Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Mércores, 11 de febreiro de 2015 Páx. 6039

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 19/2015, do 29 de xaneiro, polo que se aproba o cambio de titularidade do treito da Rede autonómica de estradas de Galicia AC-183 Sada (AC-162)-Arillo (AC-173), punto quilométrico 0+000 ao 0+720, a prol do Concello de Sada.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo de acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

A Axencia Galega de Infraestruturas e o Concello de Sada veñen de asinar un convenio de colaboración para levar a cabo a adecuación da praza da Igrexa Nova. Entre as obrigas das partes, a AGI financia a totalidade das obras e o Concello de Sada acepta a transferencia de titularidade do treito AC-183 Sada (AC-162)-Arillo (AC-173), p.q. 0+000 ao 0+720, antes da licitación da obra.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito AC-183 Sada (AC-162)-Arillo (AC-173), p.q. 0+000 ao 0+720.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e nove de xaneiro de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade, a prol do Concello da Sada, do treito da Rede autonómica de estradas de Galicia AC-183 Sada (AC-162)-Arillo (AC-173), desde o p.q. 0+000 ao p.q. 0+720.

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Sada deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade ao que se refire o presente decreto.

Artigo 3

A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderanlle ao Concello de Sada, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación dos terreos sobrantes, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular dos terreos.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de xaneiro de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas