Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Luns, 5 de xaneiro de 2015 Páx. 363

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 2014 pola que se convoca concurso público de acceso a prazas de corpos docentes universitarios (DF1401).

De conformidade co disposto na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro (BOE do 24 de decembro), de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril (BOE do 13 de abril), en diante LOU, e no Real decreto 1313/2007, do 5 de outubro, polo que se regula o réxime dos concursos de acceso a corpos docentes universitarios, (en diante RDCA) e, en virtude do establecido nos estatutos da Universidade de Vigo, aprobados polo Decreto 7/2010, do 14 de xaneiro (DOG do 2 de febreiro), da Xunta de Galicia, conforme os acordos adoptados polo Consello de Goberno, tras obtener a autorización da Comunidade Autónoma de Galicia, e publicada no Diario Oficial de Galicia a oferta de emprego pública do persoal docente e investigador para o ano 2014 (Resolución do 5 de decembro de 2014, DOG do 16 de decembro),

Esta reitoría, no uso das competencias recoñecidas pola LOU, resolveu convocar a concurso a/as praza/s que figura/n no anexo I da presente resolución, con suxección ás seguintes

Bases da convocatoria

Primeira. Normas xerais

Este concurso rexerase pola LOU, o RDCA, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante Lei 30/1992), os estatutos da Universidade de Vigo, pola Normativa reguladora dos concursos de acceso aos corpos docentes universitarios aprobada polo Consello de Goberno o 8 de outubro de 2008 e, no non previsto, pola lexislación xeral da función pública do Estado.

Segunda. Requisitos das persoas candidatas

2.1. Para poder ser admitidas á realización das presentes probas selectivas as persoas que sexan aspirantes deberán reunir os requisitos exixidos nesta base na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes e mantelos ata a toma de posesión:

a) Ter nacionalidade española ou ser nacional dun estado membro da Unión Europea ou nacional daqueles estados aos que, en virtude de tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores e traballadoras nos termos establecidos na Lei 7/2007, do 12 de abril (BOE do 13 de abril).

Tamén poderán participar o cónxuxe, descendentes e descendentes do cónxuxe, das persoas con nacionalidade española e de quen sexa nacional doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito, menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade que vivan ás súas expensas. Este último beneficio será igualmente de aplicación a familiares de nacionais doutros estados cando así se prevexa nos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España.

Igualmente poderán participar persoas con nacionalidade estranxeira non comunitaria, cando se cumpran os requisitos establecidos no artigo 4 do RDCA.

b) Ter cumpridos os dezaseis anos de idade e non ter superado os setenta.

c) Estar en posesión da titulación de doutor ou doutora. No caso de títulos obtidos no estranxeiro, deberá achegarse credencial que acredite a súa homologación ou o seu recoñecemento para o exercicio como docente de universidade.

d) Dispor da acreditación para o corpo docente universitario de que se trate e cumprir os requisitos establecidos no artigo 4 do RDCA.

e) Ter aboado as taxas por dereitos de exame dentro do prazo de presentación de solicitudes.

f) Non ter sido separado do servizo, mediante expediente disciplinario, de ningunha Administración pública, nin atoparse en inhabilitación para o exercicio das funcións públicas. Quen sexa aspirante de nacionalidade distinta a española deberán acreditar non estar baixo sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

g) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das funcións correspondentes á praza.

2.2. De conformidade co artigo 9.4 do RDCA e co artigo 65.2 da LOU non poderá participar neste concurso quen ocupe unha praza de corpos docentes universitarios nesta ou noutra universidade, obtida mediante concurso de acceso, salvo que se teña producido o desempeño efectivo desta durante cando menos dous anos.

Terceira. Solicitudes

3.1. As solicitudes para participar no concurso axustaranse ao modelo que figura como anexo II desta convocatoria e dirixiranse ao reitor da Universidade de Vigo no prazo de vinte días naturais, contados a partir do día seguinte ao de publicación desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado. Se o último día do prazo coincide con sábado ou día inhábil na universidade, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte segundo o artigo 48 da Lei 30/1992.

3.2. As solicitudes presentaranse no Rexistro xeral (Reitoría, Campus universitario, 36310 Vigo) ou nos rexistros auxiliares da Universidade de Vigo (Campus de Pontevedra, Campus de Ourense e r/ Torrecedeira, nº 86 de Vigo) ou de acordo coas restantes formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992. As solicitudes no estranxeiro poderán cursarse a través das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes.

Os dereitos de exame para cada praza (referencia) serán de 40,74 euros e ingresaranse na conta corrente número ES14-2080-0501-1231-1000-0112, Abanca. Taxas. O pagamento realizarase directamente nas oficinas da citada entidade, utilizando exclusivamente o impreso de solicitude (anexo II). A entidade bancaria fará constar no xustificante o código DF1401, e a persoa interesada engadirá a referencia da praza na que desexa participar. No caso de pagamento mediante transferencia bancaria deberá constar obrigatoriamente o nome e apelidos da persoa interesada e a referencia da praza na que concursa.

En ningún caso a mera presentación da solicitude e o pagamento na entidade bancaria suporá a substitución do trámite de presentación en tempo e forma da solicitude ante o órgano expresado na base 3.1.

Segundo o disposto no artigo 23 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentas do pagamento as persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 % e os membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial. Aplicarase unha bonificación do 50 % na taxa de inscrición aos membros de familias numerosas de categoría xeral. Nos tres supostos será necesario que coa solicitude presenten as respectivas certificacións que o acrediten.

Así mesmo, terán unha bonificación do 50 % da taxa as persoas que figurasen como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data de publicación desta convocatoria e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego, aspectos que deberán ser certificados pola oficina dos servizos públicos de emprego.

Os dereitos de exame serán reintegrados de oficio as persoas que sexan aspirantes cando as probas non se realicen, sempre que cubrisen os datos bancarios necesarios para facer a devolución.

3.3. Coa instancia achegaranse necesariamente os seguintes documentos, sendo causa de exclusión a falta dalgún deles:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade. Quen sexa aspirante, non posúa a nacionalidade española e teña dereito a participar deberá presentar fotocopia do documento que acredite a súa nacionalidade e, de ser o caso, os documentos que acrediten o vínculo de parentesco e o feito de vivir a expensas ou estar a cargo de quen sexa nacional doutro Estado co que teñan o dito vínculo. Así mesmo, deberán presentar declaración xurada ou promesa de non estar separados de dereito do seu cónxuxe e, se é o caso, do feito de que vive ás súas expensas ou está ao seu cargo.

b) Fotocopia compulsada do título de doutor ou doutora. Cando corresponda, deberá acompañarse da credencial de homologación ou recoñecemento profesional.

c) Fotocopia compulsada dos documentos que acrediten o cumprimento dos requisitos que se sinalan na letra «d» da base 2.1.

d) No caso de aspirantes que ocupen unha praza de corpos docentes universitarios (funcionarios), certificación orixinal (folla de servizos) da universidade ou organismo do que dependa, que acredite o seu desempeño. O Servizo de Persoal Docente e Investigador emitirá de oficio a folla de servizos dos aspirantes que pertenzan a Universidade de Vigo.

e) Xustificante de ter aboado os dereitos de exame.

3.4. Os erros de feito que se puidesen advertir poderán emendarse en calquera momento, de oficio ou por petición da persoa interesada. Quen sexa aspirante queda vinculado aos datos que fixese constar nas súas solicitudes, podendo unicamente demandar a súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 3.1. para a presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo non se admitirá ningunha petición desta natureza, excepto causa excepcional sobrevida, xustificada e discrecionalmente apreciada pola Universidade.

Cuarta. Admisión de aspirantes

4.1. No prazo máximo de 15 días hábiles contados desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, o reitor da Universidade de Vigo ditará unha resolución mediante a que se aproba a relación provisional de persoas admitidas e excluídas, con indicación das causas de exclusión, que será publicada no taboleiro de anuncios do Rexistro Xeral da Universidade de Vigo, que servirá de notificación para todos os efectos, e a título divulgativo nos taboleiros de anuncios dos rexistros auxiliares e no enderezo da internet: http://persoal.uvigo.es/persoal_gl/PDI/emprego/, punto «Convocatorias concursos de acceso».

4.2. Contra a dita resolución, as persoas interesadas poderán presentar reclamación ante o reitor, no prazo de dez días hábiles contados desde o día seguinte ao da súa publicación. Resoltas as ditas reclamacións publicarase nos mesmos lugares a relación definitiva de persoas admitidas e excluídas.

Quinta. Comisións de acceso

5.1. As comisións de acceso deberán procurar unha composición equilibrada entre mulleres e homes, salvo cando non sexa posible por razóns fundadas e obxectivas, debidamente motivadas. De acordo co que establece o artigo 83 dos Estatutos da Universidade de Vigo, a composición das comisións é a que figura no anexo III desta convocatoria e terá a categoría primeira das recollidas no artigo 30 do Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón do servizo.

Salvo petición expresa da presidencia e debidamente autorizada, cada comisión terá a súa sede e actuará no centro no que teña a súa sede o departamento ao que se adscriba cada unha das prazas convocadas.

5.2. O nomeamento como membro dunha comisión é irrenunciable, salvo cando concorra causa xustificada, debidamente alegada pola persoa interesada e así apreciada por esta reitoría. Os membros da comisión deberán absterse de actuar e poderán ser recusados nos casos e polos motivos previstos no artigo 28 da Lei 30/1992. Resolta a renuncia, a abstención ou a recusación, as persoas afectadas serán substituídas polos respectivos suplentes e, no seu defecto, por orde correlativa e en último caso resolverá o reitor.

5.3. As comisións deberán constituírse no prazo dun mes desde a publicación da relación definitiva de persoas admitidas e excluídas. Transcorrido o prazo sen que se constituíse a comisión correspondente, o reitor procederá á substitución da persoa que exerza a presidencia titular.

5.4. A constitución de cada comisión exixirá a asistencia de cinco dos seus membros, titulares ou suplentes, se é o caso. A presidencia, unha vez realizadas as consultas pertinentes cos restantes membros, convocará a quen sexa membro titular e, de se-lo caso, suplente, cunha antelación mínima de dez días hábiles, fixando lugar, data e hora para proceder ao acto de constitución da comisión. Os membros titulares serán substituídos polos seus respectivos suplentes, en primeiro lugar, ou por orde correlativa.

No acto de constitución a comisión establecerá os criterios de valoración do concurso adecuados ao perfil da praza e os fará públicos antes do acto de presentación dos candidatos e candidatas.

5.5. Unha vez constituída a comisión, en caso de ausencia da persoa que exerza a presidencia será substituída polo catedrático ou catedrática de universidade con maior antigüidade que teña recoñecidos, polo menos, dous tramos de investigación.

5.6. Para que a comisión poida actuar validamente requirirase a asistencia de, cando menos, tres dos seus membros entre os que figurarán obrigatoriamente as persoas que ocupen a presidencia e a secretaría. Os membros da comisión que estivesen ausentes da proba cesarán en tal condición, sen prexuízo das responsabilidades en que puidesen ter incorrido.

5.7. Á secretaría de cada comisión corresponderanlle as actuacións administrativas e a xestión económica propias da comisión, auxiliado polo persoal de Administración e servizos do centro no que teña a súa sede.

5.8. Durante o desenvolvemento do concurso, a comisión resolverá as dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas, así como o que proceda nos casos non previstos nelas. En todo momento a súa actuación axustarase ao disposto na Lei 30/1992.

Sexta. Acto de presentación e proba

6.1. A presidencia da comisión convocará a quen participe no concurso ao acto de presentación cunha antelación mínima de dez días hábiles, indicando lugar e hora para realizar o acto de presentación.

6.2. No acto de presentación, que será público, quen sexa concursante entregará:

a) Currículum vitae por sextuplicado, que deberá axustarse ao modelo que se achega como anexo IV, no que detallarán os seus méritos, historial académico docente e investigador.

b) O seu proxecto docente e investigador adecuado ao perfil do concurso, tamén por sextuplicado.

c) Un exemplar das publicacións e dos documentos acreditativos do consignado no curriculum, con independencia de que a comisión poida solicitar documentación complementaria acreditativa orixinal ou compulsada.

6.3. No acto de presentación determinarase, mediante sorteo, a orde de actuación das persoas candidatas, e a comisión fixará e publicará o lugar, data e hora de comezo da proba, a cal deberá iniciarse no prazo máximo de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao acto de presentación. Este prazo poderá ser renunciable por escrito polas persoas concursantes. Igualmente, a comisión fixará o prazo durante o que poderán examinar a documentación presentada polas restantes persoas que concursen.

6.4. A comisión valorará exclusivamente os méritos que, sendo alegados no curriculum vitae por quen sexa aspirante, estean debidamente xustificados e sempre referidos á data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

6.5. Os concursos realizaranse en dependencias da Universidade de Vigo. Constarán dunha única proba, que será pública e que consistirá na exposición oral, durante un tempo mínimo de trinta minutos e máximo de dúas horas, dos méritos e historial académico docente e investigador, así como do proxecto docente e investigador presentado. A continuación, a comisión debaterá co candidato ou candidata durante un tempo máximo de dúas horas sobre os seus méritos, o seu proxecto docente e investigador e a adecuación destes ao perfil da praza obxecto de concurso.

6.6. Finalizada a proba, cada membro da comisión entregaralle á presidencia un informe razoado axustado aos criterios previamente fixados, de cada unha das persoas que concursen, con expresión explícita de voto favorable ou desfavorable.

6.7. Para superar a proba é necesario obter, polo menos, tres votos favorables dos membros da comisión. De non acadar ningunha candidatura polo menos tres votos favorables, o proceso poderá concluír coa proposta de non provisión, que deberá ser suficientemente motivada.

6.8. A proposta de provisión de prazas realizarase con base nos votos favorables recibidos dos membros da comisión. En caso de empate recorrerase á votación, sen que sexa posible a abstención. De persistir o empate, dirimirá o voto da presidencia.

Sétima. Proposta, presentación de documentos e nomeamento

7.1. A comisión proporá ao reitor, motivadamente e con carácter vinculante, unha relación de todas as persoas candidatas que superaran a proba por orde de preferencia. A comisión poderá propor a non provisión da praza xustificando esta decisión. Esta proposta será publicada no centro onde se celebrou a proba e servirá de notificación ás persoas interesadas para todos os efectos.

7.2. No prazo dos tres días hábiles seguintes ao de finalización da súa actuación, a secretaría da comisión entregará na Secretaría Xeral da Universidade de Vigo a documentación completa relativa as súas actuacións e un exemplar da documentación presentada por cada concursante.

7.3. As persoas propostas para a provisión das prazas deberán presentar no prazo dos vinte días naturais seguintes ao de publicación da proposta da comisión no lugar de celebración da proba, nos lugares e conforme o procedemento previsto na base 3.2., os seguintes documentos:

a) Declaración xurada ou promesa de non incorrer en incompatibilidade Lei 53/1984, do 26 de setembro (BOE do 4 de xaneiro de 1985).

b) Declaración xurada ou promesa de non estar en separación de servizo de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario, ni atoparse en inhabilitación para o exercicio das funcións docentes e asistenciais.

Quen concurse e non desempeñe a nacionalidade española deberá acreditar non estar baixo sanción disciplinaria ou condena penal que impidan no seu Estado, o acceso á función pública segundo o establecido na Lei 7/2007, do 12 de abril (BOE do 13 de abril).

c) Certificado médico oficial de non padecer enfermidade nin defecto físico ou psíquico que o incapacite para o desempeño das funcións correspondentes a docente de universidade.

Quen teña a condición de funcionario de carreira estará exento de xustificar e presentar os documentos das letras b) e c), debendo presentar certificado (folla de servizos) da universidade ou organismo do que dependan acreditativo da súa condición e de cantas circunstancias consten na súa folla de servizos. De acordo coa base 3.3.d), non será necesario este certificado cando fose achegado coa solicitude de participación.

7.4. O reitor da Universidade de Vigo efectuará o nomeamento como funcionario ou funcionaria docente de carreira das persoas propostas pola comisión nun número delas que non exceda o número de prazas convocadas a concurso, unha vez que teñan acreditado no prazo a documentación requirida. De non facelo, o reitor procederá ao nomeamento da seguinte persoa na orde proposta.

7.5. O nomeamento especificará a denominación da praza: corpo e área de coñecemento. Comunicarase ao correspondente rexistro para efectos de outorgamento do número de rexistro de persoal e inscrición nos corpos respectivos, remitirase para a súa publicación ao Boletín Oficial del Estado e ao Diario Oficial de Galicia e comunicarase á Secretaría Xeral do Consello de Coordinación Universitaria.

7.6. No prazo máximo de vinte días hábiles, contados desde o seguinte ao de publicación do nomeamento no Boletín Oficial del Estado, a persoa proposta deberá tomar posesión do seu destino, momento no que adquirirá a condición de funcionario ou funcionaria de carreira do corpo de que se trate.

7.7. As referencias a necesidades e obrigacións docentes e ao centro de adscrición que poida conter a convocatoria non suporán dereito de vinculación exclusiva a tal actividade docente e destino para quen teña adxudicada a praza.

Oitava. Comisión de reclamacións

8.1. Contra a proposta da Comisión de Selección, as persoas admitidas no concurso poderán presentar reclamación ante o reitor da Universidade de Vigo, no prazo máximo de dez días hábiles, contados desde o seguinte ao da súa publicación no lugar de celebración da proba. Admitida a trámite a reclamación, suspenderase o nomeamento ata a súa resolución definitiva.

8.2. As reclamacións que se presenten anunciaranse no taboleiro de anuncios do Rexistro Xeral da Universidade de Vigo, publicación que servirá de notificación para todos os efectos. As persoas interesadas disporán dun prazo de dez días naturais para formular alegacións en orde ao contido da reclamación.

8.3. As reclamacións serán valoradas pola Comisión de Reclamacións da Universidade de Vigo que examinará o expediente relativo ao concurso, valorará os aspectos puramente procedementais, e verificará o efectivo respecto, por parte da Comisión de Selección, da igualdade de condicións dos candidatos e candidatas e dos principios de mérito e de capacidade destes no procedemento do concurso de acceso. Resolverá no prazo máximo de tres meses, ratificando ou non a proposta reclamada. Neste último caso, retrotraerase o expediente ata o momento en que se produciu o vicio, debendo a Comisión de selección formular nova proposta, tras o que o reitor ditará a resolución de acordo coa proposta da Comisión de Reclamacións.

8.4. As resolucións do reitor a que se refire o punto anterior deste artigo esgotan a vía administrativa e serán impugnables directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Novena. Devolución da documentación presentada polos/polas aspirantes

A documentación presentada no concurso deberá ser retirada da Secretaría Xeral, logo de petición da persoa interesada, dentro do prazo de tres meses contados desde a finalización do procedemento, ou, se é o caso, desde que a resolución impugnada adquira firmeza. A documentación que non fose retirada no dito prazo será destruída.

Décima. Protección de datos

De conformidade co disposto na Lei orgánica 15/1999, de proteción de datos de carácter persoal (BOE núm. 298, do 14 de decembro), os datos facilitados por quen sexa aspirante, pasarán a formar parte do ficheiro de persoal, cuxa finalidade é a xestión do persoal da Universidade de Vigo, xestión da docencia e investigación, xestión da participación do persoal nos servizos e actos administrativos, así como a xestión da participación dos candidatos e candidatas nos procesos de selección. Os datos contidos neste arquivo poderán ser tratados con fins históricos, estatísticos ou científicos.

Décimo primeira. Norma derradeira

11.1. O tempo transcorrido entre a publicación da convocatoria e a resolución do concurso non poderá exceder de catro meses. Para estes efectos o mes de agosto considérase inhábil.

11.2. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial del Estado, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, poderase interpor recurso de reposición ante o reitor, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da devandita publicación, de acordo co disposto na Lei 30/1992.

Vigo, 19 de decembro de 2014

Salustiano Mato de la Iglesia
Reitor da Universidade de Vigo

ANEXO I
Datos das prazas

1

Código:

DF1401-T03-600-TU-01

Nº de prazas:

1

Corpo:

Titular de Universidade

Área de coñecemento:

A-600 Mecánica de Fluídos

Departamento:

T03 Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos

Actividade docente e investigadora:

Docencia en «Modelización e simulación numérica de procesos termofluidodinámicos» e «Aplicacións da mecánica de fluidos computacional á industria»

Centro de traballo:

312 Escola de Enxeñaría Industrial - Vigo

2

Código:

DF1401-X05-187-TU-01

Nº de prazas:

1

Corpo:

Titular de Universidade

Área de coñecemento:

A-187 Didáctica da Expresión Corporal

Departamento:

X05 Didácticas Especiais

Actividade docente e investigadora:

Docencia en «Epistemoloxía das ciencias da actividade física, o deporte e a educación física» e «Didáctica dos procesos de ensino-aprendizaxe na actividade física e o deporte I»

Centro de traballo:

202 Fac. CC. Educación e do Deporte - Pontevedra

ANEXO II
Solicitude de participación

DATOS DA CONVOCATORIA (Resolución reitoral do 19 de decembro de 2014)

Código da convocatoria:

DF1401

Código da praza:

DF1401-

Corpo docente:

Área de coñecemento:

Departamento:

Centro de destino da praza:

Actividades asignadas á praza:

DATOS PERSOAIS E PROFESIONAIS

Apelidos

Nome

Xénero

� Home

� Muller

DNI

Data de nacemento

Lugar de nacemento

Provincia de nacemento

Enderezo/Lugar para efectos de notificacións

Código postal

Municipio

Provincia

Enderezo electrónico e teléfono

Caso de ser empregado/a público (funcionario/a de carreira ou persoal laboral):

Denominación do corpo ou praza

Organismo

Data de ingreso

Número de Rexistro Persoal

Situación:

Activo

Excedente voluntario:

Servizos Especiais:

Outras:

De proceder a devolución das taxas, indique os 20 díxitos da súa conta:

    -     -   -          

Quen abaixo asina

SOLICITA: que se me admita no concurso da praza referenciada comprometéndose, caso de superalo, a formular o xuramento ou promesa de acordo co establecido no Real decreto 707/1979, do 5 de abril; e,

DECLARA: que son certos todos e cada un dos datos consignados nesta solicitude, que reúne as condicións exixidas na convocatoria anteriormente referida, e todas as necesarias para o acceso á Función Pública.

En ..., ... de … de 20…
(sinatura)

Reitor da Universidade de Vigo

Achegar copia do xustificante bancario

Ingreso na conta ES14-2080-0501-1231-1000 0112

ABANCA, O.P.-Vigo. Universidade de Vigo. Taxas.

Marque o importe que se vai ingresar:

(Base terceira: Requisitos)

� 40,74 euros

� 20,37 euros (xustificar)

ANEXO III
Comisións de acceso

(Referencia praza nº 1: DF1401-T03-600-TU-01)

Cargo

Nome

Corpo

Universidade

Comisión titular

Presidencia

José Luis Míguez Tabarés

Catedrático de universidade

Universidade de Vigo

Secretaría

Luis María López González

Catedrático de universidade

Universidade da Rioja

Vogalía primeira

Enrique Granada Álvarez

Titular de universidade

Universidade de Vigo

Vogalía segunda

María de los Ángeles Cancela Carral

Titular de universidade

Universidade de Vigo

Vogalía terceira

Jacobo Porteiro Fresco

Titular de universidade

Universidade de Vigo

Comisión suplente

Presidencia

Estrella Álvarez Da Costa

Catedrática de universidade

Universidade de Vigo

Secretaría

Maria Julia Cristóbal Ortega

Titular de universidade

Universidade de Vigo

Vogalía primeira

José Antonio Vilán Vilán

Titular de universidade

Universidade de Vigo

Vogalía segunda

Gloria Maria Pena Uris

Titular de universidade

Universidade de Vigo

Vogalía terceira

Jorge Carlos Morán González

Titular de universidade

Universidade de Vigo

(Referencia praza nº 2: DF1401-X05-187-TU-01)

Cargo

Nome

Corpo

Universidade

Comisión titular

Presidencia

Sara Márquez Rosa

Catedrática de universidade

Universidade de León

Secretaría

Alfonso Gutiérrez Santiago

Titular de universidade

Universidade de Vigo

Vogalía primeira

Margarita Rosa Pino Juste

Titular de universidade

Universidade de Vigo

Vogalía segunda

María Teresa Vizcarra Morales

Titular de universidade

Universidade del Pais Vasco

Vogalía terceira

María Prat Grau

Titular de universidade

Universidade Autónoma de Barcelona

Comisión suplente

Presidencia

Sergio José Ibáñez Godoy

Catedrático de universidade

Universidade de Extremadura

Secretaría

Narcís Gusi Fuertes

Catedrático de universidade

Universidade de Extremadura

Vogalía primeira

José María Cancela Carral

Titular de universidade

Universidade de Vigo

Vogalía segunda

Marta Zubiaur González

Titular de universidade

Universidade de León

Vogalía terceira

María Josefa Camacho Miñano

Titular de universidade

Universidade Complutense de Madrid

ANEXO IV
Currículum vitae

–  Datos persoais:

Apelidos e nome.

NIF.

Data, localidade e provincia de nacemento.

Enderezo, localidade e provincia de residencia.

Teléfono e enderezo electrónico.

Categoría actual como docente, centro, departamento e área de docencia actual.

Data de resolución da habilitación e BOE de publicación.

– Datos académicos:

1. Títulos académicos: clase, organismo e centro expedidor, data, cualificación se a houbese.

2. Postos docentes desempeñados: categoría, organismo ou centro, réxime de adicación, data de nomeamento ou contrato, data de cesamento.

3. Actividade docente desempeñada.

4. Actividade investigadora desempeñada.

5. Publicacións de libros e monografías: autoría ou coautoría/s, título, editor, editorial, data (de estar pendente de publicación, xustifíquese a aceptación polo consello editorial).

6. Traballos científicos publicados en revistas españolas ou estranxeiras: autoría ou coautoría/s, título, revista, volume, páxina, data (de estar pendente de publicación, xustifíquese a aceptación polo consello editorial).

7. Outras publicacións.

8. Outros traballos de investigación.

9. Proxectos de investigación subvencionados.

10. Comunicacións e relatorios presentados a congresos: título, organizador, carácter nacional ou internacional, lugar, data.

11. Patentes.

12. Cursos e seminarios impartidos: centro, organismo, materia, actividade desenvolta, data.

13. Cursos e seminarios recibidos: centro, organismo, materia, data.

14. Bolsas, axudas e premios recibidos (posteriores á licenciatura).

15. Actividade en empresas e profesión libre.

16. Outros méritos docentes ou de investigación.

17. Outros méritos.

18. Cargos de xestión desempeñados: cargo, centro, período.

19. Dilixencia de referendo do curriculum.