Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Mércores, 21 de xaneiro de 2015 Páx. 3160

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 30 de decembro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas de carácter socioeconómico cofinanciadas nun 75 % co Fondo Europeo de Pesca (FEP) e se establece a súa convocatoria para o ano 2015, tramitada como anticipada de gasto.

O Regulamento (CE) nº 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Pesca (FEP) define o marco de apoio comunitario a favor do desenvolvemento sustentable do sector pesqueiro para o período 2007-2013.

Este fondo comunitario establece, entre outras, unha serie de medidas socioeconómicas de acompañamento á reestruturación das frotas pesqueiras comunitarias. Estas medidas teñen como obxectivo garantir que os traballadores poidan dispoñer de ferramentas axeitadas para adaptarse aos cambios sociais que se están a producir no ámbito pesqueiro, así como dispoñer de mecanismos que permitan paliar os problemas que implican a perda do posto de traballo polos axustes da frota pesqueira e a necesidade de atopar alternativas fóra do sector.

Ao abeiro do citado Regulamento, a Consellería do Medio Rural e do Mar tramita mediante a presente orde o procedemento para a concesión de axudas de carácter socioeconómico publicando conxuntamente a convocatoria para o ano 2015 e mais as bases reguladoras co fin de facilitar aos interesados a consulta destas.

Segundo a Decisión C (2012) 9373 de execución da Comisión que modifica a Decisión C (2007) 6615, a taxa media de cofinanciamento do FEP é dun 75 % en todas as medidas.

De acordo co artigo 55 do Regulamento (CE) 1198/2006 e demais normativa de aplicación, para poder acollerse á contribución con cargo ao Fondo Europeo de Pesca os conceptos subvencionados mediante esta orde terán que estar xustificados polos beneficiarios e certificados á Comisión Europea antes do 31 de decembro de 2015.

O artigo 1.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG número 34, do 19 de febreiro) sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG número 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG número 209, do 29 de outubro), establece que os expedientes de gasto relativos a subvencións se poderán iniciar sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito axeitado e abondo no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia que corresponda ao exercicio orzamentario en que se vai materializar a contraprestación.

O artigo 3.3 estende expresamente esta posibilidade de tramitación anticipada aos expedientes relativos ás bases reguladoras ou convocatorias de axudas derivadas da aplicación de regulamentos comunitarios con financiamento procedente de fondos europeos, sempre que exista regulación das axudas pola Unión Europea ou de ámbito estatal ditada en desenvolvemento ou transposición dela e existan compromisos de financiamento destinados á aplicación das correspondentes medidas.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras da concesión de axudas de carácter socioeconómico e proceder á súa convocatoria para o ano 2015.

Artigo 2. Finalidade das axudas

A finalidade das axudas reguladas nesta orde é a de establecer medidas de acompañamento para os traballadores afectados polos axustes da frota pesqueira, que axuden a paliar os efectos da dita reestruturación e apoien a reconversión destes traballadores.

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. Para o ano 2015 as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 12.30.723A.780.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. O importe total máximo das subvencións que se concedan no dito exercicio orzamentario será de 500.000,00 euros.

2. O período de elixibilidade do actual programa operativo (2007-2013), abrangue desde o 1 de xaneiro de 2007 ata o 31 de decembro de 2015, segundo dispón o artigo 55.1 do Regulamento (CE) nº 1198/2006.

3. O importe fixado na presente convocatoria, así como as aplicacións ás cales se impute, poderase ampliar no caso de que exista crédito dispoñible derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de remanentes doutras convocatorias ou en calquera dos casos e coas condicións establecidas no punto 2 do artigo 30 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

4. A presente convocatoria tramítase polo procedemento anticipado de gasto. A concesión das axudas estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e abondo no momento da resolución.

5. As axudas mencionadas contan co financiamento do FEP nun 75 % e do Estado membro nun 25 %.

Artigo 4. Tipos de axudas

A) Primas por reconversión.

1. Parcial: diversificación de actividades: esta medida ten como obxecto o apoio ás actividades dos pescadores fóra do sector pesqueiro, permitíndolles que sigan pescando a tempo parcial, sempre que con isto se contribúa a reducir o seu esforzo pesqueiro. O proxecto de reconversión parcial deberá supoñer polo menos o 35 % da actividade dos solicitantes.

2. Total: esta medida ten como obxecto o apoio á reconversión profesional dos pescadores en actividades profesionais a tempo completo nun sector distinto ao da pesca marítima.

B) Prima non renovable vinculada á paralización definitiva.

Esta medida concíbese como unha compensación aos tripulantes de buques que paralizasen a súa actividade definitivamente como consecuencia dun plan de axuste do esforzo pesqueiro.

C) Prima pola compra do primeiro barco.

Esta medida ten a finalidade de facilitar o acceso á propiedade, parcial ou total, dun barco aos profesionais do sector que nunca tiveron un en propiedade.

Artigo 5. Requisitos xerais dos beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios tanto os tripulantes de buques pesqueiros afectados por medidas de reestruturación da frota que teñan porto base na Comunidade Autónoma de Galicia como os tripulantes que teñan o seu domicilio fiscal en Galicia, sempre que reúnan todos e cada un dos requisitos establecidos máis adiante para cada unha das medidas.

2. Os beneficiarios deberán cumprir os requisitos exixidos na normativa básica do Estado non sinalados no punto anterior. En particular deberán cumprirse as condicións recollidas no artigo 27 do Regulamento (CE) 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Europeo de Pesca e no programa operativo para o sector pesqueiro español.

3. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Requisitos específicos segundo o tipo de axuda

A) Prima por reconversión.

1. Estar dado de alta no réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do Mar.

2. Ter menos de 55 anos de idade ou, sendo maior, non ter a posibilidade de xubilarse.

3. Acreditar un mínimo de cinco anos de exercicio da profesión de pescador.

B) Prima non renovable vinculada á paralización definitiva.

1. Tripulantes que traballasen a bordo dun buque pesqueiro polo menos doce meses, sempre que o buque se sometese á paralización definitiva das actividades pesqueiras e que a dita paralización forme parte dun plan de axuste do esforzo pesqueiro.

2. Estar dado de alta no réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do Mar e ter cotizado neste réxime un período mínimo de doce (12) meses.

3. Ter menos de 55 anos de idade ou, sendo maior, non ter a posibilidade de xubilarse.

4. Estar enrolado, en alta ou nalgunha das situacións asimiladas á alta, ou ben atoparse en situación de expediente de regulación de emprego, no buque obxecto de axuste estrutural desde o momento en que o armador solicite a prima por paralización definitiva.

C) Prima pola adquisición do primeiro barco.

1. Estar dado de alta no réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do Mar.

2. Acreditar un mínimo de cinco anos de exercicio da profesión de pescador ou formación profesional equivalente.

3. Adquirir un buque das seguintes características:

3.1. Eslora total inferior a 24 metros.

3.2. Idade comprendida entre 5 e 20 anos.

4. Non ser propietario, nin na actualidade nin nun momento anterior, de ningunha outra embarcación de pesca.

5. Ter menos de 40 anos na data de adquisición da embarcación sempre que presente a solicitude na convocatoria aberta nese momento ou na inmediatamente seguinte á dita adquisición.

Artigo 7. Obrigas dos beneficiarios

1. Os beneficiarios, ao formalizaren a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a estas.

2. Os beneficiarios deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Executar as actuacións obxecto da subvención dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión con cumprimento das condicións e prescricións establecidas nela, nesta orde de convocatoria e demais normativa de aplicación, de forma que se poida realizar a súa comprobación documental e material.

b) Acreditar mediante declaración responsable que non teñen pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

c) No caso das axudas previstas no artigo 6 letras A) e C), os bens subvencionados deberán ser destinados ao fin concreto para o cal se conceda a subvención durante un período mínimo de cinco anos, de acordo co previsto no artigo 56 do Regulamento (CE) nº 1198/2006, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo da Pesca.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que poida efectuar o órgano concedente ou calquera outra comprobación ou control financeiro que poidan realizar a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas ou calquera outro órgano de control competente, tanto nacional como comunitario, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicarlle á Consellería do Medio Rural e do Mar a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente, tanto público como privado.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco anos desde a percepción do último pagamento, para os efectos de comprobación e control.

g) Os beneficiarios quedan obrigados a comunicar á Consellería do Medio Rural e do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a modificación das finalidades para as cales foi concedida a axuda, o que pode levar consigo unha minoración da axuda concedida ou a súa denegación, segundo a importancia das modificacións operadas.

h) Os beneficiarios terán a obriga de dar a axeitada publicidade ao carácter público do financiamento dos investimentos realizados no caso das axudas reguladas na letra A e C do artigo 6, con expresa mención da participación do Fondo Europeo da Pesca, de conformidade co establecido no Regulamento 498/2007, do 26 de marzo.

i) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable específico en relación con todas as transaccións relacionadas coa subvención que permita seguir a pista de auditoría.

Artigo 8. Contía das axudas

A) Primas por reconversión.

1. Parcial.

Diversificación de actividades. A axuda máxima prevista nesta medida é de 21.000 euros por beneficiario individual.

2. Total.

A axuda máxima prevista nesta medida é de 52.000 euros por beneficiario individual.

Estas dúas medidas estarán encadradas dentro de plans sociais individuais ou colectivos nos que figurará un proxecto en que se indicará o tipo de medida que se vai tomar e os investimentos ou desembolsos que realizará o beneficiario; o dito proxecto servirá de base para o cálculo da axuda.

B) Prima non renovable vinculada á paralización definitiva.

A cantidade máxima subvencionable será de 10.500 euros por beneficiario individual.

Esta compensación será reembolsada pro rata temporis no caso de que o beneficiario volva exercer a profesión de pescador nun prazo inferior a un ano tras o cobramento da compensación, mantendo unicamente o dereito á parte proporcional da prima que corresponda ao período transcorrido desde o momento do cobramento da axuda ata aquel en que volva exercer a dita profesión. No caso de que o beneficiario estea a exercer a profesión de pescador no momento do cobro da axuda deberá reembolsar o seu importe total.

Para os efectos do cálculo da redución ou reembolso, terase en conta que a axuda se devindica por meses vencidos e de forma proporcional. No suposto de que dentro dunha mensualidade comezase a traballar, detraeráselle a parte proporcional que corresponda segundo os días de inactividade.

C) Prima pola compra do primeiro barco.

A prima pola compra do primeiro barco non será superior ao quince por cento do custo de adquisición da propiedade nin excederá os 50.000 euros.

Artigo 9. Compatibilidade das axudas

1. As axudas establecidas nestas bases reguladoras serán compatibles con calquera outra concedida por outras administracións públicas ou por entidades públicas ou privadas, sempre que non teñan financiamento parcial ou total de fondos procedentes doutro instrumento financeiro comunitario e a suma total das axudas non supere a porcentaxe máxima fixada no Regulamento (CE) nº 1198/2006 para a contribución pública.

2. No suposto de que a suma de todas as axudas supere os devanditos límites, procederase por resolución do órgano concedente á minoración da axuda concedida.

Artigo 10. Prazos de solicitude

1. Para esta convocatoria de 2015 o prazo de presentación das solicitudes previstas nas letras A) e C) do artigo 4 será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. O prazo de presentación das solicitudes previstas na letra B) será desde o día seguinte á publicación desta orde e ata o 20 de xuño de 2015, excepto que a data final que resulte da aplicación do punto 1 sexa posterior, caso en que se aplicará esta última.

Artigo 11. Forma de presentación de solicitudes e documentación necesaria (anexos normalizados e documentación complementaria)

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. A solicitude e demais anexos normalizados está formada por:

– Anexo I de solicitude de axuda.

7. A documentación complementaria está formada por:

a) Informe de vida laboral expedido polo Instituto Social da Mariña.

b) Copia cotexada de todas as follas de todos os cadernos de inscrición marítima que deberán estar actualizados.

c) Copia cotexada do DNI só no caso de non autorizar ao órgano xestor para comprobar os datos de identidade mediante consulta ao Sistema de verificación de datos segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro (DOG nº 221, do 13 de novembro) e Orde do 7 de xullo de 2009 (DOG nº 134, do 10 de xullo).

d) Segundo o tipo de medida solicitada, ademais:

i) Primas por reconversión.

– Plan e proxecto detallado destinado á pluriactividade ou á reciclaxe profesional en áreas distintas da pesca marítima, en que se acreditará o cumprimento dos requisitos e a posesión das autorizacións para levalo a cabo, de ser o caso, así como a cuantificación do seu importe. Se o proxecto é de carácter técnico deberá estar visado polo colexio profesional correspondente. Da documentación relativa a este parágrafo achegaranse dous exemplares.

– Xustificante do Instituto Social da Mariña de non poder acceder á xubilación ordinaria no caso de ser maior de 55 anos.

– No caso de reconversión parcial, memoria explicativa en que se especifique o tempo que os solicitantes van dedicar á actividade de pesca e o tempo que van dedicar á actividade de reconversión parcial.

– Cando proceda, e para os efectos do artigo 13.1 I) ou II), plan detallado onde se especifique a conciliación da vida laboral e familiar.

ii) Prima non renovable vinculada á paralización definitiva.

– Documentación acreditativa da finalización da actividade laboral en relación co buque paralizado. Para o caso de que a actividade laboral non estea rematada ou non se dispuxese da documentación acreditativa no momento de presentar a solicitude esta documentación presentarase previamente ao pagamento da prima dentro do prazo de xustificación.

– Informe COE emitido polo Instituto Social da Mariña en que conste a idade de xubilación unha vez aplicados os coeficientes redutores.

iii) Primas individuais a pescadores menores de 40 anos para a compra do primeiro barco:

– De ser o caso, documento acreditativo da formación profesional equivalente a cinco anos de exercicio da profesión de pescador.

– Compromiso de adquisición da embarcación no cal se cuantifique o seu importe ou documento público de compravenda do buque se esta é anterior á data de presentación da solicitude.

Artigo 12. Tramitación das solicitudes, resolución e recursos

1. O Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota da Consellería do Medio Rural e do Mar, como órgano instrutor dos expedientes, analizará os expedientes e requirirá a documentación necesaria, de ser o caso.

2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos, requirirase o interesado para que nun prazo de dez días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, e se así non o fixer, terase por desistido da súa solicitude. Sen prexuízo do anterior, poderá requirirse ao solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez instruído o expediente, remitirase a unha comisión de selección formada pola persoa titular da Subdirección Xeral de Innovación Tecnolóxica, a persoa titular do Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota e mais unha persoa funcionaria deste servizo que emitirán un informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada. Aqueles que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria elevaranse á persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar para a súa resolución.

4. A resolución de concesión indicará, entre outros aspectos, os compromisos asumidos polos beneficiarios; os créditos orzamentarios aos cales se imputa o gasto; a contía da subvención individualizada e a porcentaxe do financiamento do Fondo Europeo da Pesca; os prazos e modo de pagamento da subvención; e o prazo e a forma de xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade para a cal se cobra a subvención.

5. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de cinco meses desde a data de publicación desta orde de convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. Unha vez notificada a devandita resolución o interesado terá un prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a súa aceptación. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

7. Contra a resolución que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar no prazo dun (1) mes a partir do día seguinte ao da súa notificación ou, alternativamente, recurso contencioso-administrativo perante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación. Se transcorrido o prazo para resolver establecido no punto 5 deste artigo non lle é notificada ao interesado a resolución, entenderase desestimada por silencio negativo e caberá interpoñer recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar no prazo de tres (3) meses ou, alternativamente, recurso contencioso-administrativo perante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de seis (6) meses contados, en ambos casos, a partir do día seguinte ao que se produza o acto presunto.

8. Os expedientes que non cumpran os requisitos contidos nestas bases e na normativa de aplicación serán inadmitidos ou desestimados, segundo o caso.

Artigo 13. Criterios de selección

1. As solicitudes serán atendidas na orde que se relaciona a seguir:

I) Prima por reconversión total: terán preferencia aquelas solicitudes en que unha muller teña unha participación mínima do 50 %, seguido daquelas que conteñan un plan detallado para favorecer a conciliación da vida laboral e familiar do home ou da muller, e finalmente priorizarase segundo o maior número de días de cotización ao réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do Mar. En caso de empate priorizarase a persoa solicitante de maior idade.

II) Prima por reconversión parcial: terán preferencia aquelas solicitudes nas cales unha muller teña unha participación mínima do 50 %, seguido de aqueles que conteñan un plan detallado para favorecer a conciliación da vida laboral e familiar do home ou da muller, e finalmente priorizarase segundo o maior número de días de cotización ao réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do Mar. En caso de empate priorizarase a persoa solicitante de maior idade.

III) Prima pola compra do primeiro buque: terán preferencia aquelas solicitudes nas cales unha muller teña unha participación mínima do 50 % na propiedade do buque adquirido, e finalmente priorizarase segundo o maior número de días de cotización ao réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do Mar. En caso de empate priorizarase a persoa solicitante de maior idade.

IV) Prima non renovable vinculada á paralización definitiva: priorizaranse as persoas solicitantes de maior idade e, en caso de empate, priorizarase segundo o maior número de días de cotización ao réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do Mar.

2. Os criterios de selección poderanse modificar coas respectivas ordes de convocatoria do ano correspondente.

Artigo 14. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en particular, a obtención concorrente de subvencións e axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, e o incumprimento dos prazos de realización das obras, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou a súa revogación, no caso de considerarse que a modificación afecta un aspecto substancial da concesión.

2. Calquera modificación da actuación considerada como subvencionable na resolución de concesión requirirá autorización previa e expresa por parte da Consellería do Medio Rural e do Mar. Para estes efectos o beneficiario deberá presentar unha solicitude por escrito en que quede constancia debidamente motivada das razóns que aconsellan a modificación proposta.

3. O acto polo que se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, o da súa denegación, será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente, no que se dará audiencia ao interesado. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 15. Xustificación e pagamento

1. A xustificación do cumprimento das condicións impostas e da consecución dos obxectivos previstos no acto de concesión da subvención realizarase de acordo coas bases da convocatoria de axudas e a resolución de concesión. Para as axudas previstas nas letras A e C do artigo 4 (reconversión e prima pola compra do primeiro barco) o prazo de xustificación rematará o 31 de xullo de 2015. Para as axudas previstas na letra B do artigo 4 (prima non renovable) o prazo de xustificación rematará o 5 de outubro de 2015.

2. A documentación orixinal para o pagamento presentarase no Rexistro Único e de Información do complexo administrativo de San Caetano ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A documentación que se presentará será a seguinte:

– Anexo II de declaración doutras axudas.

– Segundo o tipo de medida ademais:

a) Reconversión:

– Acta final de inspección do investimento que se solicitará, unha vez realizados os investimentos, aos servizos periféricos da consellería.

– Facturas orixinais do investimento realizado.

– Certificación bancaria do pagamento das facturas.

b) Prima non renovable vinculada á paralización definitiva:

– No caso de que non se presentase no momento de solicitar a axuda, documentación acreditativa da finalización da actividade laboral en relación co buque paralizado.

c) Adquisición do primeiro barco por pescadores menores de 40 anos.

– Certificación do Rexistro Mercantil acreditativa da propiedade do buque adquirido total ou parcialmente polo beneficiario.

– Documento público de compravenda do buque en que consten todas as circunstancias e pagamentos efectivamente realizados.

– Se é o caso, certificación bancaria dos pagamentos realizados con posterioridade á escritura de compravenda e antes do fin do prazo de xustificación.

– Copia do documento xustificativo do pagamento do imposto de transmisións patrimoniais.

3. A axuda obxecto desta orde, no caso de que estea vinculada á paralización definitiva do buque (prima non renovable), farase efectiva unha vez que o buque teña o certificado acreditativo da paralización definitiva emitido pola capitanía marítima correspondente ou equivalente.

4. No caso da prima pola compra do primeiro barco, cando da documentación presentada se deduza que todo ou parte do importe que serviu de base para o cálculo da prima non foi pagado efectivamente polo beneficiario antes do fin do prazo de xustificación descontarase do pagamento da axuda a parte proporcional que corresponda ás cantidades non aboadas.

5. No suposto de falta de xustificación do cumprimento das condicións impostas e da consecución dos obxectivos previstos dentro do prazo regulado no punto 1 deste artigo, o beneficiario perderá o dereito ao cobramento total ou parcial da subvención.

Artigo 16. Verificación posterior ao pagamento da axuda

Os servizos da Consellería do Medio Rural e do Mar realizarán os controis oportunos para verificar que a acción subvencionada non teña, nos cinco anos seguintes á data de resolución de pagamento da axuda, unha modificación fundamental das establecidas no artigo 56 do Regulamento (CE) 1198/2006, e que se manteñen as condicións que se exixiron para o seu outorgamento.

Artigo 17. Incumprimento e reintegro das axudas

1. Se o beneficiario incumpre calquera dos requisitos establecidos nestas bases e demais normas aplicables, así como as condicións que, se for o caso, se establezan na resolución de concesión da axuda, poderanse anular os beneficios concedidos coa obriga de reintegro da axuda ou subvención.

2. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida e dos xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Será causa de reintegro, de acordo coas directrices comunitarias para o exame das axudas estatais no sector da pesca e da acuicultura (2008/C 84/06), a comisión de infracción polo beneficiario do dereito comunitario e, en especial, das normas da Política Pesqueira Común, durante o período cuberto pola subvención. O reembolso das axudas será proporcional á gravidade da infracción cometida.

Artigo 18. Infraccións e sancións

Sen prexuízo do establecido nos parágrafos anteriores, aos beneficiarios das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, en que deberán presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 20. Publicidade

En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, expresando a convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputan, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención, coas excepcións previstas no dito artigo, de ser o caso.

Artigo 21. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña); ou a través dun correo electrónico a secretariaxeraltecnica.cmrm@xunta.es

Disposición derrogatoria

Quedan sen efecto as bases reguladoras para a concesión de axudas de carácter socioeconómico aprobadas por Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar do 8 de agosto de 2014 (DOG nº 158, do 21 de agosto). Non obstante, aos procedementos derivados de solicitudes presentadas ao abeiro da citada orde seranlles aplicables as súas disposicións.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral do Mar para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira terceira

No non previsto nesta orde observarase o que establece o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro e posteriores modificacións; o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os do seu regulamento de execución; e a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2014

P.A. (Decreto 161/2014, do 26 de decembro; DOG nº 249, do 30 de decembro)
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file
missing image file