Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Xoves, 19 de febreiro de 2015 Páx. 6933

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 10 de febreiro de 2015 pola que se constitúe a Comisión de Docencia e Investigación no Instituto de Medicina Legal de Galicia e se nomean os seus membros.

De conformidade coa previsión establecida polo artigo 479.4 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, o Real decreto 1704/2004, do 16 de xullo, determinou a sede do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), que foi creado e regulado polo Decreto 119/2005, do 6 de maio.

O citado decreto configura o Imelga como un órgano técnico ao servizo da Administración de xustiza que ten como función auxiliar os xulgados, tribunais, fiscalías e oficinas do Rexistro Civil en materia de medicina forense, e prevé, no seu artigo 10, que, por proposta do seu Consello de Dirección, poderá crearse unha Comisión de Docencia e Investigación, que define como aquel órgano superior de asesoramento en materia de formación, docencia e investigación que terá a súa sede en Santiago de Compostela. Establece, así mesmo, que a presidencia da dita comisión corresponderá a unha persoa que sexa catedrática ou profesora universitaria, e que estará integrada por tres persoas catedráticas ou profesoras universitarias, por tres persoas médicas forenses designadas tras proposta do Consello de Dirección e mais pola persoa que ocupe a dirección do instituto, que serán nomeadas, con excepción deste último membro, por orde da consellería competente por razón da materia por un período de catro anos.

Por tanto, unha vez realizada a preceptiva proposta de creación e designación de membros polo Consello de Dirección do Imelga, de acordo co disposto no artigo 10 do citado Decreto 119/2005, do 6 de maio, e no exercicio das competencias atribuídas polo Decreto 72/2013, do 25 de abril, que establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza,

DISPOÑO:

Artigo 1. Creación

Constitúese a Comisión de Docencia e Investigación no Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga).

Artigo 2. Composición

A Comisión de Docencia e Investigación estará composta pola presidenta e polos membros que a seguir se designan:

Presidenta: María Victoria Lareu Huidobro, catedrática da Universidade de Santiago de Compostela.

Vogais:

Ana Bermejo Barrera, catedrática da Universidade de Santiago de Compostela.

Tomás García-Caballero Parada, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela.

José Luis Cascallana Álvarez, médico forense do Imelga.

Eduardo Costas Costas, médico forense do Imelga.

Marta Medrano Varela, médica forense do Imelga.

Beatriz Otero Abadín, directora do Imelga.

A comisión contará cunha persoa que exerza a secretaría e que será designada pola presidencia de entre os seus membros.

Artigo 3. Gastos de funcionamento

A concorrencia ás reunións da Comisión de Docencia e Investigación non xera dereito a indemnización por asistencia, con independencia das restantes indemnizacións que, de ser o caso, correspondan de conformidade co establecido no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón de servizo ao persoal destinado na Administración autonómica de Galicia e na restante normativa de aplicación.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2015

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza