Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Xoves, 12 de marzo de 2015 Páx. 10206

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 19 de febreiro de 2015, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Ares (expediente IN407A 2014/184).

Expediente: IN407A 2014/184-1.

Promotor: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Denominación da instalación: LMTS e CT na avenida Federico García Expósito.

Concello: Ares.

Feitos.

1. O 17.11.2014 Unión Fenosa Distribución, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica indicada.

2. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a súa inserción no DOG núm. 240, do 16.12.2014 e no BOP núm. 232, do 3.12.2014.

3. Solicitouse o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, se é o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectados. O promotor manifestou a súa conformidade cos condicionados establecidos.

4. Os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron un informe favorable sobre a dita solicitude.

Consideracións legais e técnicas.

1. A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

2. O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

3. O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

4. O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

5. O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

6. As características técnicas da instalación son as seguintes:

• LMT soterrada a 15/20 kV, cunha lonxitude de 50 m, coa orixe en empalme que se vai realizar na LMT VDC-705, entre os centros de transformación r/ Fontefeliz e Ares-Ponte, condutor tipo RHZ1-20L 12/20 kV (1×240 mm2 AL), e final na mesma liña unha vez entre e saia do centro de tranformación proxectado.

• Centro de transformaión non prefebricado, cunha potencia de 630 kVA e unha relación de transformación de 15.000/400-230 V.

O orzamento da instalación segundo o proxecto é de 37.303,81 €.

7. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o indicado, resolvo:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción á dita instalación eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá presentar perante esta xefatura territorial unha solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións se procede.

• Un certificado do director da montaxe no cal se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas, na montaxe da instalación e posta a punto.

4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que fosen de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial a relativa á ordenación do territorio e do ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación nos termos establecidos nos artigos 107, 100, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1000, do 13 de xaneiro), sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que se considere pertinente.

A Coruña, 19 de febreiro de 2015

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña