Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Venres, 27 de febreiro de 2015 Páx. 8335

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 11 de febreiro de 2015 pola que se dispón o cesamento e o nomeamento de vogais do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento en representación das universidades de Galicia.

De acordo co establecido no número 5 do artigo 11 do Decreto 326/2004, do 29 de decembro, polo que se regulan os órganos de coordinación e asesoramento en materia de cooperación para o desenvolvemento e polo que se crea o Rexistro de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, modificado polo Decreto 90/2011, do 5 de maio de 2011, os vogais do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento serán nomeados e cesados polo titular do departamento competente, logo da proposta das entidades con representación naquel, mediante orde publicada no Diario Oficial de Galicia, e desempeñarán os seus cargos por un período de catro anos.

Pola Orde do 11 de febreiro de 2011 (DOG do 21 de febreiro) nomeáronse como vogais do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento en representación das universidades galegas a Francisco Ramón Durán Villa como titular e a Benita Silva Hermo como suplente.

Por acordo do Consello Galego de Universidades do 22 de decembro de 2014, as universidades galegas propoñen a Manuel Fernández Iglesias, vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo como o seu representante no Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento e a Natalia Álvarez Lata, vicerreitora de Relacións Internacionais e Cooperacion da Universidade da Coruña, como a súa suplente.

Polo tanto, vista a proposta de nomeamento formulada polas universidades galegas e de acordo co disposto nos números 5 e 7 do artigo 11 do Decreto 326/2004, do 29 de decembro,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Que cesen como vogais do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento en representación das universidades galegas Francisco Ramón Durán Villa como vogal titular e Benita Silva Hermo como vogal suplente, agradecéndolles os servizos prestados.

2. Nomear como vogal titular do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento, en representación das universidades galegas, a Manuel Fernández Iglesias, vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo.

3. Nomear como vogal suplente no Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento, en representación das universidades galegas, a Natalia Álvarez Lata, vicerreitora de Relacións Internacionais e Cooperación da Universidade da Coruña.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2015

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza