Mediante a Resolución do 26 de xaneiro de 2015 (DOG nº 21, do 2 de febreiro) regulouse e convocouse para o ano 2015 o programa de axudas para a participación no programa Conecta con Galicia, dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior.
No artigo 6 da dita resolución establécese un prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, para a presentación de solicitudes, prazo que remata o vindeiro día 2 de marzo.
A coincidencia do prazo de presentación de solicitudes co período estival nos países de Hispanoamérica determinou que, estando próximo a rematar o dito prazo, o número de solicitudes presentadas non cubra o número de prazas ofertadas no programa, polo que se considera conveniente proceder á súa ampliación.
En consecuencia, de conformidade co disposto no artigo 49 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,
RESOLVO:
Artigo único. Ampliación do prazo de presentación de solicitudes
Ampliar ata o 13 de marzo de 2014, inclusive, o prazo de presentación de solicitudes previsto no artigo 6 da Resolución do 26 de xaneiro de 2015 pola que se regula e se convoca para o ano 2015 o programa de axudas para a participación no programa Conecta con Galicia, dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior.
Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2015
Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración