Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Luns, 5 de xaneiro de 2015 Páx. 433

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 22 de decembro de 2014 pola que se anuncia a apertura do período de consulta pública do documento titulado Proposta de proxecto de revisión do Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa. Ciclo 2015-2021.

O Regulamento de planificación hidrolóxica, aprobado polo Real decreto 907/2007, do 6 de xullo, regula no seu título terceiro o procedemento de seguimento e revisión dos plans hidrolóxicos, que serán realizados polos organismos de bacía correspondentes ou pola Administración hidráulica competente, nas bacías comprendidas integramente no ámbito territorial dunha comunidade autónoma.

Con base nas competencias en materia de planificación hidrolóxica da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, segundo o establecido no artigo 77 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, Augas de Galicia está a levar a cabo os traballos do segundo ciclo de planificación hidrolóxica 2015-2021.

De acordo co establecido na Directiva 2000/60/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2000, pola que se establece un marco comunitario de actuación no ámbito da política de augas; no texto refundido da Lei de augas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo; no Regulamento de planificación hidrolóxica, aprobado polo Real decreto 907/2007, do 6 de xullo; e na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, Augas de Galicia anuncia a apertura do período de consulta pública do documento «Proposta de proxecto de revisión do Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa. Ciclo 2015-2021».

Para tales efectos, o proxecto de revisión do Plan hidrolóxico poderase consultar durante seis (6) meses, contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, nas sedes e páxina web do organismo de bacía e, dentro dese prazo, poderanse realizar cantas propostas, observacións e suxestións se consideren oportunas dirixidas ao organismo de bacía, segundo se indica a seguir:

1. O documento estará á disposición pública no seguinte enderezo electrónico:

http://augasdegalicia.xunta.es.

2. Así mesmo, o documento estará á disposición pública nos seguintes enderezos:

a) Servizos Centrais de Augas de Galicia: praza de Camilo Díaz Baliño, 7-9, 15781 Santiago de Compostela.

b) Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia-Centro: rúa Tomiño, 16, baixo, 15781 Santiago de Compostela.

c) Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia-Norte: Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Monelos, rúa Vicente Ferrer, 2, 9º, 15008 A Coruña.

d) Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia-Sur: rúa San Salvador, 2, 4º, 36201 Vigo.

A modalidade de participación neste proceso de consulta pública será por escrito dirixido á persoa titular da dirección de Augas de Galicia, con enderezo na praza de Camilo Díaz Baliño, 7-9, 15781 Santiago de Compostela.

Na medida en que os documentos de propostas, observacións e suxestións presentados conteñan datos de carácter persoal, a súa entrega implicará, de conformidade coa lexislación de protección de datos, o consentimento para a súa publicación no marco deste proceso participativo. Por outra parte, os datos persoais incluiranse en ficheiros sometidos ao disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal. Quen participe neste proceso poderá exercer o seu dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición, cubrindo a debida solicitude dirixida ao organismo de bacía.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2014

Gonzalo Mosqueira Martínez
Director de Augas de Galicia