Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Luns, 5 de xaneiro de 2015 Páx. 444

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 22 de decembro de 2014, do Servizo de Infraestruturas de Pontevedra, pola que se sinala a data para o levantamento das actas previas á ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción de mellora da vía Clara Campoamor, no concello de Vigo (clave PO/14/053.03).

O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu ordinal 2º a competencia da Comunidade Autónoma galega no desenvolvemento lexislativo e na execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

Con data do 4 de decembro de 2014, a Xunta de Galicia procedeu á declaración da utilidade pública e urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para os efectos de expropiación para a mencionada obra, mediante o Decreto 155/2014, publicado no Diario Oficial de Galicia do 15 de decembro de 2014.

Na súa virtude e en cumprimento do disposto nos artigos 52 da vixente Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 56 e seguintes do regulamento para a súa aplicación, este servizo, en uso das facultades que lle confire o artigo 98 da mencionada lei, resolveu convocar os titulares dos bens e dereitos afectados que figuran na relación exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Vigo para que comparezan no lugar, na data e nas horas que se detallan a seguir, co fin de proceder ao levantamento das actas previas á ocupación, nas cales se recollerán os datos necesarios para determinar os bens e dereitos afectados, o seu valor e os prexuízos determinantes da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladaren ao lugar dos predios se o consideran necesario.

Termo municipal de Vigo.

Lugar: Casa do Concello de Vigo.

Data: 19 de xaneiro de 2015, das 9.30 ás 13.30 horas.

A relación de titulares, cos bens e dereitos afectados, así como o plano parcelario correspondente, estará exposta no Concello de Vigo e no Servizo da Axencia Galega de Infraestruturas de Pontevedra (avda. Fernández Ladreda, 43-1º).

A ese acto deberán acudir os titulares afectados persoalmente ou ben representados por persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, achegar os documentos acreditativos da súa titularidade, o documento nacional de identidade e o último recibo da contribución e poden facerse acompañar pola súa conta, se o consideran oportuno, dos seus peritos e notarios.

Así mesmo, e no cumprimento do establecido no artigo 56 do regulamento da Lei de expropiación forzosa, publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 167, do 3 de setembro de 2014, o anuncio polo que se sometía a información pública, en materia de expropiacións, a relación de bens e dereitos necesarios para a execución da citada actuación, para que calquera persoa física ou xurídica puidese formular alegacións para os efectos de corrixir posibles erros na relación de bens e dereitos.

Pontevedra, 22 de decembro de 2014

Fausto Núñez Vilar
Xefe do Servizo de Infraestruturas de Pontevedra