Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Venres, 6 de marzo de 2015 Páx. 9266

I. Disposicións xerais

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 25 de febreiro de 2015 pola que se modifica a Orde do 2 de xaneiro de 2012 de desenvolvemento do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a autonomía e a atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes.

O 14 de xullo de 2012 publícase no BOE o Real decreto lei 20/2012, do 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade que recolle, entre outras, as medidas adoptadas no Acordo do 10 de xullo de 2012, do Consello Territorial do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, agora Consello Territorial de Servizos Sociais e do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, para a mellora do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, publicado mediante a Resolución do 13 de xullo de 2012, da Secretaría de Estado de Servizos Sociais e Igualdade.

Así, no artigo 22, nas disposicións adicional sétima, oitava, novena, décima, nas disposicións transitoria novena, décima, décimo primeira, décimo segunda, décimo terceira e na disposición final primeira do Real decreto lei 20/2012, se modifican certas disposicións da Lei 39/2006, do 14 de decembro, e posterior normativa de desenvolvemento desta.

En consecuencia, tendo en conta a modificación sinalada da Lei 39/2006, do 14 de decembro, así como os criterios adoptados no Acordo do 10 de xullo de 2012, foi necesario modificar a Orde do 2 de xaneiro de 2012, pola que se desenvolve o Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula na comunidade autónoma o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes, a través da Orde do 19 de abril de 2013. En concreto, modificáronse, entre outros aspectos, as fórmulas de cálculo das libranzas segundo os criterios establecidos na Resolución do 13 de xullo de 2012, da Secretaría de Estado de Servizos Sociais e Igualdade, reguladas nos artigos 56 e 57 da Orde do 2 de xaneiro de 2012. Así, a través do punto dezasete do artigo 1 da Orde do 19 de abril de 2013, suprímese o número 2 do artigo 57 no relativo ao establecemento dun mínimo da contía da libranza que se recoñecerá no caso en que se apliquen as deducións por prestacións de análoga natureza e finalidade.

Por outra banda, o artigo 7 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, recolle entre os niveis de protección do sistema, no punto 3, o nivel adicional de protección que poida establecer cada comunidade autónoma, recalcando o artigo 11, no seu punto 2, que «en todo caso, as comunidades autónomas, de conformidade co establecido no artigo 7 poderán definir, con cargo aos seus orzamentos, niveis de protección adicionais ao fixado pola Administración xeral do Estado en aplicación do artigo 9 e ao acordado, se é o caso, conforme o artigo 10, para os cales poderán adoptar as normas de acceso e disfrute que consideren máis adecuadas».

En virtude da aplicación do nivel de protección adicional a cargo da Comunidade Autónoma, a través desta orde modifícase o artigo 57 co obxectivo de garantir, en todo caso, unha contía mínima das libranzas recoñecidas nas situacións en que se apliquen deducións polas prestacións de análoga natureza, garantindo deste xeito o dereito recoñecido ás persoas en situación de dependencia.

En virtude do exposto, no exercicio das atribucións conferidas segundo o artigo 38 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, así como pola disposición derradeira segunda do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes, e polo artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 2 de xaneiro de 2012, de desenvolvemento do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes

Engádese un punto 2 ao artigo 57 da Orde do 2 de xaneiro de 2012, de desenvolvemento do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes, que queda redactado do seguinte modo:

«2. Cando a persoa beneficiaria sexa titular de calquera outra prestación de análoga natureza e finalidade, segundo o disposto no punto anterior, o importe da libranza que se recoñeza, despois das deducións anteriores, non poderá ser inferior ao 25 % da contía máxima establecida para cada unha das libranzas vixente segundo o grao de dependencia na data en que se produza o recoñecemento. No caso de que a capacidade económica da persoa beneficiaria sexa superior a 4 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM), o límite mínimo será do 15 % da contía máxima establecida para cada unha das libranzas vixente segundo o grao de dependencia na data en que se produza o recoñecemento».

Disposición transitoria única. Procedementos iniciados

1. Os procedementos para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a autonomía e atención á dependencia iniciados con anterioridade á entrada en vigor desta orde rexeranse pola disposición contida nesta, mantendo a súa validez os trámites xa realizados conforme a normativa anterior.

2. Non obstante, en canto aos programas individuais de atención aprobados con anterioridade á entrada en vigor desta orde, observarase o disposto na normativa vixente na data da súa resolución, sendo que a disposición contida na presente orde se aplicarán ás propostas e revisións dos programas individuais de atención que se aproben a partir da súa entrada en vigor.

3. En relación aos programas individuais de atención aprobados con anterioridade á entrada en vigor desta orde e que fosen revisados como consecuencia da aplicación da Orde do 19 de abril de 2013, aplicaráselles a disposición contida na presente orde con data de efectos a partir da data en que se ditou a resolución de revisión do Programa individual de atención.

Disposición derradeira única. Vixencia da norma

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación, con efectos desde o 7 de maio de 2013, no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2015

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar