Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 25 de marzo de 2015 Páx. 11815

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 6 de marzo de 2015, conxunta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e do Instituto Galego de Consumo, pola que se convoca a fase autonómica do concurso de premios sobre consumo responsable e calidade de vida: Consumópolis-10 O teu consumo ten historia: 10 anos de Consumópolis e 30 anos de consumo.

A Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias establece como un dos dereitos básicos das persoas consumidoras á formación e á educación en materia de consumo. Sinálase na exposición de motivos que a actuación administrativa debe superar o concepto tradicional de formación e educación, cinguida tradicionalmente e, en exclusiva, ao coñecemento polas persoas consumidoras dos seus dereitos como tales, para entender esta formación e educación concibidas nun contexto máis global onde este coñecemento teña que complementarse simbioticamente con outros coñecementos dos que non poida prescindir á hora de adquirir bens e servizos, como a sustentabilidade ambiental, económica, social e cultural.

Así mesmo, o artigo 50 desta mesma lei sinala que a Administración competente en materia de consumo, conxuntamente coa competente en educación, establecerá un plan de formación específico orientado a favorecer o tratamento da educación para o consumo nos currículos das diferentes etapas e niveis do ensino regrado na forma en que mellor se axuste á finalidade pedagóxica de cada un deles.

A Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa (LOMCE) fai referencia á concepción da educación como chave para a formación de persoas activas con autoconfianza, curiosas, emprendedoras e innovadoras, desexosas de participar na sociedade á que pertencen, de crear valor individual e colectivo, capaces de asumir como propio o valor do equilibrio entre o esforzo e a recompensa. A educación e o sistema educativo deben posibilitar tanto a aprendizaxe de cousas distintas como o ensino de xeito diferente, para poder satisfacer un alumnado, que foi cambiando coa sociedade.

A educación para o consumo é fundamentalmente unha educación social e cidadá, que incide na comunidade e representa un medio para avanzar cara a unha cidadanía máis crítica, autónoma, consciente dos seus dereitos e responsabilidades que lles permita actuar nunha sociedade globalizada e cambiante.

Promover a educación para o consumo nos centros educativos da Comunidade Autónoma é, por tanto, un interese do Instituto Galego de Consumo e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, co obxecto de que o alumnado desenvolva as competencias que lle permitan exercer os seus dereitos como persoas consumidoras, actuando no mercado de forma autónoma, responsable e solidaria.

En consonancia con estes principios, o Instituto Galego de Consumo participa na organización do concurso Consumópolis, conxuntamente coa Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AECOSAN) e outras dezaseis comunidades autónomas. Este concurso ten como obxectivo o desenvolvemento de actividades que promovan, entre os máis novos, hábitos de consumo responsable fomentando a participación dos centros educativos a través do profesorado e alumnado, en actividades relacionadas coa educación para o consumo.

A primeira fase do concurso, consistente nun xogo pedagóxico virtual, desenvólvese e entre o 24 de outubro de 2014 e o 16 de xaneiro de 2015.

Unha vez rematada a fase de xogo, correspóndelle ao Instituto Galego de Consumo, adscrito á Consellería de Economía e Industria e á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, convocar a fase autonómica do concurso, co obxecto de seleccionar os gañadores que representen á Comunidade Autónoma de Galicia na fase estatal.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto convocar e regular a fase autonómica do concurso escolar 2014-2015 Consumópolis-10 sobre consumo responsable e calidade de vida que leva por título: «O teu consumo ten historia: 10 anos de Consumópolis e 30 anos de consumo».

A fase autonómica do concurso procura promover o traballo en equipo, a través da realización dun traballo conxunto que consistirá no deseño, elaboración e presentación dun traballo conxunto no que se reflicta a evolución do consumo nas últimas décadas.

O tema proposto para o traballo establécese no artigo 6 desta resolución.

Artigo 2. Dotación económica

1. Concederanse tres premios de 1.000, 600 e 300 euros para os traballos clasificados respectivamente en primeiro, segundo e terceiro lugar por cada un dos niveis de participación seguintes:

a) Alumnado de 5º e 6º curso de educación primaria.

b) Alumnado de 1º e 2º curso de educación secundaria obrigatoria (ESO).

c) Alumnado de 3º e 4º curso de educación secundaria obrigatoria (ESO).

Ademais, todos os membros do equipo recibirán un diploma acreditativo como gañadores.

2. Os traballos clasificados en primeiro lugar en cada un dos niveis representarán á Comunidade Autónoma na fase estatal que terá lugar en Madrid.

3. Os premios faranse efectivos con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.613A.640.0 dos orzamentos do Instituto Galego de Consumo para o ano 2015, no que existe crédito axeitado e suficiente.

Artigo 3. Beneficiarios

1. Poderán participar nesta fase autonómica todos aqueles equipos constituídos por cinco alumnos ou alumnas que cursen estudos nos cursos escolares comprendidos entre os dous últimos cursos de educación primaria e alumnado da educación secundaria obrigatoria, coordinados por un docente, que estivesen previamente inscritos e que rematasen a primeira fase do concurso. Esta primeira fase realizarase a través da páxina web que soporta o xogo á que se ten acceso desde a web do Instituto Galego de Consumo
(www.igc.xunta.es).

2. Un mesmo docente poderá coordinar máis dun equipo dun mesmo ciclo.

3. Cada equipo deberá presentar un único cartel non existindo límite para o número de grupos que se van formar en cada centro educativo.

4. Os niveis de participación establecidos son:

– Alumnado de 5º e 6º curso de educación primaria.

– Alumnado de 1º e 2º curso de educación secundaria obrigatoria.

– Alumnado de 3º e 4º curso de educación secundaria obrigatoria.

Artigo 4. Prazo de presentación

O prazo para a presentación dos traballos á fase autonómica comezará o día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 6 de abril de 2015.

Artigo 5. Presentación das solicitudes e documentación

1. Os traballos que se presenten irán acompañados da seguinte documentación:

a) Solicitude asinada pola dirección do centro escolar conforme o modelo que figura como anexo I da presente resolución.

b) Ficha virtual co código do equipo e do traballo correspondente, descargarase desde a plataforma virtual que soporta o xogo e estará dispoñible unha vez que se suba o traballo para o seu aloxamento na páxina de Consumópolis.

c) Unha copia en soporte papel e dixital do traballo que se presenta ao concurso, segundo as características establecidas no artigo 6 desta resolución.

d) Memoria descritiva realizada polo alumnado participante que explique como se organizaron para a participación no concurso en ambas as dúas fases, segundo as características establecidas no artigo 6 desta resolución.

Os traballos que concursen poderán presentarse en calquera dos dous idiomas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia:
https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoas solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante superase os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación desde de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Consentimentos e autorizacións

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración publica galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 7. Características dos traballos

(Accesible na web do concurso desde o 24.10.2014 ao 6.3.2015).

Para poder participar na presente convocatoria é necesario que todos os membros do equipo completen a primeira fase do xogo en liña. Unha vez rematada a fase de xogo, cada equipo participante deberá realizar un traballo en grupo como se indica deseguido:

7.1. A fase autonómica do concurso que procura fomentar o traballo en equipo consiste no deseño, elaboración e presentación por cada un dos equipos participantes dun traballo creativo que reflicta a evolución do consumo nas últimas décadas.

O traballo presentarase en formato electrónico e situarase nun espazo virtual, asignado previamente no portal de Consumópolis, ao que os concursantes poderán acceder desde o 24 de outubro de 2014 o 6 de marzo de 2015, ambos os dous incluídos, e desde onde se poderá descargar a ficha virtual indispensable para identificar os traballos.

Só se reservará un espazo virtual por equipo.

Como axuda para realizar as actividades que son obxecto do certame, os equipos e o profesorado contarán con fichas informativas e pedagóxicas, en formato PDF relacionadas co consumo responsable que estarán localizadas na páxina web que sustenta o xogo.

7.2. Características do cartel.

Nesta edición os equipos de todos os niveis, tanto primaria como secundaria, terán que realizar o mesmo tipo de traballo que consistirá nun cartel dividido en dúas partes, con imaxes e unha descrición a través dun título ou slogan, que compare aspectos característicos do consumo en dúas épocas a elixir, entre as que se corresponden cos tres escenarios que aparecerán na cidade de Consumópolis:

– Escenario 1 (anos 80).

– Escenario 2 (anos 90 a 2000).

– Escenario 3 (2020).

A comparación referirase a aspectos tales como:

– Hábitos de consumo (tipos de establecementos, formas de compra, roupa, reciclaxe, etc.).

– Produtos e servizos (transportes, medios de comunicación, publicidade, etc.).

– Alimentación (produtos alimenticios, dietas, etc.).

O cartel deberá indicar os anos aos que se refire e un título ou slogan para comparar ambas as dúas épocas.

7.2.1. Requirimentos do título ou slogan.

– Debe estar redactado en forma positiva.

– Pode estar escrito en prosa, verso, ou ser un xogo de palabras que no seu conxunto teña sentido.

– Non debe conter faltas de ortografía ou erros lingüísticos tanto en idioma galego como en castelán.

– Debe ser inédito e orixinal e non ter sido premiado noutro concurso.

7.2.2. Requirimentos das imaxes.

– Debe complementar e facer entender a frase.

– Non poderá incluír publicidade (imaxes de marcas de produtos ou servizos existentes); persoas famosas ou recoñecidas (deportistas, políticos, cantantes, etc.) e personaxes de ficción. Tampouco símbolos que fagan alusión expresa a redes sociais, programas ou páxinas da internet existentes.

– Ningún traballo conterá imaxes ou contidos violentos, sexistas, racistas ou calquera outro contrario aos valores da escola actual.

O incumprimento de calquera destes requirimentos suporá a descualificación inmediata do equipo.

7.2.3. Dimensións e características técnicas do cartel.

O traballo deberá plasmarse sobre unha superficie lisa e moderadamente ríxida (madeira, cartón, papel groso, etc.) nun formato A3 (29,7 cm × 42 cm).

• A posición ten que ser horizontal:

missing image file

As técnicas que se poden utilizar para a súa creación son libres en función das capacidades e gustos do grupo:

a) Un debuxo, ilustración ou colaxe a man con lapis, acuarelas, témperas, rotuladores, etc., con ou sen tratamento dixital.

b) Unha fotografía orixinal, con ou sen tratamento dixital.

c) Unha montaxe de varios elementos utilizando programas de edición ou tratamento de imaxes preferentemente de software libre (sempre e cando a base da composición sexa un traballo orixinal creado polo equipo).

d) Caso de elixir as opcións b) ou c), o traballo deberá imprimirse e pegarse sobre unha superficie de características e dimensións citadas anteriormente.

Unha vez rematado o cartel, o docente coordinador deberá sacarlle unha fotografía, intentando axustarse ás súas marxes o máximo posible.

Esta fotografía é a que deberá subirse á plataforma que soporta o xogo Consumópolis 10, na liña «Subir o noso cartel».

Características da imaxe fotográfica que se sube:

– O formato da fotografía será JPG.

– O peso da imaxe non poderá ser superior a 2 MB.

– As dimensións serán 480 px de largo × 330 px de alto.

7.3. Ficha virtual:

Unha vez rematada a realización do cartel e subido á web de Consumópolis 10, poderá imprimirse a Ficha virtual do cartel, documento que contén os datos do cartel: referencia / nome do equipo / compoñentes / título do cartel. O docente coordinador será o encargado de imprimir este documento e de envialo ao Instituto Galego de Consumo xunto coa solicitude de participación segundo se indica no artigo 5 da presente resolución. Con este documento o xurado poderá acceder ao cartel e proceder á súa avaliación.

Desde o momento en que a Ficha virtual do cartel sexa impresa pola persoa coordinadora, o cartel non poderá ser substituído.

Se o docente coordinador non imprime a Ficha virtual do cartel a fase autonómica do concurso non se considera finalizada.

Aqueles equipos aos cales se lles presenten problemas técnicos que lles dificulten ou impidan subir o cartel e imprimir a ficha virtual, deberán enviarlle un correo electrónico á Administración do concurso (ps@kidekom.com), que lles indicará, pola mesma vía, o procedemento que deben seguir.

7.4. Memoria da participación no concurso:

O alumnado participante elaborará unha memoria en soporte dixital, cunha extensión máxima de 5 páxinas, na que se expoña como foi a participación do equipo no xogo Consumópolis-10: «O teu consumo ten historia: 10 anos de Consumópolis e 30 anos de consumo».

Esta memoria trata de ser un documento no que se ordenen ideas e se deixe constancia do que se fixo e o que se aprendeu coa experiencia. Neste documento o equipo debe explicar como mínimo:

– Como se organizaron para a resolución das probas do xogo Consumópolis-10 e a documentación consultada.

– A organización do equipo para a elaboración da frase e do cartel, as fontes documentais consultadas, as ferramentas dixitais e os materiais empregados.

– A valoración do propio alumnado sobre o aprendido no proceso.

– Xuntarase, se é o caso, un anexo bibliográfico e fotográfico das actividades realizadas polo alumnado durante a experiencia.

A memoria realizarase en calquera dos dous idiomas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia e na súa estrutura contará con:

– Portada.

– Índice.

– Corpo da memoria sinalando claramente primeira fase, segunda fase e valoración da experiencia e da aprendizaxe.

– Anexo bibliográfico, se é o caso.

– Anexo fotográfico.

Artigo 8. Xurado

1. Os traballos que se presenten a esta convocatoria serán examinados e avaliados por un xurado constituído por:

• Presidente/a:

– A persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou persoa na que delegue.

• Vicepresidente/a:

– A persoa titular da presidencia do Instituto Galego de Consumo ou persoa na que delegue.

• Vogais:

– Un/a asesor/a de Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

– Un funcionario/a do Instituto Galego de Consumo.

• Secretaria:

– A persoa titular da Dirección Técnica da Escola Galega de Consumo.

2. O funcionamento do xurado estará regulado polas normas básicas contidas no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e pola sección III, do capítulo I do título I (artigos 14 e seguintes) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. O xurado terá facultades para resolver as dúbidas que aparezan na interpretación das bases da presente convocatoria.

3. O xurado, de ser necesario, poderá contar co asesoramento de especialistas.

4. Os premios anunciados poderán ser declarados desertos. Non obstante, o xurado poderá determinar a redistribución da contía dos declarados desertos se as características dos traballos así o permiten.

Artigo 9. Criterios de valoración

Para a selección dos traballos con dereito a premio, o xurado terá en conta os seguintes criterios:

1. A puntuación obtida no xogo pedagóxico «O teu consumo ten historia: 10 anos de Consumópolis e 30 anos de consumo», que representará o 45 % da puntuación total que deberá conseguir por cada equipo. A avaliación das probas incluídas no xogo interactivo a través da internet Consumópolis 10 quedará establecida de forma automática pola propia plataforma web que soporta o xogo en liña.

2. Para a valoración dos traballos en equipo da segunda parte do concurso teranse en conta os criterios seguintes:

– Coherencia do traballo cos obxectivos do concurso.

– Creatividade, orixinalidade e presentación na composición do traballo en equipo.

3. Para a valoración dos equipos que optan aos premios autonómicos, o traballo en equipo valorarase cun máximo de 50 puntos coa seguinte ponderación:

1. Coherencia do traballo cos obxectivos do concurso ata 15 puntos

2. Claridade na mensaxe ata 10 puntos

3. Creatividade e orixinalidade na composición ata 10 puntos

4. Presentación e calidade técnica ata 10 puntos

5. Memoria explicativa ata 5 puntos

Artigo 10. Certificación

O Instituto Galego de Consumo solicitaralle á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o profesorado participante nos traballos que resulten premiados na convocatoria, a expedición dun certificado como premio de innovación educativa nas condicións establecidas no artigo 37 da Orde do 14 de maio de 2013, pola que se regula a convocatoria, o recoñecemento, a certificación e o rexistro das actividades de formación permanente do profesorado en Galicia.

Artigo 11. Pagamento dos premios

1. O pagamento dos premios, por unha contía máxima de 5.700 euros, farase con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.613A.640.0 dos orzamentos do Instituto Galego de Consumo para o ano 2015, onde existe crédito axeitado e suficiente.

2. Os traballos clasificados en primeiro lugar en cada unha das modalidades de participación, representarán a Comunidade Autónoma na fase estatal que terá lugar en Madrid.

3. Os/as destinatarios/as dos premios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

4. Toda alteración posterior nos traballos presentados das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

5. Así mesmo, en caso de incumprimento de calquera das condicións establecidas para a súa concesión, existirá a obriga de reintegro total ou parcial do premio percibido.

Artigo 12. Difusión e publicación

1. O Instituto Galego de Consumo e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderán proceder á reprodución, publicación e divulgación dos traballos premiados, que quedarán na súa propiedade, agás os clasificados en primeiro lugar de cada categoría que concursarán na fase estatal.

2. Os gañadores quedan na obriga de asumir as responsabilidades que puideran resultar da utilización dos textos, imaxes e outros elementos creativos achegados na realización do traballo e nos cales a propiedade sexa de terceiras persoas ou entidades alleas á presente convocatoria.

3. O centro participante deberá contar coa autorización por escrito das familias ou titores dos menores que participen.

4. A participación na correspondente convocatoria supón a aceptación de todas as bases, así como a cesión ao Instituto Galego de Consumo e/ou á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, do dereito de propiedade intelectual dos traballos premiados nos que poderán introducirse as variacións que se consideren máis axeitadas para a súa finalidade educativa.

Artigo 13. Retirada da documentación

A dirección do centro educativo e/ou as persoas coordinadoras dos traballos presentados ao concurso, poderán solicitar a retirada de aqueles non premiados da páxina web que soporta o concurso, no prazo dos trinta días naturais seguintes ao da publicación da resolución de concesión dos premios no Diario Oficial de Galicia. En caso contrario, quedarán expostos de forma permanente mentres se manteña o concurso.

Tamén poderán solicitar ao Instituto Galego de Consumo a devolución dos traballos non premiados na convocatoria.

Artigo 14. Resolución

1. As solicitudes entenderanse desestimadas se non fosen resoltas no prazo de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

2. A proposta de concesión de premios emitida polo xurado elevarase á presidencia do Instituto Galego de Consumo e á persoa titular da consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a súa resolución e publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. Contra as resolucións que se diten ao abeiro desta convocatoria, que porán fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que a ditou ou debeu ditala no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso.

b) Ou ben directamente recurso contencioso administrativo, segundo o establecido na Lei 29/1998, da xurisdición contencioso administrativa, ante o xulgado do contencioso administrativo correspondente á circunscrición do órgano que ditou a resolución, se é expresa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Todo isto sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, se é o caso, calquera outro dereito, que xulguen procedente.

Artigo 15. Réxime de recursos

Esta resolución poderá ser recorrida potestativamente, perante a presidenta do Instituto Galego de Consumo, mediante recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 16. Protección de datos de carácter persoal

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, infórmaselle de que os datos persoais que facilite neste formulario, quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, denominado: «Actividades derivadas á cidadanía» cuxa finalidade é a xestión de todas as actividades dirixidas á cidadanía desde o Instituto Galego de Consumo e, por tanto, a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada pode exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición diante do Instituto Galego de Consumo, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a igc.información@xunta.es

Disposición derradeira

Facúltase á presidenta do Instituto Galego de Consumo para que dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento do disposto nesta resolución.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2015

Sol María Vázquez Abeal Román Rodríguez González
Presidenta do Instituto Conselleiro de Cultura, Educación
Galego de Consumo e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file