Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Luns, 13 de abril de 2015 Páx. 14065

IV. Oposicións e concursos

Universidade da Coruña

RESOLUCIÓN do 27 de marzo de 2015 pola que se dispón a declaración de lesividade da Resolución do 4 de abril de 2011 pola que se convocaban probas selectivas para a provisión dunha praza de técnico de grao medio en Relacións Internacionais vacante na relación de postos de traballo de persoal laboral.

Antecedentes de feito:

Primeiro. Por Resolución do 4.4.2011 (DOG núm. 81, do 27 de abril) convocáronse probas selectivas para a provisión dunha praza de técnico de grao medio en Relacións Internacionais vacante na relación de postos de traballo de persoal laboral.

Segundo. Por Resolución reitoral do 24.5.2011 aprobouse a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas no devandito proceso selectivo.

Terceiro. No DOG núm. 129, do 6.7.2011 publicouse a Resolución do 20.6.2011 pola que se procedía a realizar unha corrección de erros da precedente Resolución reitoral do 4.4.2011. Porén, advertido con posterioridade que o contido da precitada modificación excedía o propio dunha mera rectificación, xa que, modificaba o programa do proceso selectivo e a linguaxe do terceiro exercicio deste, a Universidade resolveu revogar a Resolución do 20.6.2011. Tal revogación fíxose efectiva por Resolución do 25.4.2012.

Cuarto. Por Resolución do 10.3.2015 acordouse incoar expediente de declaración de lesividade da Resolución do 4.4.2011 pola que se convocaban probas selectivas para a provisión dunha praza de técnico de grao medio en Relacións Internacionais vacante na relación de postos de traballo de persoal laboral. Na dita resolución igualmente se dispoñía a publicación da dita resolución na web da UDC (taboleiro virtual) e se confería aos interesados un prazo de 10 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución para os efectos de que presentasen as alegacións que considerasen oportunas.

Quinto. Con data do 11.3.2015 consta acreditada a publicación da resolución precitada polo que o prazo concedido para os efectos de alegacións rematou o pasado 24.3.2015, sen que desde a publicación ata o día de hoxe conste que se teña presentado alegación ningunha ao respecto.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. É obxecto desta resolución reitoral a declaración de lesividade da Resolución reitoral do 4.4.2011 pola que se convocaban probas selectivas para a provisión dunha praza de técnico de grao medio en Relacións Internacionais vacante na relación de postos de traballo de persoal laboral, para a súa ulterior impugnación perante a orde xurisdicional contencioso-administrativa.

Segunda. A competencia para ditar esta resolución corresponde, por delegación do reitor da UDC, á persoa titular da Secretaría Xeral, segundo dispoñen os seguintes preceptos: artigo 20.1 Lei orgánica de universidades 6/2001, do 20 de decembro; artigo 40.1 dos Estatutos da UDC, aprobados polo Decreto 101/2004, do 13 de maio (DOG do 26 de maio); e artigo 2.2.e) da Resolución reitoral do 16.1.2012 pola que se establecen a estrutura orgánica dos servizos centrais da UDC e as competencias dos seus órganos directivos.

Terceira. A orde xurisdicional competente é a contencioso-administrativa xa que se pretende impugnar a unha convocatoria que é considerada pola xurisprudencia como acto administrativo xeral e plúrimo.

Cuarta. A convocatoria de referencia foi obxecto de publicación e alcanzou a fase de publicación da listaxe provisional de admitidos e excluídos. Na súa consecuencia existe un acto administrativo declarativo de dereitos, feito que impide proceder a unha revogación de plano correspondente aos supostos previstos no artigo 105 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, reguladora de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en adiante LRXPAC).

Neste orde de consideracións cómpre necesariamente acudir ao procedemento de revisión de actos declarativos de dereitos, isto é, declaración de lesividade e posterior impugnación perante a xurisdición contencioso-administrativa a través do procedemento regulado no artigo 103 LRXPAC.

O artigo 103 LRXPAC refírese a aqueles actos favorables aos interesados que resulten anulables a teor do disposto no artigo 63 do mesmo corpo legal. A convocatoria que se examina carece dos requisitos formais necesarios para que o acto alcance a súa finalidade. En concreto, as infraccións do ordenamento xurídico nas que incorre, lesivas para o interese público, foron postas de manifesto por informe da Vicerreitoría de Relacións Internacionais con data do 21.11.2012, que afirma:

«(...) a convocatoria da praza en cuestión adoece de defectos ou vicios invalidantes, cales son a omisión da proba consistente na valoración da competencia lingüística dos aspirantes e a inadecuación do temario ao perfil da praza.

1º. Omisión da valoración dos requisitos lingüísticos dos candidatos. A praza obxecto de concurso é a de técnico medio en Relacións Internacionais da UDC, praza que, polo seu perfil na actual relación de postos de traballo da UDC (RPT) aparece definida do seguinte xeito: ...observacións: inglés e outro idioma da UE de fóra do Estado español.

Á marxe do cumprimento dos requisitos propios e específicos da praza en cuestión que se establece na RPT da Universidade da Coruña, é obvio que, para o desenvolvemento normal e eficaz das funcións de técnico medio da Oficina de Relacións Internacionais se fai preciso o coñecemento de linguas –especificamente o inglés e outro idioma da UE de fóra do Estado español–, xa que, as funcións cotiás deste persoal é o manexo de textos e convenios en linguas diversas e, por suposto, as relacións académicas e administrativas co persoal das universidades estranxeiras. A omisión das probas nas que se valora a competencia lingüística dos candidatos que desempeñaran este posto na Oficina de Relacións Internacionais fai, por si mesma, improcedentes e incorrectas as bases desta convocatoria.

2º. Temario inadecuado. O programa da convocatoria non está actualizado. Exixe o candidato o estudo dun marco normativo anterior ao ano 2007, no que comezou o programa LLP da UE. Por conseguinte, os coñecementos que se require que posúa o eventual candidato non se axustan en absoluto á realidade normativa actual aplicable ás Relacións Internacionais da Universidade. Polo demais, no temario tampouco se comprobaba se o candidato posuía os coñecementos necesarios para o manexo das ferramentas informáticas básicas que se empregan de cotián no ámbito da xestión administrativa das relacións internacionais».

Quinta. O artigo 104 LRXPAC dispón que: «Iniciado o procedemento de revisión de oficio, o órgano competente para resolver poderá suspender a execución do acto, cando este puidese causar prexuízos de imposible ou difícil reparación».

Tendo en conta o exposto, procede manter a suspensión do procedemento selectivo convocado pola Resolución xa citada do 4.4.2011 ata que recaia resolución finalizadora deste procedemento. Igualmente, ao se adoptar a resolución definitiva de declaración de lesividade, procederá a devolución das taxas aínda non devoltas aos interesados.

Sexta. No informe emitido polo servizos xurídicos da UDC, a Asesoría Xurídica estima que cómpre acudir ao procedemento de declaración de lesividade xa que é nota esencial da convocatoria que se pretende declarar lesiva ao interese público o feito de se tratar, por unha banda, dun acto caracterizado por certa discrecionalidade -xa que corresponde á Administración, en virtude das súas potestades de auto organización, a decisión das prazas que se convocan, da forma de convocalas, do cando e do como, pero, por outra banda, non pode esquecerse que nos atopamos ante un suposto relativo a un acto que foi obxecto de publicidade e que de feito alcanzou a fase de listaxe provisional de admitidos, polo que estamos ante un acto declarativo de dereitos que non pode revogarse de plano ex artigo 105 LRXPAC.

Sétima. En virtude do disposto nos artigos 59.6.b) e 60.1 LRXPAC e ao se tratar dun procedemento de concorrencia competitiva cunha pluralidade de interesados, procede a publicación da presente resolución reitoral na páxina web da UDC (taboleiro virtual) así como no Diario Oficial de Galicia.

Oitava. Contra esta resolución non cabe recurso administrativo ao constituír un presuposto procesual para os efectos de que a Universidade da Coruña poida impugnar a disposición declarada lesiva perante a Orde xurisdicional contencioso-administrativa, procedemento no que os interesados poderán, para o caso de que o recurso da universidade sexa admitido a trámite, formular as alegacións que estimen oportunas.

Á vista do exposto,

RESOLVO:

1º. Declarar a lesividade da Resolución do 4.4.2011 pola que se convocaban probas selectivas para a provisión dunha praza de técnico de grao medio en Relacións Internacionais vacante na relación de postos de traballo de persoal laboral.

2º. Publicar esta resolución na web da UDC (taboleiro virtual) e no Diario Oficial de Galicia.

3º. Dispoñer que, polos servizos xurídicos da Universidade e nos termos do artigo 45.4 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa (LXCA), se formule recurso de lesividade contra o acto administrativo referenciado no que se sosteña como pretensión a anulación deste e que se inste a adopción como medida cautelar, nos termos do artigo 129 e ss LXCA, a suspensión xudicial do acto impugnado.

4º. Devolver as taxas aos interesados.

A Coruña, 27 de marzo de 2015

P.D. (Artigo 2.2.e) da Resolución do 16.1.2012, DOG do 13 de febreiro)
Carlos Amoedo Souto
Secretario xeral da Universidade da Coruña