Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Mércores, 28 de xaneiro de 2015 Páx. 4190

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 9 de xaneiro de 2015 pola que se autorizan as ensinanzas artísticas superiores de Música, nas especialidades de Composición, Interpretación e Produción e Xestión, no centro Mayeusis, de Vigo.

A titularidade do centro autorizado de música Mayeusis, do concello de Vigo, solicita autorización para impartir as ensinanzas superiores de música, nas especialidades de Composición, Interpretación e Produción e Xestión, establecidas no Real decreto 631/2010, do 14 de maio, que fixa as súas ensinanzas mínimas.

O Real decreto 1614/2009, do 26 de outubro, establece a ordenación das ensinanzas artísticas superiores reguladas pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e o Real decreto 631/2010, do 14 de maio, establece o contido básico das ensinanzas artísticas superiores de Música. O Real decreto 303/2010, do 15 de marzo, sinala os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas artísticas, e, conforme o seu artigo 21.1, dispón que no caso de que un centro se especialice no ensino da música moderna, deberá impartir as especialidades de interpretación coas materias de Piano, Canto e todas as materias instrumentais que constitúen o cadro das distintas agrupacións da música moderna e, cando menos, outras dúas especialidades.

A Orde do 30 de setembro de 2010 aproba o plan de estudios das ensinanzas artísticas superiores de Música na Comunidade Autónoma de Galicia e regula o seu acceso.

Así mesmo, o Decreto 253/1995, do 29 de setembro, e a Orde do 5 de decembro de 1995, regulan o procedemento para a autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas artísticas; trámites preceptivos iniciados na Xefatura Territorial de Pontevedra que achega o expediente cos correspondentes informes para a autorización das devanditas ensinanzas.

Por isto, e por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Primeiro. Autorizar as ensinanzas superiores de música no centro docente cuxos datos se sinalan a seguir:

Denominación xenérica: centro autorizado de ensinanzas superiores de música.

Denominación específica: Mayeusis.

Código do centro: 36024872.

Domicilio: r/ Areal, 118.

Localidade: Vigo.

Concello: Vigo.

Provincia: Vigo.

Titular: Mayeusis, S.L.

Ensinanzas que se autorizan:

Ensinanzas superiores de Música, nas especialidades de:

Composición.

Interpretación: Canto, Piano e Jazz.

Produción e Xestión.

Segundo. Antes da posta en funcionamento das ensinanzas que se autorizan, a Xefatura Territorial de Pontevedra, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que impartirá a docencia así como o equipamento adecuado.

Terceiro. Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Cuarto. O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e a solicitar a oportuna revisión cando teñan que modificarse calquera dos datos que se sinalan nesta orde.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben, directamente, o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses dende a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2015

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria