Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Martes, 10 de marzo de 2015 Páx. 9702

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 26 de febreiro de 2015 pola que se modifica a composición do Consello Social da Universidade de Vigo.

Mediante Orde do 18 de setembro de 2012 (DOG do 27 de setembro), fíxose pública a composición dos consellos sociais das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, establece que o consello social estará integrado por un máximo de trinta e unha persoas membros.

O artigo 77.2 da citada Lei 6/2013 establece que son membros natos do consello social o reitor/a da universidade, o/a secretario/a xeral e o/a xerente da universidade. Así mesmo, serán membros do consello social un profesor ou unha profesora, un ou unha estudante e un ou unha representante do persoal da administración e servizos, elixidos/as polo consello de goberno das universidades. A duración do mandato dos membros do consello social sinalados neste punto será establecida polos estatutos da universidade.

O citado artigo 77 establece que serán membros do consello social, entre outros, un membro designado por cada un dos sindicatos máis representativos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

A condición de persoa membro do consello social adquírese unha vez cumpridos os requisitos de designación, nomeamento e publicación no Diario Oficial de Galicia, e produce efectos a partir desa data.

O Regulamento de réxime interno do Consello de Goberno da Universidade de Vigo, aprobado o 27 de xaneiro de 2004 e modificado o 27 de xullo de 2007 e o 18 de xaneiro de 2011, regula no seu artigo 24.3 que a renovación dos membros do consello social se levará a cabo cada catro anos. De acordo co anterior, con data do 5 de novembro de 2014 o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo remite documentación da secretaria xeral da Universidade en que comunica que o Consello de Goberno, na sesión do 14 de outubro de 2014, renovou no seu cargo a José Manuel García Vázquez, en representación do persoal docente e investigador.

Con data do 24 de febreiro de 2015 o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo comunica a designación de Manuel González Piñeiro, en representación do Sindicato Unión Xeral de Traballadores (UGT), en substitución de José Barreiro Somoza. De acordo co artigo 79 da citada Lei 6/2013, do 13 de xuño, o mandato do membro substituto estenderase só polo tempo que reste para concluír o do substituído. De acordo co artigo 78 da citada Lei 6/2013, do 13 de xuño, xúntase declaración xurada de compatibilidade do novo membro do consello social.

O artigo 77.4 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, establece que os acordos de designación de membros do consello social seranlle comunicados á persoa titular da consellería competente en materia de universidades, quen procederá ao seu nomeamento mediante orde da súa consellería.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

Nomear a Manuel González Piñeiro, en representación do Sindicato Unión Xeral de Traballadores (UGT), en substitución de José Barreiro Somoza. De acordo co artigo 79 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, o mandato do membro substituto estenderase só polo tempo que reste para concluír o do substituído.

Artigo 2

Dar continuidade ao nomeamento de José Manuel García Vázquez, renovado polo Consello de Goberno da Universidade de Vigo, en representación do persoal docente e investigador da Universidade de Vigo.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2015

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria