Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Martes, 13 de xaneiro de 2015 Páx. 1527

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 29 de decembro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen fins de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia, e se procede á súa convocatoria (IN219A).

O comercio tradicional na actualidade está sometido a un profundo proceso de cambio que exixe realizar un esforzo de renovación e adaptación continuo, co obxecto de que se volva situar na posición histórica que tradicionalmente veu desempeñando no desenvolvemento económico e social das nosas vilas e cidades. Por isto, co obxecto de contribuír a construír un sector comercial máis competitivo e dinámico, recóllese un conxunto de medidas entre as cales cabe subliñar:

A) A dinamización e revitalización dos centros comerciais abertos e a súa adaptación ao seu contorno, creando espazos confortables e de lecer para realizar compras que xeren polos de atracción comercial nas cidades e vilas.

B) A dinamización e rexeneración das prazas de abastos.

En consecuencia, co obxecto de facilitar a recuperación das vilas en xeral e do seu comercio en particular, tanto desde o punto de vista económico e social como urbanístico, contribuíndo a evitar a despoboación que nos últimos anos se está producindo nos centros urbanos, esta orde diríxese ás asociacións de comerciantes de carácter territorial, sen fins de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia, que leven a cabo proxectos para a dinamización e revitalización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos.

A Orde da Consellería de Economía do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo VII no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos xerais aprobado polo Consello da Xunta de Galicia do día 17 de outubro de 2014.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da dita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Con este fin, no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015, está consignado crédito por importe de 2.200.000 € na aplicación orzamentaria 08.02.751A.781.1 para atender as axudas da presente orde.

En virtude do exposto, e en exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Economía e Industria destinadas ao desenvolvemento equilibrado dos centros comerciais abertos e prazas de abastos.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócase a dita subvención para o ano 2015.

Artigo 2. Solicitudes

Para poder ser beneficiario da subvención deberá presentarse unha solicitude, axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, á cal se xuntarán os documentos que se especifican no artigo 4 das bases reguladoras.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado de solicitude dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase que o prazo vence o día cuxo ordinal coincida co que serviu de partida, que é o de publicación no DOG e, se é festivo, o primeiro día hábil seguinte.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a cinco meses.

Artigo 5. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN219A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Comercio, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (http://economiaeindustria.xunta.es).

b) O teléfono da dita dirección xeral: 981 54 55 57.

c) O enderezo electrónico cei.dxc.axudas@xunta.es

d) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado 902 12 00 12).

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A Consellería de Economía e Industria velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para eses efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e adoptaranse tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros; no entanto, a Consellería de Economía e Industria revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: Consellería de Economía e Industria, Dirección Xeral de Comercio, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 5, 3º andar, 15781 Santiago de Compostela.

Disposición adicional única

Naqueles supostos en que se acredite fidedignamente a imposibilidade, non imputable ao solicitante da subvención, de obter o informe da Mesa Local de Comercio, será suficiente, para os efectos establecidos no artigo 4.2, letra m), coa presentación da solicitude do dito informe.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a directora xeral de Comercio para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2014

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía e Industria

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen fins de lucro, para a dinamización e revitalización dos centros comercias abertos e prazas de abastos (IN219A)

Artigo 1. Obxecto e réxime da subvención

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a dinamización e revitalización dos centros comercias abertos e prazas de abastos de Galicia.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (200.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro de 2013, L352/1).

3. En concreto, considéranse actuacións subvencionables dentro desta liña de axudas as recollidas no punto 3.1, sempre que estas sexan realizadas e efectivamente pagadas entre o 1 de xaneiro de 2015 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 18.

En función da súa especial natureza e, por ter unha continuidade ininterrompida, tamén se considerarán actuacións subvencionables aquelas actuacións realizadas a partir do 1 de novembro de 2014 ata o 31 de decembro de 2014.

3.1. Actuacións subvencionables.

3.1.1. Serán subvencionables os proxectos que teñan por finalidade acadar a dinamización e revitalización dos centros comerciais abertos a través de:

a) Dinamización comercial mediante a realización de campañas de promoción, publicidade en medios de comunicación ou en soportes publicitarios, así como a elaboración de material promocional das actuacións desenvolvidas. No caso de que o material promocional sexan bolsas, o importe máximo da subvención por este concepto será de 3.000 euros.

O desenvolvemento de campañas de dinamización ou actuacións encamiñadas á promoción das vendas deberán presentarse dentro dun proxecto de incentivación ao consumo en que se amose a participación directa dos establecementos comerciais asociados.

b) Desenvolvemento de sistemas de fidelización a través de servizos dirixidos á clientela cuxa finalidade sexa aumentar as vendas, atraer novas persoas consumidoras e satisfacer a clientela.

c) Sinalización comercial externa, a través de elementos identificativos da área comercial.

d) Mellora da competitividade comercial a través das seguintes actuacións:

d.1) Proxectos de creación ou posta en funcionamento e consolidación de centrais de compras e servizos.

d.2) Creación de redes de comunicación.

d.3) Xornadas técnicas e congresos en materia de comercio.

e) Os gastos imputables ás unidades xerenciais, que cumpran os requisitos establecidos no artigo 3.1.3, e derivados da formulación, execución e seguimento do proxecto obxecto da subvención.

Só serán subvencionables por este concepto recollido na letra e), aqueles proxectos que inclúan, ademais, dúas actuacións das descritas nas letras a) e b) deste punto.

3.1.2. Serán subvencionables os proxectos que teñan por finalidade acadar a dinamización e rexeneración das prazas de abastos a través das seguintes actuacións:

a) Instalacións e equipamentos do mercado e das praceiras e dos praceiros.

b) Desenvolvemento de sistemas de fidelización a través de servizos complementarios cuxa finalidade sexa aumentar as vendas, atraer novas persoas consumidoras e satisfacer a clientela.

c) Sinalización comercial, que deberá aterse aos seguintes requisitos de cor de fondo dos postos respecto de cada un dos seguintes produtos:

Fondo azul: para os postos de venda de peixe.

Fondo vermello: para os postos de venda de carne.

Fondo verde: para os postos de venda de froitas e verduras.

Fondo amarelo: para os postos de venda de lácteos, ovos e panadaría.

d) Dinamización comercial mediante a realización de campañas de promoción, publicidade en medios de comunicación ou en soportes publicitarios, así como a elaboración de material promocional das actuacións desenvolvidas. No caso de que o material promocional sexa bolsas, o importe máximo da subvención por este concepto será de 3.000 euros.

O desenvolvemento de campañas de promoción ou actuacións encamiñadas á promoción das vendas deberán presentarse dentro dun proxecto de incentivación ao consumo en que se amose a participación directa das praceiras e dos praceiros.

e) Os gastos imputables ás unidades xerenciais derivados da formulación, execución e seguimento do proxecto obxecto da subvención.

f) Accións de mellora da competitividade comercial como xornadas técnicas ou formación que contribúan á capacitación técnica dos praceiros, á optimización da imaxe das prazas e á mellora do servizo aos clientes.

4. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada.

De acordo co disposto no punto 7 do dito artigo, os gastos financeiros, os de asesoría xurídica ou financeira, os gastos notariais e rexistrais, periciais e os gastos de garantía bancaria poderán ser subvencionables se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a adecuada preparación ou execución desta.

Así mesmo, de conformidade co disposto no punto 9 do dito artigo, serán admisibles como gastos subvencionables os orixinados polas unidades xerenciais, incluídos os custos de persoal e funcionamento, tendo en conta que as ditas unidades resultan indispensables para a axeitada preparación, avaliación e execución do proxecto subvencionable. Non obstante o anterior, o importe máximo da subvención destinada á retribución neta do xerente non será superior a 10.000 euros.

Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o 1 de xaneiro de 2015 e a data límite establecida no artigo 18 destas bases reguladoras, coa excepción dos gastos efectuados no 2014 de acordo co establecido no punto 3.

En ningún caso o custo da adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

5. Segundo o artigo 29.8 da Lei 9/2007, en ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

Así mesmo, non serán subvencionables:

– Os regalos promocionais nin os custos relativos a axudas de custo, desprazamentos nin a realización de cócteles e actos análogos.

– As campañas de dinamización, promoción ou calquera outra actuación que teñan exclusivamente por finalidade o patrocinio, colaboración ou axuda económica que comporten actividades lúdicas, turísticas, de exaltación gastronómica ou similares, sen relación co fomento da actividade comercial e sen a participación directa dos establecementos comerciais asociados.

– As bolsas que non sexan biodegradables e/ou reutilizables.

– Os gastos da asesoría externa en contía superior ao 25 % do salario do xerente.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. As subvencións que se establezan para as actuacións obxecto desta orde serán con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.751A.781.1 Asociacionismo comercial e servizos para pemes comerciais, cun importe máximo de 2.200.000 euros, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios do artigo 9.

2. Os investimentos máximos subvencionables e a contía da subvención que corresponda ás actuacións contidas no artigo 1, punto 3.1.1, atenderán ao seguinte criterio:

Os investimentos máximos subvencionables modularanse en tres tramos tendo en conta a relación existente entre as cifras oficiais de poboación dos concellos onde radiquen os centros comerciais abertos e o número de comercios asociados a estes, segundo os datos obtidos, respectivamente, do padrón municipal de habitantes vixente, publicado polo Instituto Galego de Estatística e do Rexistro Galego de Comercio.

Naqueles concellos en que exista máis dun centro comercial aberto, a poboación do concello será ponderada entre o número de centros comerciais abertos existentes.

Só se terán en conta, para determinar o investimento máximo subvencionable correspondente a cada centro comercial aberto, aqueles comercios que acrediten a súa condición de asociados mediante a xustificación documental do aboamento de polo menos o 70 % das cuotas correspondentes ao ano 2014.

O investimento máximo subvencionable e o importe da subvención para estas actuacións é de:

a) 57.150 euros para os centros comerciais abertos situados en poboacións de máis de 14.000 habitantes que conten con máis de 100 comercios asociados, así como para os centros comerciais abertos situados en poboacións de menos de 14.000 habitantes que conten con máis de 80 comercios asociados.

En ambos casos as cotas ingresadas polos asociados no ano 2014 representarán, polo menos, o 20 % do orzamento liquidado, no mesmo exercicio, pola asociación.

O importe da subvención resultará de aplicar unha porcentaxe do 70 % sobre o investimento subvencionable.

b) 44.000 euros para os centros comerciais abertos situados en poboacións de máis de 14.000 habitantes que conten con máis de 60 comercios.

O importe da subvención resultará de aplicar unha porcentaxe do 75 % sobre o investimento subvencionable.

c) 27.800 euros para os centros comerciais abertos que non estean comprendidos en ningún dos supostos recollidos nas letras a) e b) anteriores.

O importe da subvención resultará de aplicar unha porcentaxe do 80 % sobre o investimento subvencionable.

O investimento máximo subvencionable establecido para as actuacións contidas no artigo 1 punto 3.1.2, é de 14.000 euros.

A porcentaxe de subvención acadará o 70 % do investimento máximo subvencionable.

No entanto, as asociacións poderán solicitar, unha vez recibida a concesión da axuda, un anticipo de ata 25 %, segundo o disposto no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de marzo, de subvencións de Galicia, así como nos artigos 62 e 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de desenvolvemento da citada lei, que suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación ou, de ser o caso, pagamentos fraccionados que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada.

A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá alcanzar como mínimo ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto nas bases reguladoras ou na convocatoria.

A garantía deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas calquera que sexa o prazo de xustificación previsto na convocatoria.

As garantías deberán constituírse na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia ou nas súas sucursais, situadas nas delegacións territoriais da consellería competente en materia de facenda.

3. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderán ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras axudas das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade subvencionada.

4. A axuda de minimis non se acumulará con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se a acumulación da lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso nun regulamento de exención por categorías ou nunha decisión adoptada pola Comisión Europea.

Artigo 3. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases:

1.1. As asociacións de vendedores das prazas de abastos, sen fins de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.

1.2. As agrupacións de persoas físicas e xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica, constituídas para os únicos efectos de compartir a unidade xerencial previstas nos puntos 3.1.1 e) e 3.1.2 e) do artigo 1, e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.

Cando se trate de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, deberanse facer constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da subvención que se aplicará por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

1.3. As asociacións de comerciantes de carácter territorial, sen fins de lucro, que estean legalmente constituídas, e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia, que leven a cabo proxectos de interese e transcendencia en centros comerciais abertos.

Para estes efectos, terán a consideración de centros comerciais abertos, as agrupacións de establecementos comerciais definidas no artigo 24 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, que conten, en todo caso, cunha unidade de xestión profesionalizada que deberá cumprir os seguintes requisitos:

– A unidade xerencial deberá ter contratada unha persoa física mediante un contrato laboral que, en ningún caso, poderá ser membro da asociación nin formar parte dos seus órganos de goberno e que desenvolverá funcións de xestión, contabilidade, información e asesoramento aos comerciantes e dinamización do comercio.

– Prestar servizos de atención ás persoas usuarias un mínimo diario de 6 horas en horario comercial.

Estas unidades xerenciais poderán ser compartidas entre dous ou máis centros comerciais abertos.

Ademais, o CCA deberá cumprir polo menos catro dos seguintes cinco requisitos mínimos e, en todo caso, o establecido na letra c):

a) Estar en concellos con poboación superior aos 10.000 habitantes, de acordo co establecido na normativa pola cal se declaren oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do padrón municipal referidas a 1 de xaneiro de 2014.

b) Dispoñer dun grao de concentración comercial alto, é dicir, no espazo onde se desenvolve debe haber polo menos 100 comercios, os cales deberán compartir un sinal de identidade conxunto tanto a nivel urbanístico como comercial.

c) Contar como adheridos polo menos co 50 % dos comercios existentes na súa delimitación territorial.

d) Presentar unha diversidade de oferta comercial, con predominio da oferta especializada en equipamento persoal.

e) Integrar os principais eixes comerciais da vila.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as empresas en crise, conforme a definición prevista no artigo 2, número 18, do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE 26.6.2014, L 187/1).

3. As entidades beneficiarias deberán estar inscritas no Rexistro Galego de Comercio ao abeiro do establecido no parágrafo segundo do terceiro punto do artigo 10 do Decreto 118/2012, do 20 de abril, polo que se regula o Rexistro Galego de Comercio.

Artigo 4. Solicitudes

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da subvención presentaranse na forma e prazo que se indican na convocatoria.

2. Xunto coa solicitude deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Acta e estatutos de constitución e modificacións posteriores, se é o caso, e acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente, así como o código de identificación fiscal.

b) Poder suficiente de quen represente a entidade solicitante, xunto co seu documento nacional de identidade.

Alternativamente, de acordo co disposto no artigo 2.2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, a persoa representante poderá dar o seu consentimento para que o órgano instrutor comprobe os seus datos de carácter persoal, unha vez estea dispoñible o mecanismo, por medio de conexión telemática co servizo horizontal de acceso ao sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e de Administracións Públicas. No caso de non prestar o seu consentimento, deberá presentarse o documento mencionado ao final do primeiro parágrafo.

c) Memoria de cada unha das actividades para as cales se solicita subvención, que incluirá, polo menos, a súa descrición, obxectivos, localización e calendario de realización, así como o número e características das persoas participantes e beneficiarias.

d) Copia da acta da sesión en que se informe aos asociados do proxecto para o cal se solicita a subvención.

e) Orzamento detallado de gastos previstos para a realización de cada unha das actividades para as cales se solicita subvención e factura ou, no seu defecto, factura pro forma da actividade ou adquisición que se vai subvencionar por quen vaia subministrar o ben ou prestar o servizo, así como plan de financiamento do proxecto.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo, do 14 de novembro, para o contrato menor (50.000 euros no suposto de execución de obra ou 18.000 euros nos demais supostos) o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberá achegarse na xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Considerando o anterior, deberá achegarse a documentación disposta nos parágrafos seguintes:

e.1. Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas detalladas dos investimentos sobre os cales se solicita a axuda, obtidos dos provedores seleccionados pola entidade solicitante, con independencia da contía dos investimentos.

e.2. Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas que non foron seleccionadas pola entidade solicitante para a realización do proxecto.

e.3. Memoria económica xustificativa da elección dos provedores, nos seguintes casos:

e.3.1. Cando a elección do provedor non recaia na oferta económica máis vantaxosa, das tres que como mínimo obtivo a entidade solicitante.

e.3.2. Cando polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

Non existe a obriga de presentar esta memoria xustificativa cando a elección do provedor recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que, como mínimo, obtivo a entidade solicitante.

As ofertas presentadas e os provedores elixidos supoñen unha documentación vinculante para o desenvolvemento do proxecto no caso de ser entidade beneficiaria da axuda. Non se considerarán subvencionables, parcial ou totalmente, aqueles investimentos dos cales non se presente documentación económica completa conforme o aquí recollido.

f) Orzamento do exercicio corrente da entidade asociativa, sen incluír as partidas para as cales se solicita a subvención.

g) Orzamento liquidado pola entidade asociativa no ano 2014.

h) Certificado expedido pola persoa que exerza a secretaría ou representación da entidade que acredite o número de membros asociados dados de alta e número de comercios retallistas, dos cales se achegará relación detallada e actualizada, en soporte informático, con inclusión do nome da persoa titular e do establecemento, así como as epígrafes do IAE en que figura dado de alta, enderezo postal e telefónico, que concrete, se é o caso, as empresas ou entidades participantes no proxecto e actuacións que se van desenvolver.

i) Transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento das cotas aboadas polos comercios asociados no ano 2014, en que queden claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento.

j) No caso de que a entidade estea exenta do imposto sobre o valor engadido (IVE), documentación acreditativa da mencionada exención.

k) Cubrir o anexo V, relativo ás unidades xerenciais, xunto coa documentación que nel se sinala, de ser o caso.

l) No caso das agrupacións a que se refire o artigo 3.1.2 deberá achegarse o compromiso de execución asumido por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles. En calquera caso deberá nomearse unha persoa representante ou apoderada única da agrupación con poderes suficientes para cumprir as obrigas que lle corresponden á agrupación.

m) Informe da Mesa Local de Comercio correspondente sobre o proxecto de dinamización comercial obxecto de solicitude de concesión de subvención, de conformidade co disposto no artigo 3.b) do Decreto 183/2011, do 15 de setembro, polo que se regulan as mesas locais de comercio.

Artigo 5. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle a entidade solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados no artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 6. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía e Industria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 5, planta 4ª, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.es

Artigo 7. Órganos competentes

A Dirección Xeral de Comercio será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e correspóndelle a persoa titular da Consellería de Economía e Industria ditar a resolución de concesión, sen prexuízo da delegación desta competencia.

Artigo 8. Instrución dos procedementos

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase a entidade interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese se terá por desistida na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 5.2 resulta que a entidade solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, ou no suposto de que sexa necesario achegar calquera outra documentación, logo de aplicarse o disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6.b), 60 e 61 da Lei 30/1992, os requirimentos citados de emenda o poderanse facer mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará no taboleiro electrónico de anuncios da páxina web da Consellería de Economía e Industria, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG; poderase facer indicación de que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado taboleiro. Se a instrución do procedemento o aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirirse a entidade solicitante para que xunte cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 9. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

– Presidencia: titular da Dirección Xeral de Comercio ou persoa que designe.

– Vogais:

a) Unha xefa ou xefe de servizo da Dirección Xeral de Comercio.

b) Unha xefa ou xefe de sección da Dirección Xeral de Comercio.

c) Unha técnica ou técnico da Dirección Xeral de Comercio, que terá as funcións da Secretaría.

3. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado as entidades solicitantes propostas para obter a subvención, e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un delas, ata esgotar o crédito dispoñible.

4. O resto das actuacións subvencionables quedarán en reserva para seren atendidas ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben coa ampliación dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencions de Galicia. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

5. A comisión de valoración constituirase na sede do dito centro directivo. O seu funcionamento rexerase polo disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 10. Criterios de valoración

Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, comercial e financeiramente viables e os criterios de avaliación, que servirán de base para a determinación da contía e da preferencia na concesión das subvencións, relacionados por orde decrecente de importancia, serán os seguintes:

a) A implicación dos comerciantes no proxecto, que se baremará do seguinte xeito:

– Se abrangue un número de comercios igual ou superior ao 75 % dos asociados: 8 puntos.

– Se abrangue un número de comercios igual ou superior ao 50 % e inferior ao 75 % dos asociados: 5 puntos.

– Se abrangue un número de comercios inferior ao 50 % dos asociados: 1 punto.

b) O establecemento dunha política ambiental que contribúa á mellora da sustentabilidade, como o emprego de materiais ecolóxicos e reciclables en envases, embalaxes e bolsas, así como a adopción doutras medidas de redución de impacto ambiental, conforme o seguinte baremo:

– Adopción de máis de catro medidas de carácter ambiental: 8 puntos.

– Adopción de entre catro e dous medidas de carácter ambiental: 4 puntos.

– Adopción dunha medida de carácter ambiental: 1 punto.

c) As actuacións que supoñan unha maior novidade e que non fosen realizadas con anterioridade relacionadas con plans de dinamización comercial: 6 puntos.

d) O alcance da actuación, tendo en conta a representatividade da entidade e o número de membros a que se dirixe o proxecto. A baremación, que combinará ambos os dous criterios, efectuarase do seguinte xeito:

– Cando a representatividade da asociación sexa igual ou superior ao 50 %, segundo o criterio establecido no parágrafo segundo e terceiro do punto segundo do artigo 2 e o proxecto se dirixa a unha porcentaxe igual ou superior ao 50 % dos asociados: 5 puntos.

– Cando a representatividade da asociación sexa inferior ao 50 %, segundo o criterio establecido no parágrafo segundo e terceiro do punto segundo do artigo 2 e o proxecto se dirixa a unha porcentaxe superior ao 50 % dos asociados: 1 punto.

e) Porcentaxe de comercios que teñan implantada a norma UNE 175001-1 de calidade de servizos para o pequeno comercio, segundo o seguinte baremo:

– Se a porcentaxe de comercios que a teñen implantada é igual ou superior ao 50 %: 4 puntos.

– Se a porcentaxe de comercios que a teñen implantada é inferior ao 50 %: 1 punto.

f) Importe das cotas aboadas polos asociados:

– Se a porcentaxe que representan as cotas ingresadas polos asociados no ano 2013 é igual ou superior ao 30 % do orzamento liquidado pola asociación no mesmo exercicio: 1 punto.

g) A concorrencia doutras administracións ou institucións públicas ou privadas no desenvolvemento e financiamento do proxecto nunha porcentaxe igual ou superior ao quince por cento: 3 puntos.

h) O compromiso de utilización da lingua galega en todas as relacións que o interesado manteña coa Administración autonómica, de acordo co establecido no artigo 6.3 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, así como de uso e posterior utilización da lingua galega nas accións subvencionables. Este compromiso acreditarase mediante a declaración que se recolle no punto 6 da solicitude (anexo II): 2 puntos.

i) A realización de campañas ou actuacións que impliquen beneficios ás familias numerosas: 1 punto.

j) Solicitude presentada correctamente, sen que sexa necesaria a súa rectificación nin petición de documentación complementaria: 1 punto.

Artigo 11. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto ás entidades interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polas entidades interesadas.

Artigo 12. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a comisión de valoración formulará a proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, á persoa titular da consellería.

2. A persoa titular da consellería, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución á entidade interesada será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, as entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Nesa notificación comunicarase o importe previsto da axuda, expresado en equivalente bruto de subvención, e o seu carácter de axuda de minimis, en aplicación do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 24.12.2013, L352/1).

Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, no caso das subvencións concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Economía e Industria. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. Coa publicación no DOG poderán remitirse as entidades beneficiarias a que consulten información detallada da resolución nun taboleiro da citada web.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación. Non obstante, poderase substituír a dita notificación individual pola publicación no DOG, coa indicación de que as entidades non beneficiarias consulten a información detallada da súa resolución nun taboleiro da citada web.

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da subvención poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria e deberanse cumprir os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que non concorran requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, teñan lugar con posterioridade a ela.

d) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supoñan a denegación da axuda ou subvención.

3. A entidade beneficiaria deberá solicitar a modificación mediante instancia dirixida ao titular da Consellería de Economía e Industria xunto coa da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados no punto anterior, cun límite de 40 días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento subvencionado. Non facelo dará lugar á perda da subvención na parte afectada pola modificación, sen prexuízo de que tamén poderá implicar a perda da totalidade da subvención concedida no caso de variación substancial do proxecto presentado ante a Dirección Xeral de Comercio.

4. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo órgano concedente despois da instrución do correspondente expediente, en que se dará audiencia ás entidades interesadas na forma prevista no artigo 10 destas bases.

Artigo 15. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, transcorridos quince días naturais desde a notificación ou publicación desta sen que a entidade interesada comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta e desde ese momento adquirirá a condición de entidade beneficiaria.

A renuncia á subvención, debidamente motivada, poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo IV, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a persoa titular da consellería ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da mesma lei.

Artigo 16. Obrigas dos beneficiarios

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente ou á entidade colaboradora a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, especificando aquelas axudas obtidas por minimis, para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fai referencia o artigo 1.2 das presentes bases. Así mesmo, comunicar a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que se está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte a Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega na forma que se determine regulamentariamente e sen prexuízo do establecido na disposición adicional décimo oitava da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación de fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Adoptar as medidas de difusión contidas no número 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no artigo 20 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de desenvolvemento dela. Estas medidas deberán adecuarse ao obxecto subvencionado, tanto na súa forma como na súa duración, e deberán consistir na inclusión da imaxe corporativa institucional básica da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 2 do Decreto 409/2009, do 5 de novembro (DOG nº 227, do 19 de novembro).

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Manter o investimento subvencionado durante un período mínimo de cinco anos desde a súa concesión.

k) Participaren ou teren participado, as persoas que ocupen a xerencia, nos cursos formativos que en materia de xestión de centros comerciais abertos e prazas de abastos promova ou teña promovido a Dirección Xeral de Comercio.

l) Actuar as unidades xerenciais como puntos de información comercial no marco da Redic (Rede de dinamización comercial) e coordinarse coa Administración pública para o debido funcionamento da dita rede, sen que esta obriga implique relación laboral, contractual ou de calquera outro tipo entre as persoas profesionais que vaian desenvolver estas actividades e a Consellería de Economía e Industria.

m) Estar a entidade inscrita no Rexistro Galego de Comercio de conformidade co establecido no artigo 8 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia.

Artigo 17. Subcontratación

Permítese a subcontratación por parte da entidade beneficiaria das actuacións subvencionables, sempre que se axusten ás previsións dispostas no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En ningún caso poderá concertar a entidade beneficiaria a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con persoas ou empresas vinculadas coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos e xestores, agás que concorran as circunstancias previstas no artigo 27.7.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 18. Xustificación da subvención

1. Para cobrar a subvención concedida, a entidade beneficiaria deberá presentar a seguinte documentación nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria, en orixinal ou fotocopia compulsada, e terá de prazo para presentala ata o 30 de setembro de 2015.

a) Memoria explicativa de cada unha das accións realizadas.

No caso establecido no artigo 4.2.e) deberá xustificarse expresamente nunha memoria, cando a selección da oferta non responda á proposta económica máis vantaxosa.

b) Xustificantes dos investimentos: facturas dos provedores e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa nos termos que se establezan regulamentariamente, en relación cos gastos subvencionables, emitidas dentro do período comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite de xustificación do proxecto. Xuntarase relación nominativa de facturas agrupadas e ordenadas por actuacións subvencionables, e farase constar para cada documento o seu número de orde, data de expedición, expedidor, concepto, importe en euros e data de pagamento.

A xustificación dos pagamentos acreditarase a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

c) Para aquelas actuacións de divulgación, tales como material promocional e publicidade, débese entregar un exemplar de cada un deles.

d) Certificación, do órgano que teña atribuídas as facultades, da aplicación dos fondos á finalidade para a cal foron concedidos.

e) Declaración actualizada de conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Farase mención expresa sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso, así como declaración da entidade solicitante de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, segundo modelo normalizado establecido no anexo III desta orde.

f) Declaración xurada de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, segundo anexo III desta orde.

g) Certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, no caso que a entidade solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio estas certificacións.

h) No caso de realización de xornadas técnicas e congresos deberán xuntar a seguinte documentación: contido detallado do programa, a súa duración, relación de relatores, número e identificación das persoas participantes e establecemento comercial a que pertencen.

i) Información relativa aos indicadores de actuación segundo o anexo VI desta orde.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que a entidade beneficiaria presentase a documentación solicitada, aplicarase o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. Os órganos competentes da Consellería de Economía e Industria poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. No caso de que non fosen remitidos pola entidade beneficiaria dentro do prazo que se sinale poderá entenderse que renuncia á axuda.

Artigo 19. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, realizarán as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. O importe das axudas aboarase mediante transferencia bancaria á entidade financeira, ao número de conta para o cal, a entidade beneficiaria realizou na súa solicitude a declaración responsable acerca da veracidade dos datos consignados.

3. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución da concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto. En caso de concorrer con outras axudas aplicarase o establecido no artigo 2.3.

Artigo 20. Incumprimento, reintegros e sancións

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Dirección Xeral de Comercio poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro.

Cando se trate de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables e, se é o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento superase o 70 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total e deberán reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

4. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do su regulamento.

Artigo 21. Control

1. A Consellería de Economía e Industria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento da subvención.

2. Ademais do anterior, a subvención estará sometida á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 22. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, entidade beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Economía e Industria.

Artigo 23. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 24.12.2013, L352/1) e no resto de normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file