Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Luns, 23 de febreiro de 2015 Páx. 7396

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 10 de febreiro de 2015, da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, pola que se declara a presenza da praga de corentena denominada Trioza erytreae Del Guercio ou psílido africano dos cítricos e se adoptan medidas urxentes para a súa erradicación e control na Comunidade Autónoma de Galicia.

Antecedentes:

O psílido africano dos cítricos, Trioza erytreae Del Guercio, orixinario de África e amplamente distribuído nese continente foi detectado en Europa inicialmente nos territorios insulares dos Azores, Madeira e Canarias. En prospeccións oficiais realizadas durante o ano 2014 detectouse a presenza deste organismo nocivo dentro da Comunidade Autónoma de Galicia en varios concellos das comarcas da Barbanza e do Salnés.

A Trioza erytreae Del Guercio é unha praga incluída na lista A2 da EPPO (European Plant Protection Organization), e a enfermidade que transmite, chamada Huanglongbing (HLB), causada pola bacteria Candidatus Liberibacter africanus, está encadrada na lista A1 (EPPO, 2014), polo que ambos son parasitos de corentena e polo tanto sometidos a regulación, e por tanto é necesario tomar medidas para a súa erradicación e control.

Os síntomas de ataque de Trioza erytreae Del Guercio nas follas dos cítricos son moi característicos xa que provoca distorsións e atrofias, formación de galadas e de verrugas que causan a perda da cor verde e a aparición de cloroses amarelas.

Consideracións legais e técnicas:

O artigo 14 do Decreto 132/2014, do 2 de outubro, polo que se establece a estrutura da Consellería do Medio Rural e do Mar, establece que a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria é o órgano competente en materia de protección e control da sanidade vexetal.

O artigo 14 da Lei 43/2002, do 20 de novembro , de sanidade vexetal (BOE núm. 279, do 21 de novembro), habilita a Comunidade Autónoma de Galicia para adoptar algunha das medidas fitosanitarias establecidas no artigo 18 da dita lei, o que implica a facultade de desinsectar, desinfectar, inmobilizar, destruír, transformar ou someter a calquera outra medida profiláctica os vexetais e os seus produtos, así como o material con eles relacionado que sexa ou poida ser vehículo de pragas (artigo 18.b).

O artigo 13 da Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal, establece que a execución das medidas fitosanitarias necesarias para a erradicación das pragas deberá realizalas o interesado, considerando que é obriga dos particulares:

a) Manter os seus cultivos, plantacións e colleitas, así como as masas forestais e o medio natural, en bo estado fitosanitario para a defensa das producións propias e alleas.

b) Aplicar as medidas fitosanitarias obrigatorias que se establezan como consecuencia da declaración de existencia dunha praga.

O incumprimento das devanditas medidas pode ser considerado infracción administrativa, o que pode obrigar o órgano competente da Administración pública a iniciar o correspondente expediente sancionador con base nas obrigacións dos particulares na prevención e loita contra pragas (artigo 53 e ss.) segundo a Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal.

A adopción destas medidas implica a entrada nos predios e parcelas dos particulares afectados polo organismo de corentena para a erradicación de todas as especies sensibles, sen prexuízo de que os titulares procedan á execución das medidas, de conformidade co previsto no artigo 19 da Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal.

Por todo o anteriormente exposto,

RESOLVO:

1. Declarar a existencia da praga denominada Trioza erytreae del Guercio, psílido africano dos cítricos, na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Establecer as seguintes medidas fitosanitarias de obrigado cumprimento:

a) Os propietarios que detecten a presenza da praga ou dos seus síntomas en árbores da súa propiedade teñen a obriga de comunicalo aos servizos de sanidade vexetal da súa provincia.

b) No momento en que se detecte a presenza na súa explotación ou horto privado do organismo nocivo Trioza erytreae Del Guercio (psílido africano dos cítricos), os afectados deberán realizar os tratamentos fitosanitarios determinados polos servizos técnicos oficiais. Como mínimo realizaranse dous tratamentos consecutivos cun intervalo de dúas a tres semanas alternando, se é posible, as materias activas autorizadas.

c) Na aplicación dos tratamentos terase en conta a etapa do cultivo, adecuaranse a ela os produtos elixidos para a loita contra o organismo nocivo e respectaranse en todo momento os condicionamentos e restricións establecidos pola lexislación vixente.

d) Todos os comerciantes de vexetais da familia das Rutáceas (Citrus spp., etc.), tanto ornamental como froiteira, deben asegurarse de que esa planta circula co correspondente pasaporte fitosanitario e, en caso de detectar a praga ou os seus síntomas, deberán notificalo aos servizos oficiais de sanidade vexetal da súa provincia.

e) Os afectados polo organismo nocivo Trioza erytreae Del Guercio deberán prestar toda a colaboración que sexa necesaria para levar a cabo as actuacións que determine a Consellería do Medio Rural e do Mar para a erradicación e control da praga.

3. Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderán as persoas interesadas interpoñer recurso de alzada ante a conselleira do Medio Rural e do Mar no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2015

Patricia Ulloa Alonso
Directora xeral de Produción Agropecuaria