Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Xoves, 9 de abril de 2015 Páx. 13581

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 19 de marzo de 2015 pola que se declara de interese galego a Fundación Fonte e se ordena súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Fonte, unha vez vista a proposta do subdirector xeral de Coordinación Administrativa, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

Primeiro. Lorenzo Juan Capllonch Blanco, secretario do Padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. A Fundación Fonte foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña o 14 de xullo de 2014, ante a notaria María José Gil Caballero, co número de protocolo trescentos setenta e sete, por Juan José Landeira Lourido, Carlos Moreno Sánchez, Genaro Ripoll Pazos, Armando Fernández-Xesta Vázquez, Luis Manuel Gurriarán Rodríguez, José Javier Guillamett Fernández e Lorenzo Juan Capllonch Blanco, que actúan no seu propio nome e dereito, e a entidade Construcciones Rústicas Gallegas, S.L., que actúa representada por Raquel Landeira Vega.

Terceiro. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto o fomento da economía social.

Cuarto. Na escritura de constitución consta a identidade do fundador, a dotación, os estatutos e a identificación dos membros do Padroado.

Quinto. Nos estatutos da Fundación consta a denominación e natureza, o domicilio e ámbito de actuación, obxecto e finalidade, as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, e a designación do Padroado inicial.

Sexto. O Padroado inicial da Fundación está formado por Juan José Landeira Lourido, como presidente; Luis Manuel Gurriarán Rodríguez, como vicepresidente; José Javier Guilamett Fernández, como tesoureiro; Lorenzo Juan Capllonch Blanco, como secretario, e a entidade Construcciones Rústicas Gallegas, S.L., que actúa representada por Raquel Landeira Vega, Carlos Moreno Sánchez, Genaro Ripoll Pazos e Armando Fernández-Xesta Vázquez, como vogais.

Sétimo. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías na xuntanza do día 24 de novembro de 2014 elevoulle ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese asistencial da Fundación Fonte consonte as materias que constitúen o seu obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e de conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Consellería de Traballo e Benestar.

Oitavo. De conformidade coa dita proposta, por Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 2 de decembro de 2014 (DOG núm. 241, do 17 de decembro), clasificouse como de interese asistencial a Fundación Fonte e adscribiuse á Consellería de Traballo e Benestar para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2º do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 42/2013, do 21 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, correspóndelle á Consellería de Traballo e Benestar a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Fonte, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións e interese galego, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Traballo e Benestar, da Fundación Fonte, polo que:

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Fonte, ao cumpriren os seus estatutos as prescricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo. Ordenar a inscrición da Fundación Fonte no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Traballo e Benestar.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como na demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, e presentar anualmente a documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Traballo e Benestar.

Contra esta resolución pode interpoñerse recurso de alzada ante a conselleira de Traballo e Benestar, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2015

María Jesús Lorenzana Somoza
Secretaria xeral técnica da Consellería de Traballo e Benestar