Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Luns, 2 de marzo de 2015 Páx. 8534

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 16 de febreiro de 2015 pola que se regulan as bases para a concesión de bolsas de formación práctica en diversas áreas e se procede á súa convocatoria.

O artigo 27.11 do Estatuto de autonomía de Galicia sinala como competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia a promoción e ordenación do turismo dentro da Comunidade.

O Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos, establece que a Axencia terá como obxectivo impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade.

A importancia do turismo no tecido económico e social de Galicia, así como o incremento da calidade do sector turístico son considerados elementos primordiais para o crecemento sustentado das cotas de competitividade, o que require a realización dun esforzo continuado na formación dos recursos humanos para adaptar as novas demandas ás actuacións dos titulados que inician ou desenvolven a súa actividade neste sector. As oficinas de información turística pertencentes á Axencia Turismo de Galicia prestan un servizo importante aos turistas e visitantes e contribúen de xeito significativo a proxectar a imaxe de Galicia no exterior. Por iso, a Axencia Turismo de Galicia considera conveniente convocar estas bolsas de formación práctica que permiten aos titulados accederen a prácticas tuteladas co fin de actualizar e mellorar os seus coñecementos e habilidades en materias vencelladas co turismo.

Por outra banda, a área de Estudos de Investigación, integrada na dirección de Competitividade da Axencia Turismo de Galicia, vén desenvolvendo un traballo esencial no eido da investigación e análise de datos do mercado turístico cuxo resultado contribúe de maneira esencial ao aumento da competitividade de Galicia como destino turístico. Por este motivo, consideramos fundamental promover dúas bolsas de formación nesta materia que permitan a titulados en diversas materias ampliar experiencia e coñecementos sobre o mercado turístico galego.

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta resolución ten por obxecto a aprobación das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a concesión de 9 bolsas de formación práctica, en réxime de concorrencia competitiva, en áreas dependentes da Axencia Turismo de Galicia. Así mesmo, procédese a convocar as devanditas bolsas para o ano 2015, que se distribuirán da seguinte maneira:

1.1. Sete (7) bolsas de formación práctica especializada para a promoción e información turística, mediante a realización de prácticas tuteladas nas oficinas de información turística dependentes da Axencia Turismo de Galicia distribuídas da seguinte forma: 2 bolsas na oficina de turismo de Santiago de Compostela, 1 bolsa na oficina de turismo da Coruña, 1 bolsa na oficina de turismo de Pontevedra, 1 bolsa na oficina de turismo de Vigo, 1 bolsa na oficina de turismo de Lugo, 1 bolsa na oficina de turismo de Ourense.

O programa formativo desenvolverase ao longo do ano 2015 cunha duración máxima de seis (6) meses, contados desde a data da incorporación das persoas bolseiras.

1.2. Dúas (2) bolsas de formación práctica especializada na Área de Estudos e Investigación para a realización de labores de investigación, tratamento e análise de datos en materia turística:

– Bolsa A: especialidade estatística.

– Bolsa B: especialidade turismo.

O lugar de realización das prácticas tuteladas na sede da área, nas oficinas da Axencia Turismo de Galicia da Barcia (Estrada Santiago-Noia, km 3, 15896 Santiago de Compostela). O programa formativo desenvolverase ao longo do ano 2015, cunha duración máxima de nove (9) meses contados desde a data da incorporación dos bolseiros.

Para poder ser beneficiario das bolsas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo I desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 7.2 das bases reguladoras.

Artigo 2. Duración, importe e financiamento da bolsa

1. A Axencia Turismo de Galicia financiará estas bolsas con cargo á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015 cunha contía máxima de corenta e dous mil cincuenta euros (42.050 €).

2. A dotación económica das bolsas será:

a) Bolsas de formación nas oficinas de información turística: seiscentos euros (600 €) brutos mensuais.

b) Bolsas de formación na Área de Estudos Turísticos: oitocentos euros (800 €) brutos mensuais.

3. O pagamento das bolsas realizarase por períodos mensuais vencidos e logo de que o/a titor/a correspondente expida certificación en que se faga constar que se cumpriu o programa formativo inicialmente proxectado e se acadaron os obxectivos previstos. No caso de producirse a incorporación ou o cesamento nun día distinto ao primeiro ou ao último de cada mes, o/a bolseiro/a percibirá o importe que proporcionalmente corresponda ao número de días que goce da bolsa. As devanditas contías estarán suxeitas á retención que legalmente proceda.

De conformidade co disposto no artigo 65.4.f) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), os/as beneficiarios/as das bolsas quedan exentos/as da obriga de constituíren garantía.

4. Durante o tempo de duración da bolsa a persoa bolseira quedará incluída no réxime xeral da Seguridade Social, de acordo co establecido no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación.

Artigo 3. Obxectivo das bolsas

O obxectivo das bolsas é fomentar o perfeccionamento profesional dos bolseiros mediante a realización de prácticas formativas en diversas áreas dependentes da Axencia Turismo de Galicia con suxeición ao plan de formación que se lles entregará ao comezo das súas prácticas e coas indicacións que lles transmita o titor que teñan asignado.

Artigo 4. Condicións xerais

As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non-discriminación, eficacia e eficiencia.

As bolsas serán indivisibles e improrrogables. Serán tamén incompatibles con calquera outra bolsa concedida para o mesmo período e con calquera actividade laboral ou remunerada.

Os solicitantes non poderán ser perceptores de salarios ou outros ingresos que impliquen vinculación contractual ou estatutaria. As bolsas son incompatibles coa percepción de prestación ou subsidio por desemprego.

Os solicitantes non poderán estar incursos en ningún dos supostos de prohibición para obter subvencións do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A concesión e goce da bolsa non supoñerán vinculación civil, laboral ou funcionarial entre a persoa bolseira e a Axencia Turismo de Galicia.

A estas bolsas non lles será aplicable o Estatuto do persoal investigador en formación.

Artigo 5. Beneficiarios

Poden solicitar a concesión das bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

1. Ser española ou nacional dun Estado membro da Unión Europea, así como estar domiciliada na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Posuír as seguintes titulacións universitarias:

a) Bolsas de formación nas oficinas de información turística: licenciados ou grao en turismo; diplomados en turismo; técnicos superiores en información e comercialización turística; técnicos superiores en axencias de viaxes.

b) Bolsas de formación na Área de Estudos Turísticos. Ofértanse dúas bolsas de formación con diferentes requisitos.

I. Bolsa A. Licenciados ou grao en matemáticas, economía, administración e dirección de empresas, enxeñaría ou estatística e diplomados en estatística.

II. Bolsa B. Diplomados ou licenciados en turismo, grao ou postgrao en turismo, economía, administración e dirección de empresas e na rama de ciencias sociais e humanidades.

3. Estas titulacións deben estar finalizadas nos 3 anos naturais inmediatamente anteriores ao remate do prazo de presentación das solicitudes desta convocatoria.

4. Os solicitantes deberán acreditar un coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4.

5. En ningún caso poderán ser beneficiarios desta bolsa aqueles solicitantes que fosen adxudicatarios dela en edicións anteriores. Quedarán tamén excluídos da convocatoria aqueles solicitantes que fosen adxudicatarios das bolsas en edicións anteriores e que renunciaran a elas con posterioridade.

Artigo 6. Solicitudes e prazo

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños e límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

5. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.

Artigo 7. Documentación

Para poder ser beneficiario das bolsas é necesario presentar a seguinte documentación:

1. Anexo I. Solicitude.

No anexo I inclúense as seguintes declaracións responsables:

a) Declaración de que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se presentan son certos.

b) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

c) Declaración de non atoparse incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Declaración responsable de estar ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Declaración responsable de non ter ingresos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria ou percepción de prestación ou subsidio por desemprego.

g) Declaración xurada das axudas de bolsas solicitadas ou concedidas polas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades para o mesmo período.

2. Xunto coa solicitude achegarase a seguinte documentación:

a) Copia do DNI do solicitante só no caso de que a persoa interesada non autorice expresamente na solicitude de comprobación de datos de identidade por medio do acceso telemático ao Sistema de verificación de datos de identidade.

b) Certificado municipal de empadroamento do/a solicitante, só no caso de que a persoa interesada non autorice expresamente na solicitude de comprobación de datos de residencia por medio do acceso telemático ao Sistema de verificación de datos de residencia.

c) Fotocopia compulsada do título, só no caso de que non autorice a súa consulta no servizo de interoperabilidade correspondente ou, se for o caso, da certificación do pagamento dos dereitos da súa expedición e certificación académica completa. No caso de presentar un título estranxeiro, será preciso que estea debidamente validado pola administración educativa española.

d) Curriculum vitae.

e) Fotocopia compulsada do título do Celga 4 ou certificación equivalente de lingua galega.

f) Títulos acreditativos do nivel de idiomas e cursos de idiomas realizados, así como títulos acreditativos dos cursos de informática realizados.

g) A experiencia laboral acreditarase a través de contratos de traballo, informe de vida laboral expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social ou ben a través do certificado expedido polo organismo onde se realizaron as prácticas.

3. Se a solicitude non se cubre en todos os seus termos ou non se acompaña da documentación que se menciona neste artigo, requirirase o/a interesado/a, a través dun anuncio na páxina web da Axencia Turismo de Galicia e no taboleiro de anuncios da sede da Axencia Turismo de Galicia, para que nun prazo de dez (10) días hábiles emende a falta ou aportar os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixer, se considerará que desiste da súa petición, de conformidade co disposto no artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirirse o solicitante para que forneza cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Artigo 8. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo 12 e emitirá un informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada. A comisión de valoración poderá contar co asesoramento de expertos externos.

2. A comisión de valoración estará composta por cinco membros, todos eles con voz e voto:

2.1. Bolsa de formación especializada para a promoción e información turística:

a) Presidente: o director de Competitividade da Axencia Turismo de Galicia ou persoa en quen delegue.

b) Secretario/a: un/unha xefe/a de área da dirección de Competitividade da Axencia Turismo de Galicia.

c) Vogais: tres persoas designadas polo director de Competitividade da Axencia Turismo de Galicia entre o persoal de área da Axencia Turismo de Galicia.

2.2. Bolsas da Área de Estudos Turísticos:

a) Presidente: o director de Competitividade da Axencia Turismo de Galicia ou persoa en quen delegue.

b) Secretario/a: un/unha xefe/a de área da Dirección de Competitividade da Axencia Turismo de Galicia.

c) Vogais: tres persoas designadas polo director de Competitividade da Axencia Turismo de Galicia entre o persoal de área da Axencia Turismo de Galicia.

3. No informe que elabore a comisión de valoración figurarán, de xeito individualizado, os solicitantes propostos para obter a subvención e a puntuación obtida ordenada de maior a menor. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un deles sen superar o crédito dispoñible.

Artigo 9. Avaliación e selección das solicitudes

A comisión fará a avaliación de acordo cos seguintes criterios:

Bolsas de formación nas oficinas de información turística

Formación

Titulación

Licenciado ou grao en turismo: 2 puntos

Diplomado en turismo ou grao en turismo: 1,5 puntos

Técnico Superior en Información e Comercialización Turística: 1 punto

Técnico Superior en Axencias de Viaxes: 0,50 puntos

Cursos

Por cada curso relacionado co turismo cun mínimo de 30 horas: 0,10 puntos por curso ata un máximo de 1 punto

Por cursos de postgrao ou mestrado oficiais relacionados co turismo: 1 punto

Idiomas

0,15 puntos por curso de idiomas superado de duración igual ou superior a 80 horas impartido pola Escola Oficial de Idiomas ou institución ou centro recoñecido oficialmente

Forma de acreditación: fotocopia compulsada do título ou certificado correspondente expedido pola institución correspondente

Polo dominio oral e escrito dunha lingua estranxeira, acreditado mediante título oficial:

Nivel B2 do Marco común europeo de referencia para as linguas: 2 puntos

Nivel C1 ou superior do Marco común europeo de referencia para as linguas: 3 puntos

Experiencia práctica

Ata un máximo de 1 punto

0,25 puntos por cada mes completo de prácticas relacionadas co turismo en oficinas de turismo, empresas turísticas, asociacións profesionais de turismo, consorcios turísticos, mancomunidades turísticas ou calquera outra empresa vinculada ao sector turístico

Proba de coñecementos turísticos

Ata un máximo de 3 puntos

A proba versará sobre as materias do anexo II. Esta proba será tipo test e constará dun máximo de 50 preguntas

Bolsas de formación práctica especializada na Área de Estudos
e Investigación-Bolsa A-Especialidade en estatística

Formación

Ata un máximo de 5 puntos

Titulación

Máster en estatística: 2 puntos

Grao en estatística, licenciado en matemáticas coa especialidade de estatística: 1,5 puntos

Diplomado en estatística: 1 punto

Cursos

Postgrao en Desenvolvemento Rexional e Integración Económica: 0,75 puntos

Por cada curso relacionado con bases de datos (SQL,...) cun mínimo de 20 horas: 0,15 puntos por curso

Por cada curso da linguaxe de programación R cun mínimo de 20 horas: 0,15 puntos por curso

Por cada curso de Phyton cun mínimo de 20 horas: 0,15 puntos por curso

Por cada curso de programación en Android cun mínimo de 20 horas: 0,10 puntos por curso

Por cada curso relacionado co manexo de follas de cálculo cun mínimo de 20 horas: 0,10 puntos por curso

Por cada curso relacionado de estatística cun mínimo de 30 horas: 0,10 puntos por curso

Experiencia práctica

Ata un máximo de 3 puntos

0,25 puntos por cada mes completo de traballo (prácticas ou contrato laboral) en empresas e organismos públicos, en actividades relacionadas coa actividade obxecto da bolsa

Entrevista persoal

Ata un máximo de 2 puntos

A entrevista persoal está destinada a valorar os coñecementos e formación dos aspirantes relacionada coas actividades que se van desenvolver durante as prácticas de formación

Bolsas de formación práctica especializada na Área de Estudos
e Investigación-Bolsa B-Especialidade en turismo

Formación

Ata un máximo de 5 puntos

Titulación

Máster en turismo: 2 puntos

Licenciado ou grao en turismo: 1,5 puntos

Diplomado en turismo: 1 punto

Cursos

Por cada curso relacionado con bases de datos (SQL,...) ou co manexo de follas de cálculo cun mínimo de 20 horas: 0,15 puntos por curso

Por cada curso relacionado co turismo cun mínimo de 30 horas: 0,10 puntos por curso

Por cada curso relacionado co turismo cun mínimo de 100 horas: 0,25 puntos por curso

Experiencia práctica

Ata un máximo de 3 puntos

0,25 puntos por cada mes completo de traballo (prácticas ou contrato laboral) en empresas e organismos públicos, en actividades relacionadas coa actividade obxecto da bolsa

Entrevista persoal

Ata un máximo de 2 puntos

A entrevista persoal está destinada a valorar os coñecementos e formación dos aspirantes relacionada coas actividades que se van desenvolver durante as prácticas de formación

Artigo 10. Instrución do procedemento e tramitación

1. A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de concesión de bolsas presentadas ao abeiro desta convocatoria corresponderá á directora da Axencia Turismo de Galicia.

2. O órgano instrutor do procedemento será a Axencia Turismo de Galicia, que, de conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, realizará cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

3. As unidades da Axencia comprobarán que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta convocatoria.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión de valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación ou que non conteñan a documentación necesaria ou que esta non cumpra os requisitos establecidos quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

6. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información serán causa da desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. A comisión de valoración elaborará unha lista cos aspirantes admitidos e excluídos e convocará os candidatos á realización da proba tipo test sobre o temario que se inclúe como anexo II desta orde, ou a entrevista persoal no caso das bolsas para a Área de Estudos Turísticos. As listas de aspirantes admitidos e excluídos, a data e o lugar da celebración da proba ou entrevista, as listas provisionais e definitivas coa puntuación total obtida polos solicitantes publicarase na páxina web da Axencia Turismo de Galicia http://turismo.xunta.es

8. A Comisión valorará os méritos alegados polos candidatos conforme o baremo indicado e formulará o informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

9. O prazo de exposición pública da lista de puntuación provisional será de cinco días naturais contados a partir do día seguinte ao da súa publicación e durante os cales os interesados poderán facer as alegacións pertinentes.

10. Unha vez examinadas as reclamacións, o órgano instrutor elevará un informe, xunto coa proposta de resolución coa puntuación definitiva ordenada de maior a menor, á directora da Axencia Turismo de Galicia, que no prazo de 15 días resolverá o procedemento de concesión. O prazo máximo para a tramitación e a resolución da concesión das bolsas será de 3 meses, desde a data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrer o prazo máximo para resolver sen se ditar resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

11. A resolución da directora da Axencia Turismo de Galicia pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Dirección da Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

12. Unha vez publicada a resolución definitiva, convocaranse os beneficiarios para a elección de destino en función da puntuación obtida. Os beneficiarios deberán ir provistos de DNI ou doutro documento que acredite fidedignamente a súa personalidade. Aqueles que non comparezan persoalmente poderán ser representados por terceiras persoas que acrediten a representación por calquera medio válido en dereito.

13. Se o beneficiario non acepta expresamente a bolsa ou non se presenta á elección de destino, esta concederase ao seguinte candidato con mellor puntuación.

Se durante o desenvolvemento das prácticas se producir algunha vacante ou renuncia por parte dos beneficiarios, procederase á súa cobertura seguindo a orde establecida nas correspondentes listas de reserva en función da súa puntuación.

Artigo 11. Publicidade

A anterior resolución, así como os datos que deban notificarse de forma conxunta, publicarase no taboleiro de anuncios da Axencia Turismo de Galicia e na páxina web da Axencia Turismo de Galicia http://turismo.xunta.es

Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os seus efectos.

Artigo 12. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 13. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Turismo de Galicia. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Axencia Turismo de Galicia mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Praza de Mazarelos, 15, 15703 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a proxectos.turismo@xunta.es

Artigo 14. Obrigas dos solicitantes e dos beneficiarios

Ademais das obrigas previstas polo artigo 11 da Lei de subvencións de Galicia, os solicitantes e beneficiarios quedarán obrigados a:

1. Aceptar en todos os seus termos esta orde.

2. A comprobación de datos non axustada á realidade, tanto na solicitude como na documentación achegada, poderá supoñer a denegación ou revogación da axuda.

3. Os perceptores da bolsa estarán obrigados a realizar as actividades previstas no plan de formación e a cumprir o horario indicado polo seu titor. Ao remate da bolsa, presentarán na Axencia Turismo de Galicia unha memoria final sobre as actividades desenvolvidas visada polo titor ou responsable da oficina onde se realizaron as prácticas.

4. O titor ou persoa competente na Axencia Turismo de Galicia expedirá un certificado sobre asistencia e aproveitamento da bolsa.

Artigo 15. Incidencias

A Axencia Turismo de Galicia resolverá todas as dúbidas e incidencias que poidan xurdir na aplicación da presente convocatoria.

En calquera momento o responsable da oficina correspondente ou o titor poderá propoñer á Axencia Turismo de Galicia -quen decidirá- a cancelación da adscrición do bolseiro a esta por razóns de insuficiencia no seu rendemento, incumprimento do plan de actuación aprobado ou inadaptación ás normas de funcionamento da oficina. Á vista diso, a Axencia Turismo de Galicia, logo do trámite de audiencia, poderá revogar a concesión ou suspender o desfrute dunha bolsa por incumprimento das obrigas contraídas polo adxudicatario.

A Axencia Turismo de Galicia poderá autorizar a interrupción temporal da bolsa, logo da incorporación do bolseiro ao destino adxudicado por motivos de forza maior. No caso de que a interrupción supere o 10 % do tempo total de duración da bolsa suporá a súa revogación.

A renuncia durante o desfrute da bolsa inhabilitará a persoa adxudicataria para os efectos de presentación nas seguintes convocatorias, agás nos casos de forza maior, que serán valorados pola Axencia Turismo de Galicia.

O incumprimento dos compromisos adquiridos de acordo coas bases precedentes dará lugar á revogación da axuda concedida e, de ser o caso, á reclamación das cantidades xa pagadas de conformidade co disposto na lexislación vixente. Así mesmo, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa obxecto desta orde e a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes privados nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 16. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira

En todo o non recollido na presente orde se aplicará o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xaneiro, de subvencións de Galicia, na Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2007, do 21 de xullo, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificada pola Lei 5/2000, do 28 de decembro, e na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade correspondente.

Disposición derradeira segunda

Facúltase a Axencia Turismo de Galicia para ditar cantas disposicións considere oportunas para o desenvolvemento e interpretación desta orde.

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2015

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia

ANEXO II
Temario

Tema 1. Principais recursos do patrimonio arquitectónico galego.

Tema 2. Principais recursos do patrimonio cultural inmaterial galego.

Tema 3. Historia de Galicia. Principais feitos históricos.

Tema 4. A xeografía de Galicia.

Tema 5. Os recursos turísticos de Galicia.

missing image file
missing image file