Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa e autorización administrativa de construción para a instalación eléctrica que a seguir se describe:
Solicitante: Hidroeléctrica de Silleda, S.L.
Enderezo social: avda. do parque, 11, baixo, 36450 Silleda.
Denominación: LMTS, CD/CT, O Burgo-Cortegada.
Situación: Silleda.
Características técnicas: LMT subterránea a 20 kV con condutor RHZ de 35 metros de lonxitude, con orixe na LMT DC Parada-Silleda ata o CD/CT proxectado. Centro de distribución e transformación de 50 kVA. A instalación está situada no Burgo, Cortegada, Silleda.
Cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no capítulo II, título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Resolución da Consellería de Economía e Industria do 19 de febreiro de 2014, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción, DOG núm. 54, do 19 de marzo de 2014, esta xefatura territorial resolve:
Conceder autorización administrativa e autorización administrativa de construción para a devandita instalación, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguranza establecidas nos regulamentos de aplicación e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.
Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.
O prazo de posta en marcha da instalación, de acordo co artigo 131 do Real decreto 1955/2000, será de 12 meses a partir da recepción da presente resolución. Para efectos da posible solicitude de prórroga, o peticionario deberá ter en conta o disposto no capítulo IV do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo.
Contra a presente resolución poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir de día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén se poderá interpor calquera outro recurso que se considere pertinente.
Pontevedra, 24 de novembro de 2014
Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra