Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Martes, 10 de febreiro de 2015 Páx. 5825

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 11/2015, do 5 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

En virtude do Decreto 72/2013, do 25 de abril, publicado o 14 de maio de 2013, establécese a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Así mesmo, o número 2 do artigo 32 do dito decreto foi modificado na súa redacción en virtude da disposición derradeira primeira do Decreto 101/2014, do 1 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda.

A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, segundo as novas funcións atribuídas, precisa fortalecer a súa estrutura de modo que lle permita desempeñar e cumprir adecuadamente as tarefas inherentes á súa condición de organismo intermedio para a xestión dos fondos comunitarios destinados á cooperación transfronteiriza, de conformidade co establecido nos regulamentos comunitarios, nas disposicións de aplicación do programa operativo e no acordo que se subscriba coa autoridade de xestión.

Durante o tempo de vixencia do actual decreto púxose de manifesto a necesidade de introducir determinadas modificacións dirixidas a redistribuír e concretar funcións no ámbito da Secretaría Xeral Técnica que reforcen e garantan un idóneo desenvolvemento e execución das súas actuacións.

En todo caso, a estrutura reflectida neste decreto xorde como consecuencia da necesidade de optimizar recursos públicos e de continuar co proceso de racionalización, simplificación e redución das estruturas administrativas iniciado polo actual Goberno, mantendo o máximo nivel de calidade na prestación dos servizos públicos e sen que a nova ordenación supoña incremento de gasto.

En consecuencia, baixo os principios de austeridade, eficacia e eficiencia no deseño e funcionamento da Administración pública, procede agora aprobar a modificación da estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, tendo en conta o disposto no capítulo II do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

De conformidade co exposto, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.4 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, co informe previo da Consellería de Facenda, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de febreiro de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se modifica a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

O Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, queda modificado como segue:

Un. O número 1 do artigo 10 queda redactado do seguinte xeito:

«1. Para o exercicio das súas competencias, a Secretaría Xeral Técnica contará cos seguintes órganos:

a) Vicesecretaría Xeral.

b) Subdirección Xeral de Réxime Xurídico.

c) Subdirección Xeral de Xestión Económico-Administrativa.

d) Subdirección Xeral de Coordinación de Servizos Transversais.

e) Servizo Técnico–Normativo».

Dous. O artigo 11 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 11. Vicesecretaría Xeral

1. A Vicesecretaría Xeral, con nivel orgánico de subdirección xeral, exercerá as seguintes funcións:

a) A suplencia da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante.

b) A dirección e coordinación, de conformidade coas instrucións da Secretaría Xeral Técnica, das actividades do resto dos órganos que a integran, así como a sinatura dos asuntos de trámite de competencia do/a secretario/a xeral técnico/a.

c) A elaboración de estudos e propostas de actuación sobre aspectos relativos á estruturación, planificación, organización, métodos de traballo e de mellora da xestión.

d) O apoio técnico nas funcións encomendadas á Secretaría Xeral Técnica e aos distintos órganos de dirección da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

e) A coordinación, seguimento e control dos expedientes de contratación, dos convenios e protocolos de colaboración en que sexa parte a Consellería.

f) A coordinación das obras e proxectos de competencia da Consellería.

g) A coordinación, seguimento e control dos expedientes de subvencións de competencia da Consellería.

h) A ordenación, xestión e administración ordinaria dos asuntos relativos ao réxime interno do persoal da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

i) A organización e supervisión das bases de datos e de rexistro de persoal sen prexuízo das competencias que correspondan a outros departamentos da Xunta de Galicia.

j) A dirección do Rexistro Xeral da Xunta de Galicia e a súa coordinación cos demais rexistros oficiais da Administración autonómica.

k) O desenvolvemento dos programas e servizos de atención á cidadanía.

l) As traducións, a revisión lingüística e o asesoramento aos órganos da Administración autonómica que así o soliciten.

m) A edición do Diario Oficial de Galicia.

n) A coordinación e planificación das publicacións e edicións audiovisuais da Consellería e as funcións relativas á súa representación na Comisión de Publicacións da Xunta de Galicia, así como a información xeral e a súa difusión.

o) A formación de estatísticas nas materias que sexan competencia da Consellería en coordinación co Instituto Galego de Estatística, sen prexuízo das funcións nesta materia doutros órganos e unidades da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

p) En xeral, a asistencia e xestión de cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

2. Para o cumprimento das súas funcións, a Vicesecretaría Xeral contará cos seguintes órganos:

2.1. Servizo de Recursos Humanos e Réxime Interior.

A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A ordenación, xestión e administración ordinaria dos recursos humanos e o seguimento e control do rexistro de persoal da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, excepto do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza.

b) A xestión do réxime interno do persoal, rexistro, arquivamento e información, control da asistencia e puntualidade da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

c) A xestión dos plans de formación do persoal da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

d) A habilitación de gastos de persoal da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

e) O estudo, tramitación e elaboración das propostas de resolución de reclamacións previas á vía laboral e recursos, así como a execución de sentenzas, en materia de persoal funcionario e laboral da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

f) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.2. Servizo do Rexistro Xeral e Información á Cidadanía.

A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A dirección, seguimento e control do Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, así como a súa coordinación cos demais rexistros oficiais da Administración autonómica e os das entidades locais galegas vinculadas a través do Portelo Único.

b) A recepción dos documentos que se dirixan ás administracións públicas, expedición dos recibos acreditativos da súa presentación, de copias seladas e compulsas deles así como a súa remisión aos órganos destinatarios.

c) A atención do persoal da Xunta de Galicia e das entidades locais en relación co funcionamento do Rexistro Xeral e demais rexistros oficiais da Administración autonómica.

d) A información xeral á cidadanía.

e) O desenvolvemento, en colaboración co órgano competente en materia de modernización e innovación tecnolóxica, da aplicación informática empregada nos rexistros propios e concertados.

f) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.3. Servizo de Tradución e Apoio Técnico-Administrativo.

1. A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) O apoio técnico-administrativo á Vicesecretaría Xeral nos labores de coordinación, seguimento e control, dentro do seu eido competencial.

b) A tradución e revisión lingüística de disposicións normativas, particularmente as publicadas no Diario Oficial de Galicia e nos suplementos en lingua galega do Boletín Oficial del Estado e doutros documentos oficiais.

c) O apoio á Vicesecretaría Xeral na coordinación das publicacións e edicións audiovisuais da Consellería.

d) O asesoramento lingüístico á Comisión Permanente de Publicacións e a outros órganos da Administración que o soliciten.

e) A coordinación e o impulso de accións en materia de toponimia.

f) A resolución das cuestións terminolóxicas que xurdan nas traducións e revisións lingüísticas realizadas para o Diario Oficial de Galicia, o suplemento en lingua galega do Boletín Oficial del Estado e aqueloutras que se lle encomenden.

g) A xestión e actualización do Manual de estilo do Diario Oficial de Galicia e outras publicacións institucionais.

h) Aqueloutras funcións que lle sexan asignadas pola persoa titular da Vicesecretaría Xeral.

2. O Servizo de Tradución e Apoio Técnico-Administrativo, para o desenvolvemento das súas funcións contará, ademais, con dúas unidades administrativas directamente dependentes:

a) Unha de apoio técnico e administrativo nos labores de coordinación, seguimento e control encomendados á Vicesecretaría Xeral.

b) Outra de apoio nos labores de edición do Diario Oficial de Galicia».

Tres. O artigo 12 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 12. Subdirección Xeral de Réxime Xurídico

1. A Subdirección Xeral de Réxime Xurídico exercerá as seguintes funcións:

a) A tramitación dos anteproxectos e proxectos de disposicións de carácter xeral que elaboren os distintos órganos de dirección da Consellería, así como dos convenios e protocolos de colaboración en que sexan parte.

b) O estudo, tramitación e proposta de resolución de reclamacións, recursos e requirimentos formulados contra os actos e resolucións ditados polos distintos órganos da Consellería cando non sexan competencia doutros órganos.

c) A emisión dos informes encomendados pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, ademais do estudo dos asuntos que teñan que elevarse ao Consello da Xunta de Galicia e á Comisión de Secretarios Xerais.

d) A coordinación, mediante a elaboración de instrucións, protocolos de actuación ou calquera outro instrumento que se considere axeitado, cos órganos e unidades administrativas da Consellería que desenvolvan funcións xurídico-administrativas.

e) A coordinación, para a súa remisión e ulterior publicación no Diario Oficial de Galicia, das disposicións e actos administrativos ditados polos órganos da Consellería.

f) A xestión de asuntos propios de asociacións, fundacións de interese galego, colexios profesionais e academias de Galicia.

g) A tramitación dos requirimentos e peticións formulados á Consellería polos xulgados, tribunais, o Defensor do Pobo, o Valedor do Pobo, a cidadanía e outros órganos e institucións.

h) A coordinación, seguimento e control dos asuntos que teñan que elevarse ao Consello da Xunta de Galicia e á Comisión de Secretarios Xerais.

i) Cantas outras funcións expresamente lle sexan asignadas ou delegadas.

2. Para o cumprimento das súas funcións, a Subdirección de Réxime Xurídico, contará cos seguintes órganos:

2.1. Servizo Técnico-Xurídico.

A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A asistencia e apoio xurídico nas materias de competencia da Consellería, tanto nos proxectos de disposicións que elaboren os distintos centros directivos como no estudo, tramitación e propostas de resolución de reclamacións, recursos e requirimentos formulados contra actos e resolucións ditados polos distintos órganos da Consellería cando non estean atribuídos a outros órganos dela.

b) O estudo dos asuntos que teñan que elevarse ao Consello da Xunta de Galicia e á Comisión de Secretarios Xerais, así como coordinación para a súa remisión e ulterior publicación no Diario Oficial de Galicia das disposicións e actos administrativos ditados polos órganos da Consellería.

c) A asistencia e xestión de cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección de Réxime Xurídico.

d) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.2. Servizo do Secretariado do Goberno.

A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A preparación da orde do día, confección das convocatorias, revisión e arquivamento da documentación dos expedientes que se eleven ao Consello da Xunta, ás súas comisións delegadas e á Comisión de Secretarios Xerais, para a súa aprobación.

b) A redacción das actas, acordos e certificacións correspondentes ás reunións dos órganos citados na alínea precedente, a súa remisión ás consellerías competentes por razón da materia, o seu rexistro e a súa custodia.

c) A remisión ao Diario Oficial de Galicia, para a súa publicación, dos decretos aprobados polo Consello da Xunta de Galicia e da normativa aprobada, se é o caso, polas comisións delegadas do Goberno galego.

d) O traslado á Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias das certificacións dos acordos de aprobación de proxectos de lei e dos seus textos para a súa remisión ao Parlamento de Galicia.

e) A remisión ao Boletín Oficial del Estado das leis aprobadas polo Parlamento de Galicia para a súa publicación.

f) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.3. Servizo de Entidades Xurídicas e Corporativas.

A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A cualificación inicial das solicitudes de inscrición de fundacións de interese galego, a súa clasificación e adscrición aos distintos protectorados.

b) A xestión e custodia do Rexistro Único de Fundacións de Interese Galego e o exercicio do protectorado en relación coas fundacións adscritas a esta consellería.

c) A cualificación de legalidade dos estatutos dos colexios profesionais e os consellos galegos de colexios profesionais, a tramitación da aprobación definitiva destes e a xestión e custodia dos seus respectivos rexistros.

d) A xestión e custodia do Rexistro Central de Asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia e a coordinación dos rexistros provinciais, e a instrución e resolución do procedemento de declaración de utilidade pública de asociacións.

e) A xestión e custodia do Rexistro Xeral de Academias de Galicia e as demais funcións que na materia lle correspondan a esta consellería.

f) A xestión e coordinación dos órganos técnicos de consulta e asesoramento das entidades sinaladas.

g) A realización dos informes, estudos e propostas de anteproxectos de disposicións xerais en materia de asociacións, fundacións de interese galego, colexios profesionais e consellos galegos de colexios profesionais e academias de Galicia.

h) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas».

Catro. O artigo 13 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 13. A Subdirección Xeral de Xestión Económico-Administrativa

1. A Subdirección Xeral de Xestión Económico-Administrativa exercerá as seguintes funcións:

a) A coordinación da confección e tramitación do anteproxecto de orzamentos da consellería, o seguimento e control interno da execución orzamentaria, así como a tramitación dos expedientes de modificacións orzamentarias, en coordinación cos órganos implicados.

b) A execución da xestión orzamentaria efectuando os trámites económico-administrativos dos expedientes de gasto e as propostas de pagamentos da Consellería.

c) O asesoramento en materia orzamentaria aos órganos directivos e ás unidades administrativas da Consellería.

d) A elaboración das instrucións necesarias para que os órganos directivos mencionados efectúen unha correcta execución do orzamento.

e) A xestión dos expedientes de contratación administrativa.

f) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas ou delegadas.

2. Para o cumprimento das súas funcións, a Subdirección Xeral de Xestión Económico-Administrativa contará cos seguintes órganos:

2.1. Servizo de Xestión Económica.

A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A coordinación da elaboración e tramitación do anteproxecto de orzamentos da Consellería, control da execución orzamentaria, tramitación dos expedientes de modificación orzamentaria e a execución dos gastos que se lle atribúan.

b) A xestión económica dos convenios de colaboración con outros entes públicos ou privados no marco das competencias atribuídas á Consellería.

c) A habilitación dos gastos correntes da Secretaría Xeral Técnica.

d) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.2. Servizo de Contratación.

A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A xestión dos expedientes de contratación administrativa que sexan competencia da Consellería, cando se trate de obras, xestión de servizos públicos, subministracións e servizos ou calquera outra figura contractual.

b) A elaboración dos pregos de cláusulas administrativas particulares e de prescricións técnicas aplicables aos contratos que celebre a Consellería, sen prexuízo das competencias atribuídas na materia ao Servizo de Infraestruturas Administrativas e ao de Obras e Proxectos.

c) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas».

Cinco. O artigo 14 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 14. A Subdirección Xeral de Coordinación de Servizos Transversais

1. A Subdirección Xeral de Coordinación de Servizos Transversais exercerá as seguintes funcións:

a) O impulso, coordinación e xestión das actuacións de carácter transversal que poidan afectar a Xunta de Galicia.

b) A xestión de infraestruturas administrativas.

c) A avaliación, implantación e planificación en materia de prevención de riscos laborais.

d) A coordinación dos servizos que a Xunta de Galicia encomende para a xestión da prevención e asistencia en materia de accidentes de traballo e enfermidades profesionais.

e) O seguimento e supervisión das obras e proxectos de competencia da Consellería.

f) A dirección do Parque Móbil da Xunta de Galicia e coordinación dos parques sectoriais pertencentes a outras consellerías.

g) A coordinación da asistencia médica facultativa ao persoal dos servizos centrais.

h) A elaboración de cantas normas e instrucións sexan necesarias para a mellora da xestión e da calidade na prestación de servizos.

i) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas ou delegadas.

2. Para o cumprimento das súas funcións, a Subdirección Xeral de Coordinación de Servizos Transversais contará cos seguintes órganos:

2.1. Servizo de Xestión de Infraestruturas Administrativas.

A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A conservación e mantemento das dependencias adscritas á Consellería e daqueloutras que se lle encomenden, e dos complexos administrativos, centrais e periféricos, así como as actuacións complementarias necesarias para o seu normal funcionamento, sen prexuízo das competencias en materia de patrimonio da Consellería de Facenda.

b) A inspección técnica, realización de informes, sistemas de seguridade e a adecuación á normativa vixente das infraestruturas existentes.

c) A coordinación dos órganos e das unidades de mantemento centrais e periféricas.

d) A elaboración dos pregos de prescricións técnicas dos expedientes de contratación relacionados coa xestión das infraestruturas administrativas da súa competencia e o seguimento, vixilancia e control das contratacións derivadas deles.

e) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.2. Servizo de Prevención de Riscos Laborais.

A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) O deseño, elaboración e implantación dun plan de prevención de riscos laborais.

b) A avaliación dos riscos laborais e a planificación da actividade preventiva.

c) A formación e información aos/ás empregados/as públicos/as en materia de prevención de riscos laborais, a vixilancia da súa saúde e a adopción das medidas de emerxencia e evacuación.

d) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.3. Servizo de Obras e Proxectos.

A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións:

A supervisión de proxectos técnicos e o seguimento dos proxectos de obras da Consellería.

A elaboración dos pregos de prescricións técnicas dos expedientes de contratación relacionados con obras de competencia da Consellería.

A prestación da asistencia técnica aos órganos e ás unidades administrativas da Consellería en todos os expedientes nos cales sexa solicitada.

A realización dos traballos facultativos propios das obras de construción, reforma e reparación de competencia da Consellería.

A elaboración dos informes técnicos que lle sexan requiridos pola Secretaría Xeral Técnica.

Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

3. A Subdirección Xeral de Coordinación de Servizos Transversais contará, ademais, con dúas unidades administrativas directamente dependentes para a realización das seguintes funcións:

a) O apoio técnico e administrativo nos labores de dirección e coordinación do Parque Móbil.

b) O apoio nos labores de coordinación da asistencia médica facultativa ao persoal dos servizos centrais».

Seis. Engádese un artigo 14.bis como segue:

«Artigo 14.bis. Servizo Técnico–Normativo

A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións:

O apoio e asesoramento normativo á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica no estudo, preparación e tramitación dos expedientes da Consellería.

O estudo e seguimento das propostas de disposicións que elaboren os distintos órganos de dirección da Consellería.

A elaboración de informes derivados dos estudos transversais que lle sexan encomendados pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica sobre materias propias da competencia da Consellería.

O rexistro e arquivamento das disposicións legais emanadas da Consellería, así como a recompilación e refundición das normas emanadas desta.

O estudo dos anteproxectos de disposicións normativas do Estado e do resto de consellerías.

A confección de documentación e borradores para os expedientes sobre aprobación de normativa regulamentaria que nas súas materias corresponda iniciar á Secretaría Xeral Técnica.

En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica».

Sete. O artigo 32 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 32. Atribucións

1. A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea configúrase como o órgano superior da Administración autonómica de apoio, asistencia e asesoramento ao presidente en todas as actuacións sobre relacións coa Unión Europea, acción exterior, análise do contorno internacional e cooperación ao desenvolvemento.

2. En particular, son competencias da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea:

a) A execución da actividade europea e da actividade exterior da Xunta de Galicia, sen prexuízo das competencias sectoriais que a cada departamento lle correspondan.

b) A cooperación institucional e técnica en relación co proceso de integración europea, especialmente naquelas materias relacionadas coas políticas rexionais e sectoriais, e nas organizacións rexionais europeas non comunitarias.

c) A coordinación entre os departamentos da Xunta de Galicia para os asuntos relacionados coa Unión Europea e coa acción e cooperación exteriores.

d) A elaboración dos plans e estratexias no marco da Unión Europea, da acción exterior e da cooperación ao desenvolvemento, nos cales se determinarán as prioridades xeográficas e sectoriais de actuación da Xunta de Galicia.

e) A representación da Comunidade Autónoma nos órganos que existan entre a Administración xeral do Estado e as comunidades autónomas, sobre acción exterior e cooperación ao desenvolvemento, sen prexuízo das competencias doutros órganos autonómicos.

f) A promoción das relacións de cooperación con entidades e institucións non estatais ou subestatais estranxeiras, fomentando especialmente a dimensión de xénero en todas elas, sen prexuízo das funcións doutros departamentos ou centros directivos.

g) A elaboración das propostas de desenvolvemento normativo nas materias da súa competencia.

h) O fomento da imaxe integral de Galicia no exterior.

i) O seguimento das actuacións da Fundación Galicia Europa.

j) A tramitación das notificacións oficiais de axudas públicas e das correspondentes ás actuacións inherentes ás queixas e infraccións comunitarias nas cales o Ministerio de Asuntos Exteriores ou a Comisión Europea requiran un único centro de notificación e de interlocución.

k) O desempeño das tarefas inherentes á súa condición de organismo intermedio para a xestión dos fondos comunitarios destinados á cooperación transfronteiriza, de conformidade co establecido nos regulamentos comunitarios, nas disposicións de aplicación do programa operativo e no acordo que se subscriba coa autoridade de xestión.

l) A canalización da información que se xere no ámbito da Unión Europea e que sexa de interese para as distintas consellerías e órganos superiores da Xunta de Galicia, para as entidades integrantes do sector público autonómico e para a sociedade galega en xeral.

m) Aqueloutras que, dentro do seu ámbito competencial, lle sexan asignadas ou delegadas».

Oito. O artigo 33 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 33. Estrutura

Para o exercicio das súas funcións, a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea estrutúrase nos seguintes órganos:

a) Subdirección Xeral de Relacións coa Unión Europea.

b) Subdirección Xeral de Cooperación Exterior.

c) Subdirección Xeral de Análise e Programación.

d) Subdirección Xeral de Acción Exterior e de Cooperación Transfronteiriza.

e) Servizo de Xestión Económica, Administrativa e de Inspección e Control».

Nove. O artigo 37 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 37. Subdirección Xeral de Acción Exterior e de Cooperación Transfronteiriza

1. A Subdirección Xeral de Acción Exterior e de Cooperación Transfronteiriza exercerá as seguintes funcións:

a) A proxección exterior de Galicia e a execución da actividade exterior da Xunta de Galicia, sen prexuízo das competencias sectoriais doutros órganos ou unidades administrativas.

b) A cooperación institucional e técnica, apoiando as actuacións da Administración autonómica en materias relacionadas coas organizacións rexionais europeas non comunitarias.

c) A dirección da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal.

d) A colaboración coa Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos da Consellería de Facenda nas actuacións que, de acordo cos regulamentos comunitarios, se deben realizar con carácter previo á aprobación do Programa de cooperación transfronteiriza.

e) O seguimento, avaliación e modificación do Programa de cooperación transfronteiriza.

f) Asistir a dirección xeral na súa participación nos comités de Seguimento, de Xestión e do Comité Territorial na área de cooperación do seu ámbito.

g) Aqueloutras que lle sexan asignadas ou delegadas.

2. Para o desempeño destas funcións, a Subdirección Xeral de Acción Exterior e de Cooperación Transfronteiriza contará cos seguintes órganos:

2.1. Servizo de Coordinación da Cooperación Territorial.

A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) O impulso da coordinación institucional, en colaboración coa Rexión Norte portuguesa, da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal.

b) Coordinar a xestión do Programa de cooperación transfronteiriza no seu ámbito territorial desde o punto de vista técnico-xurídico.

c) Valorar as candidaturas de proxectos presentadas de acordo coas prioridades rexionais.

d) O asesoramento técnico-administrativo aos beneficiarios e acompañamento na execución dos seus proxectos.

e) O seguimento e coordinación dos plans e proxectos que se determinen no marco das relacións exteriores.

f) Aqueloutras que lle sexan asignadas.

2.2. Servizo de Xestión e Seguimento do Programa de Cooperación Transfronteiriza.

A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) Coordinar a xestión económica e orzamentaria do Programa de cooperación transfronteiriza no seu ámbito territorial.

b) O seguimento da xestión do programa, a través do circuíto financeiro da aplicación informática deste.

c) O asesoramento técnico-financeiro aos beneficiarios dos proxectos.

d) Estudar as solicitudes de modificacións substanciais e non substanciais dos proxectos e a participación na elaboración dos informes de execución, xunto co Servizo de Coordinación da Cooperación Territorial.

e) Proporcionar aos beneficiarios as orientacións axeitadas para a execución e posta en marcha dos procedementos de xestión necesarios para o bo uso dos fondos.

f) Impulsar a corrección das irregularidades e incidencias observadas nos informes de control emitidos por órganos nacionais e/ou comunitarios e informar a autoridade de xestión dos resultados da corrección.

g) O seguimento dos reembolsos correspondentes a este programa.

h) Aqueloutras que lle sexan asignadas».

Dez. O artigo 38 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 38. Servizo de Xestión Económica, Administrativa e de Inspección e Control

A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A elaboración do borrador do anteproxecto do orzamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

b) A xestión económica e administrativa, así como o seguimento e control da execución dos distintos programas orzamentarios de gasto da Dirección Xeral, sen menoscabo das atribucións expresas a outros órganos e unidades administrativas.

c) A coordinación e o seguimento da xestión da Fundación Galicia Europa.

d) A coordinación e control das auditorías desenvolvidas e as peticións de información realizadas por institucións comunitarias, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma ou por outros órganos de control.

e) A realización das verificacións administrativas de todos os gastos presentados polos beneficiarios, así como as verificacións sobre o terreo, exixidas nos regulamentos comunitarios, nos termos que se establezan nas respectivas descricións de sistemas de xestión e control do programa operativo.

f) O establecemento dos procedementos que garantan unha pista de auditoría apropiada.

g) A elaboración e coordinación do Plan anual de comprobacións relativas ao mantemento das operacións cofinanciadas polo Programa operativo transfronteirizo, nas condicións e prazos exixidos nos regulamentos comunitarios.

h) Aqueloutras que lle sexan asignadas».

Disposición transitoria primeira

Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido funcional das subdireccións xerais ou servizos existentes, autorízase o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, por proposta da Secretaría Xeral Técnica da Consellería, para adscribir o persoal funcionario que ocupaba o posto existente ao posto equivalente que figura neste decreto. No caso de supresión ou amortización das subdireccións xerais ou xefaturas de servizo, será de aplicación o establecido na normativa vixente en materia de función pública.

Disposición transitoria segunda

As unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo, correspondentes ás subdireccións xerais ou servizos suprimidos ou amortizados como consecuencia deste decreto, continuarán subsistentes e retribuiranse con cargo aos mesmos créditos orzamentarios ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida neste decreto. As unidades e os postos de traballo encadrados nos órganos suprimidos adscribiranse provisionalmente, mediante resolución do/a conselleiro/a por proposta da Secretaría Xeral Técnica, aos órganos establecidos neste decreto en función das atribucións que teñen asignadas.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para ditar as disposicións necesarias para a execución e desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de febreiro de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza