclusive.

• 8 puntos as AVPC inscritas ata o ano 2000 inclusive.

• 6 puntos as AVPC inscritas ata o ano 2005 inclusive.

• 4 puntos as AVPC inscritas ata o ano 2010 inclusive.

• 2 puntos as AVPC inscritas ata o ano 2015 inclusive.

9. Pola atención da AVPC ao servizo 24 horas, constatado pola información facilitada polo Centro de Atención de Emerxencias, 8 puntos.

Quedarán excluídas das subvencións aquelas AVPC que non acaden o 15 % da puntuación máxima outorgada, unha vez avaliadas a totalidade das solicitudes.

A subvención concedida será proporcional ao resultado da puntuación. En todo caso, cada subvención individual será sempre inferior a 10.000 euros.

O órgano que concede as subvencións asignará o crédito dispoñible na convocatoria entre todas as solicitudes non excluídas segundo a listaxe final da puntuación acadada por cada AVPC.

Artigo 8. Resolución, publicación e notificación

1. A resolución será adoptada pola persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, tendo en conta a proposta que faga a comisión de avaliación.

2. A notificación da resolución efectuaraa a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Transcorridos cinco meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde, sen que se dite e notifique resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Contra esta resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular de Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 9. Deberes dos beneficiarios

As persoas beneficiarias das subvencións deberán cumprir as obrigas sinaladas con carácter xeral no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en concreto, as seguintes:

a) Cumprir o obxectivo ou realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

b) Comunicarlles por escrito ás xefaturas territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia a súa aceptación ou renuncia no prazo de dez (10) días contados a partir do seguinte ao da notificación da resolución. Transcorrido este prazo sen que se produciza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente, así como calquera outra actuación, comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos, estatais ou comunitarios, para o que se achegará calquera información solicitada no exercicio desas actuacións. En especial, deberán facilitar a información que lle sexa requirida por esta consellería, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma ou polo Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

d) Comunicar ao órgano concedente a modificación das circunstancias que desen lugar á concesión da subvención, en canto se coñeza ou ben, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Achegar os documentos xustificativos tal e como se prevé no artigo 11.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto de actuacións de comprobación e control. En calquera caso, este período non será inferior a cinco (5) anos.

Artigo 10. Anticipos

Para as subvencións solicitadas poderá aboarse un anticipo de ata o 80 % da subvención concedida sempre e cando a cantidade da axuda no exceda os 18.000 € e nos casos en que o gasto exixa pagamentos inmediatos. O citado anticipo deberá ser solicitado expresamente polo beneficiario no propio impreso de solicitude da subvención (anexo I).

A persoa titular das xefaturas territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia fará a proposta de concesión ou denegación do devandito anticipo á persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que resolverá de maneira motivada.

Para obter o ingreso do anticipo o/a presidente/a de cada agrupación, unha vez publicada a resolución de concesión das subvencións, terá que presentar na Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, novamente e con data actualizada, a declaración en que se indique se pediron ou non outras subvencións para a mesma finalidade, así como a declaración de que cumpre cos requisitos previstos no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte a Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o modelo do anexo II.

Artigo 11. Xustificación e pagamento

As agrupacións ás cales se lles aprobaron as subvencións segundo o artigo 7 desta orde, disporán ata o 30 de setembro de 2015 para achegar ás xefaturas territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, as facturas orixinais ou fotocopias compulsadas polas oficinas de rexistro e xustificantes bancarios de pagamento correspondentes aos gastos aprobados, conformadas polo/a presidente/a da agrupación.

Ademais dos documentos anteriores deberán achegar, coa mesma data de presentación da xustificación, a declaración do/a presidente/a de cada agrupación, con data actualizada, segundo o modelo do anexo II.

Se o beneficiario non presentase a xustificación no prazo establecido, as xefaturas territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, requirirán a súa presentación no prazo improrrogable de dez (10) días.

A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

Terá a consideración de gasto realizado, para os efectos do disposto no artigo 29.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación, determinado neste artigo e a través dos documentos aquí indicados.

A liquidación do importe final das subvencións concedidas calcularase en función das facturas e demais xustificantes que se presenten ao respecto, de acordo co establecido nestas bases reguladoras e na resolución de concesión.

No caso de que os gastos totais xustificados e admitidos sexan inferiores ao importe da subvención concedida, practicarase a redución proporcional correspondente, sempre que se cumprisen os obxectivos previstos. Entenderase que queda por conta do beneficiario a diferenza de financiamento necesario para a total execución da actividade subvencionada.

Poderán admitirse os documentos xustificativos por gastos efectuados, de acordo co artigo 4 desta orde, entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2015.

Consideraranse xustificantes de pagamento válidos unicamente os seguintes:

• Facturas orixinais, de acordo co establecido do artigo 98.1º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, ou compulsadas polas oficinas de rexistro, acompañadas dos extractos ou certificacións bancarias correspondentes, debidamente identificadas.

• Para aquelas compras realizadas en metálico, de ata 1.000 euros por factura, será suficiente a factura orixinal ou compulsada polas oficinas de rexistro, na que figure «pagado» xunto coa sinatura, nome, apelidos e o número de NIF da persoa que recibiu o cobramento na empresa subministradora, e conformadas e asinadas polo/a presidente/a da agrupación.

• Documentos de liquidación de gastos de desprazamento e manutención en operativos de protección civil, en que figure tanto a conformidade do/a presidente/a da agrupación como o xustificante de recepción do/a voluntario/a perceptor/a desta compensación.

Estas directrices afectan todos os peticionarios, independentemente de que solicitasen anticipos ou non, e para todos os gastos, incluídos os realizados con cargo ás cantidades anticipadas.

Artigo 12. Compatibilidade

Estas axudas son compatibles coa percepción doutras subvencións, ingresos ou recursos para a mesma finalidade. Porén, o importe destes en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outros, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 13. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 14. Reintegro das subvencións

No caso de incumprimento do deber de xustificación, de destinar a subvención a unha finalidade distinta para a que foi concedida, ou se a agrupación non reúne os requisitos exixidos nesta orde ou en calquera dos supostos indicados no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro a esta comunidade autónoma das subvencións percibidas e dos xuros xerados, para isto seguirase o procedemento establecido no artigo 77 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Tamén se seguirá este procedemento naqueles casos en que a xustificación da subvención sexa inferior ao anticipo concedido.

Artigo 15. Consentimentos e autorizacións

Ás solicitudes das persoas interesadas xuntaranse os documentos e as informacións determinados no punto 2 do artigo 5, salvo que os documentos exixidos xa estean en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso, a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco (5) anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a vicepresidencia e consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

Artigo 16. Protección de datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a emerxencias.interior@xunta.es

Artigo 17. Modelos normalizados

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposicións derradeira primeira. Delegación de competencias

De conformidade co previsto no artigo 4.4º da Orde do 14 de maio de 2013 (DOG núm. 92, do 15 de maio), delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior a competencia para resolver os procedementos de subvención que se inicien en virtude desta orde.

Disposicións derradeira segunda. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposicións derradeira terceira. Lexislación aplicable

En todo o non previsto nesta orde, rexerá a normativa en materia de subvencións contida na Lei 9/2007, do 13 de xuño, no seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, así como na Lei 38/2003, do 17 de novembro, naquilo que non resulte derrogado pola normativa anteriormente citada.

Disposicións derradeira cuarta. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2015

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file
missing image file