Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Martes, 17 de marzo de 2015 Páx. 10899

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 9 de marzo de 2015 pola que se somete a información pública o proxecto de acometida eléctrica e subestación da estación depuradora de augas residuais de Lagares (Vigo).

A Comunidade Autónoma de Galicia ten transferidas as competencias de funcións e servizos do Estado en materia de abastecementos de auga, saneamento e condución e defensa de marxes de ríos, mediante o Real decreto 1870/1985, do 11 de setembro, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración xeral do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de abastecemento de auga, saneamento, condución e defensa de marxes.

O 9 de marzo de 2007, a Xunta de Galicia, Augas de Galicia e AcuaNorte subscribiron un protocolo xeral de colaboración para o desenvolvemento da actuación: saneamento de Vigo, cuxo obxecto era a redacción do estudo de alternativas e o anteproxecto do sistema de depuración de Vigo. O 19 de xullo de 2007, as ditas partes ratificaron os compromisos adquiridos, mediante a subscrición dun convenio para o desenvolvemento da actuación de saneamento de Vigo. Posteriormente, o 2 de agosto de 2010, foi subscrito entre a Xunta de Galicia, o Concello de Vigo, AcuaNorte e Augas de Galicia o convenio para a construción das obras correspondentes á actuación hidráulica de saneamento de Vigo.

A execución das obras da actuación de saneamento de Vigo está encomendada á Sociedade Estatal Aguas de las Cuencas de España, S.A. (en adiante, Acuaespaña), ao figurar recollida no seu convenio de xestión directa.

A actuación de saneamento de Vigo está declarada de interese xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 28 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, xa que as obras de referencia están recollidas no Plan hidrolóxico Galicia-Costa, aprobado polo Real decreto 1332/2012, do 14 de setembro.

A solución proposta para o cumprimento dos obxectivos de calidade da auga na ría de Vigo, asociados ao saneamento de Vigo, integra as infraestruturas seguintes:

1. Estación depuradora de augas residuais.

2. Emisario submarino.

3. Ampliación da acometida eléctrica existente.

Para a execución da obra da ampliación da acometida eléctrica existente redactouse o proxecto de acometida eléctrica e subestación da estación depuradora de augas residuais de Lagares (Vigo), que corresponde á terceira destas infraestruturas e que foi redactado por Instra Ingenieros, S.L., por encarga de Acuaespaña. O dito proxecto define e deseña as seguintes obras:

1. Liña LAT 132 kV Balaídos Zona Franca-Atios/Balaídos. Trátase dun novo treito de canalización subterránea de entrada-saída en 132 kV, na futura subestación Balaídos Zona Franca, con orixe no novo apoio de transición aéreo-subterráneo.

2. Nova subestación eléctrica de 132 kV denominada Balaídos Zona Franca para atender as solicitudes de alimentación en 132 kV, tanto do Consorcio da Zona Franca de Vigo como de Acuaespaña. A dita subestación situarase dentro do polígono industrial de Balaídos, en terreos cedidos polo Consorcio da Zona Franca de Vigo. Esta subestación alimentarase abrindo a LAT 132 kV Atios/Balaídos.

3. Liña LAT 132 kV de interconexión en punta entre a subestación eléctrica Balaídos Zona Franca e a subestación eléctrica da estación depuradora de augas residuais de Lagares.

4. Nova subestación eléctrica de 132 kV para atender a solicitude de alimentación en 132 kV da estación depuradora de augas residuais de Lagares.

O referido aos puntos 3 e 4 é o que se somete a información pública por medio desta resolución.

Os documentos integrantes do proxecto foron examinados pola Oficina Técnica de Augas de Galicia, segundo o previsto nos artigos 124.3 e 125 do texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, así como para dar cumprimento ao establecido no artigo 123 do citado texto sobre o contido dos proxectos, segundo o informe do 11 de febreiro de 2015. O 17 de febreiro de 2015, a Dirección de Augas de Galicia ditou unha resolución de conformidade co proxecto presentado.

Considerando o exposto anteriormente,

RESOLVO:

Someter o proxecto de acometida eléctrica e subestación da estación depuradora de augas residuais de Lagares (Vigo), no referido á liña de interconexión entre a subestación eléctrica de Balaídos Zona Franca e a subestación eléctrica da estación depuradora de augas residuais de Lagares e a esta propia subestación, ao trámite de información pública para os efectos do previsto no artigo 86 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para que calquera persoa física ou xurídica formule as alegacións que considere convenientes.

Para tal efecto, o proxecto estará á disposición do público nas oficinas do Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia Sur (r/ San Salvador 2-4º, 36201 Vigo), da Área Técnica de Augas de Galicia (r/ Doutor Maceira 18 baixo, 15706 Santiago de Compostela), da Sociedade Estatal Aguas de las Cuencas de España, S.A (r/ Colón 21-3º, 36201 Vigo) e do Concello de Vigo (praza do Rei s/n), así como na páxina web de Augas de Galicia (http://augasdegalicia.xunta.es), por un prazo común de vinte días contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2015

Gonzalo Mosqueira Martínez
Director de Augas de Galicia