A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, establece no artigo 3.5 que un dos fins do Sistema nacional de cualificacións e formación profesional é o de avaliar e acreditar oficialmente a cualificación profesional, calquera que sexa a súa forma de adquisición e, no seu artigo 4, establece que un dos seus instrumentos é o procedemento de recoñecemento, avaliación, acreditación e rexistro das cualificacións profesionais.
A mesma lei, no seu artigo 8, alínea 2, establece que a avaliación e a acreditación da competencia profesional adquirida a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación se debe desenvolver seguindo criterios que garantan a fiabilidade, a obxectividade e o rigor técnico da avaliación, e que terá como referente o Catálogo nacional de cualificacións profesionais, e na súa alínea 3 recolle a posibilidade de realizar acreditacións parciais acumulables.
O Real decreto 1128/2003, do 5 de setembro, polo que se regula o Catálogo nacional de cualificacións profesionais, define, no seu artigo 5, alínea b), a unidade de competencia como o agregado mínimo de competencias profesionais, susceptible de recoñecemento e acreditación parcial, para os efectos previstos no artigo 8.3 de la Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional.
A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece como un dos seus principios xerais a concepción da educación como unha aprendizaxe permanente, que se desenvolverá ao longo de toda a vida. No seu artigo 66.4, referido á educación para as persoas adultas, determina como un dos seus obxectivos o de conectar as vías de aprendizaxe (ensino regrado ou non regrado, ou a través da experiencia laboral) e o de adoptar as medidas para a validación destas aprendizaxes.
O Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo (BOE do 25 de agosto), de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral, desenvolve o establecido no artigo 8.4 da Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, establecendo o procedemento e os requisitos para a avaliación e a acreditación das competencias profesionais adquiridas polas persoas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación, así como os seus efectos.
Para a implantación do procedemento en Galicia, o Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, atribúe á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa as competencias para a promoción e o desenvolvemento do recoñecemento de competencias profesionais nas diferentes familias profesionais que compoñen o Catálogo nacional de cualificacións profesionais. Así mesmo, indica que será a Subdirección Xeral de Formación Profesional a quen lle corresponde a organización e coordinación do sistema de recoñecemento, avaliación e acreditación de competencias profesionais.
O Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica dos órganos da Xunta de Galicia, recolle a Axencia para a Xestión Integrada, Calidade e Avaliación da Formación Profesional, creada pola Lei 3/2002, do 29 de abril, como ente de dereito público adscrito á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que ten entre as súas funcións a avaliación da competencia profesional da poboación activa no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
O Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia, determina no seu artigo 20.2 que as ofertas flexibles para atender as necesidades de cualificación de colectivos específicos poderán realizarse nos réximes e nas modalidades que a consellería con competencias en materia e educación determine, así como a través do proceso de avaliación, recoñecemento e acreditación de competencias.
Así mesmo, no artigo 52 recóllense as validacións de módulos profesionais pola acreditación de unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais, indicando que quen teña acreditada unha unidade de competencia que forme parte do Catálogo nacional de cualificacións profesionais terá validados os módulos profesionais correspondentes, segundo se determine na norma que estableza cada título e se recolla na norma pola que se estableza o currículo correspondente. Pola súa banda, o artigo 58.1 di que quen non supere na súa totalidade as ensinanzas de cada un dos ciclos formativos terá dereito a que se lle expida un certificado académico dos módulos profesionais superados, o cal terá, ademais dos efectos académicos, efectos de acreditación parcial acumulable das competencias profesionais adquiridas en relación co Sistema nacional de cualificacións e formación profesional.
A redacción dada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa (BOE do 10 de decembro) engade un novo punto ao artigo 39 da Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño; que introduce dentro do sistema educativo os ciclos de formación profesional básica, establecendo que estarán referidos, ao igual que os ciclos formativos de grao medio e superior ao Catálogo nacional de cualificacións profesionais. Así mesmo, a lei orgánica dálle unha nova redacción ao artigo 44 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, da educación, establecendo que «as persoas maiores de 22 anos que teñan acreditadas as unidades de competencia profesional incluídas nun título profesional básico, ben a través de certificados de profesionalidade de nivel 1 o polo procedemento de avaliación e acreditación establecido, recibirán das administracións educativas o título profesional básico» o que conduce ao recoñecemento das cualificacións de nivel 1 nos títulos de formación profesinal básica.
O Consello Galego de Formación Profesional ten como unha das súas funcións emitir informe sobre os plans e as accións que se encamiñen ao recoñecemento e á avaliación da competencia da poboación activa e colaborar na implantación do dispositivo de recoñecemento e avaliación, segundo o disposto no artigo 1, punto k), do Decreto 214/2003, do 20 de marzo, polo que se modifica o Decreto 110/1999, do 8 de abril, polo que se crea e regula o Consello Galego de Formación Profesional.
O artigo 5 do Decreto 266/2007, do 28 de decembro (DOG do 28 de xaneiro de 2008), polo que se regulan os centros integrados de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, establece, entre os fins dos centros integrados de formación profesional, a contribución á avaliación e á acreditación de competencias profesionais adquiridas polas persoas a través da experiencia laboral e de vías non formais de formación no marco do Sistema nacional das cualificacións e da formación profesional, promovendo así a valoración social do traballo. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dispón dunha rede de centros integrados onde se leva a cabo o desenvolvemento do procedemento de acreditación de competencias.
O Decreto 77/2011, do 7 de abril (DOG do 10 de maio), polo que se establece o regulamento orgánico dos centros integrados de formación profesional competencia da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria recolle na súa estrutura organizativa, dentro da área de calidade, o departamento de acreditación e probas atribuíndolle funcións organizativas e de coordinación e supervisión do procedemento para o recoñecemento, a avaliación, a acreditación e a certificación da competencia profesional.
Co fin de dar cumprimento ao establecido nas normativas que regulan os sectores en que se desenvolven as familias profesionais obxecto desta convocatoria, correspondentes a títulos de formación profesional implantados en Galicia, e de acordo co procedemento establecido no Real decreto 1224/2009, e ante a importante demanda detectada, esta consellería procede a realizar esta convocatoria para unidades de competencia das familias profesionais de Administración e Xestión, Agraria, Artes Gráficas, Electricidade e Electrónica, Edificación e Obra Civil, Fabricación Mecánica, Hostalaría e Turismo, Imaxe Persoal, Industrias Alimentarias, Informática e Comunicacións, Instalación e Mantemento, Madeira e Moble, Química, Sanidade, Servizos Socioculturais e á Comunidade e Transporte e Mantemento de Vehículos.
Por todo isto, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de conformidade co disposto no artigo 1 do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a súa estrutura orgánica,
DISPÓN:
Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación
O obxecto desta orde é realizar a convocatoria, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e establecer o procedemento para a avaliación e a acreditación das competencias profesionais adquiridas polas persoas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación, ao abeiro do Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral, mediante a acreditación de unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais.
Artigo 2. Estrutura organizativa
A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa será a encargada da organización e do desenvolvemento do proceso de acreditación de competencias adquiridas pola experiencia laboral e por vías non formais de formación, a través da Subdirección Xeral de Formación Profesional.
Artigo 3. Lugar de realización (sedes)
O desenvolvemento do proceso terá lugar nos centros integrados de formación profesional (CIFP) recollidos no anexo II desta orde.
Artigo 4. Convocatoria do procedemento
1. As unidades de competencia e o número de prazas obxecto desta convocatoria, así como a súa relación cos títulos de formación profesional e os certificados de profesionalidade, son as recollidas no anexo I desta orde.
2. A convocatoria será publicada integramente no Diario Oficial de Galicia, e un extracto dela no Boletín Oficial del Estado.
Artigo 5. Comisión coordinadora do procedemento de acreditación de competencias
1. Con sede na Subdirección xeral de Formación Profesional existirá unha comisión de coordinación encargada de:
a) Cualificar a documentación achegada polos solicitantes maiores de 25 anos recollidos no artigo 6.2 desta orde.
b) Coordinar os traballos das distintas comisións de cualificación da documentación constituídas en cada centro sede dos procedementos.
c) Supervisar o procedemento de acreditación de competencia convocado pola presente orde.
2. Esta comisión estará integrada polo titular da Subdirección Xeral de Formación Profesional como presidente, o xefe do Servizo de Orientación Profesional e Relación con Empresas e tres funcionarios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, un dos cales actuará como secretario.
Artigo 6. Requisitos de participación no procedemento
1. Para acceder a este procedemento, os candidatos e as candidatas deberán cumprir os requisitos seguintes:
a) Posuír a nacionalidade española, dispor do certificado de rexistro de cidadanía comunitaria ou da tarxeta de familiar de cidadán da Unión Europea, ou ser titular dunha autorización de residencia ou de residencia e traballo en España en vigor, nos termos establecidos na normativa española de estranxeiría e inmigración.
b) Ter feitos no momento de realizar a inscrición, 18 anos para as unidades de competencia correspondentes a cualificacións de nivel I e 20 anos para as unidades de competencia de nivel II e III.
c) Ter experiencia laboral e/ou formación relacionada coas competencias profesionais que se queiran acreditar.
c.1) No caso de experiencia laboral, xustificar polo menos tres (3) anos, cun mínimo de 2.000 horas traballadas en total, nos últimos dez anos transcorridos antes de se realizar a convocatoria, para unidades de competencia de niveis II e III, e para unidades de competencia de nivel I, xustificarán, cando menos, 2 anos cun mínimo de 1.200 horas traballadas en total.
c.2) No caso de formación, xustificar polo menos 200 horas para unidades de competencia de nivel I ou 300 horas para as unidades de competencia dos niveis II e III, nos últimos dez anos transcorridos antes de realizarse a convocatoria. Nos casos en que os módulos formativos asociados á unidade de competencia que se pretenda acreditar prevexan unha duración inferior, deberanse acreditar as horas establecidas nestes módulos.
d) As persoas candidatas non poderán estar matriculadas nun curso de formación profesional inicial (ordinario ou modular) ou realizando formación profesional para o emprego, conducente á acreditación das unidades de competencia nas cales solicita a súa inscrición. Tampouco poderán estar en posesión dun título de formación profesional ou dun certificado de profesionalidade que conteña a/s unidade/s de competencia que solicita, nin as súas equivalentes ou a acreditación parcial da/s unidade/s de competencia que solicita. Así mesmo, non poderán estar inscritas noutro procedemento de recoñecemento da experiencia profesional, ou nas probas libres para a obtención do título de formación profesional, levado a cabo por calquera administración u organismo público, conducente a acreditación das mesmas unidades de competencia. Para todo isto, presentarán declaración responsable, segundo o modelo que figura como anexo IV desta orde de convocatoria.
2. As persoas maiores de 25 anos que cumpran os requisitos de experiencia laboral ou formativa indicados na alínea anterior e que non poidan xustificalos mediante os documentos sinalados poderán solicitar a súa inscrición provisional no procedemento, sempre e cando presentasen a xustificación mediante algunha proba admitida en dereito, da súa experiencia laboral ou das aprendizaxes non formais de formación. A comisión de coordinación recollida no artigo 5 da presente orde será a encargada de estudar estes casos, e emitirá un informe sobre a procedencia ou non da participación da persoa candidata no procedemento. Se o informe é positivo, procederase á súa inscrición definitiva como solicitante na correspondente sede.
Artigo 7. Xustificación do historial profesional e/ou formativo
1. A xustificación da experiencia laboral farase cos seguintes documentos:
a) Para traballadores e traballadoras asalariados.
a.1) Certificación da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, do Instituto Social da Mariña ou da mutualidade laboral en que se teña afiliación, onde conste a empresa, a categoría laboral (grupo de cotización) e o período de contratación (vida laboral).
a.2) Contrato de traballo ou certificación da empresa en que se adquirise a experiencia laboral, que reflicta especificamente a duración dos períodos de prestación do contrato, a actividade desenvolvida e o período en que se realizase a devandita actividade. A certificación presentarase segundo o modelo que figura como anexo VI desta orde.
b) Para traballadores e traballadoras autónomos ou por conta propia.
b.1) Certificación da Tesourería Xeral da Seguridade Social ou do Instituto Social da Mariña, dos períodos de alta na Seguridade Social no réxime especial correspondente (vida laboral).
b.2) Descrición da actividade desenvolvida e o intervalo de tempo en que esta se realizou segundo o modelo establecido no dito anexo VI.
c) Para voluntarios ou bolseiros.
Certificación da organización onde se prestou a asistencia, onde consten especificamente as actividades e as funcións realizadas, o ano en que se realizaron e o número total de horas dedicadas a elas.
2. Xustificación da formación.
Para as competencias profesionais adquiridas a través de vías non formais de formación, a xustificación realizarase mediante documento que acredite que a persoa candidata posúe formación relacionada coas unidades de competencia que se pretenda acreditar.
En cada certificado achegado deberán constar os contidos e as horas de formación, a entidade que expide o certificado e o título da actividade de formación. No caso de ter realizados estudos parciais para a obtención dun título oficial ou certificado de profesionalidade pertencente a plans de formación extinguidos, débese presentar o correspondente certificado expedido polo centro oficial responsable.
3. Deberase achegar necesariamente a tradución oficial de todos os documentos que non estean redactados nas linguas galega ou castelá.
Artigo 8. Presentación de solicitudes e inscrición
1. As solicitudes deberán presentarse en soporte papel na secretaría do centro onde se vaia desenvolver o procedemento. A solicitude de participación no procedemento farase empregando a aplicación informática subministrada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que se atopa no enderezo www.edu.xunta.es/acreditacion. A solicitude conforme o modelo que figura como anexo III desta orde, logo de ser cuberta e xerada pola aplicación, deberase imprimir para a súa presentación, dirixida á secretaría dos centros onde se vaia desenvolver o proceso, segundo o establecido no anexo II desta orde. Os datos relacionados coa documentación xustificativa do historial profesional e/ou formativo e dos requisitos de participación no procedemento segundo o establecido nos artigos 6 e 7 desta orde deberán cargarse na dita aplicación informática.
En caso de enviarse por correo, o envío da solicitude, xerada desde a aplicación informática, deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.
2. Os solicitantes que participasen en convocatorias anteriores, ao abeiro da Orde do 29 de decembro de 2011, da Orde do 25 de abril de 2013, e da Orde do 14 de xaneiro de 2014, e pasaron á fase de asesoramento e/ou de avaliación ou quedaron como reservas por non dispor de prazas vacantes, de participar na presente convocatoria e na mesma sede non terán que presentar a documentación xa achegada.
3. O prazo de presentación de solicitudes será desde o 8 de xaneiro ao 6 de febreiro de 2015, ambos os dous incluídos.
4. Xunto coa solicitude, deberase presentar a seguinte documentación:
– Fotocopia do DNI ou, no caso de persoas estranxeiras, NIE ou autorización de residencia ou de residencia e traballo en vigor en España, no caso de que a persoa solicitante non autorice a consulta de datos no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio da Presidencia.
– Historial profesional e/ou formativo de acordo co currículo europeo.
– Documentación xustificativa do historial profesional e/ou formativo segundo o establecido no artigo 7.
– Declaración responsable segundo o modelo de anexo IV, de non estar en posesión ou en vías de obter as unidades de competencia en que soliciten a súa inscrición, xa sexa por estar matriculado actualmente nas ensinanzas de formación profesional inicial (ordinario ou modular), ou realizando un curso de formación para o emprego ou por estar participando simultaneamente noutro procedemento de acreditación de competencias profesionais.
5. Deberase achegar necesariamente a tradución oficial de todos os documentos que non estean redactados nas linguas galega ou castelá.
6. A falsidade nos datos achegados ou declarados suporá a exclusión do procedemento.
7. Cada participante cubrirá unha única solicitude. Poderá elixir unha ou varias unidades de competencia das que se convocan, sempre que estean incluídas nun mesmo ciclo formativo e se desenvolvan nunha mesma sede.
8. Para as persoas aspirantes con algunha discapacidade que soliciten algún tipo de adaptación, certificado acreditativo de discapacidade en vigor, só no caso de non ter que ser emitido pola Xunta de Galicia. Se adicionalmente solicitan a exención das taxas nas fases de asesoramento e de avaliación, a certificación debe indicar un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.
9. Calquera outra documentación de carácter laboral e/ou formativo que sirva como proba potencial da competencia que se pretenda demostrar.
Artigo 9. Admisión de candidatos e candidatas
1. Listaxes de persoas solicitantes.
a) Para a revisión e análise dos documentos achegados polos solicitantes existirá en cada sede unha comisión encargada da cualificación da documentación, que estará integrada polo xefe do departamento de acreditación e probas que actuará como presidente e un máximo de cinco persoas, seleccionadas por este, entre o persoal que presta servizos no centro sede.
b) As solicitudes recibidas en cada centro sede serán remitidas á comisión indicada no punto anterior, para a comprobación dos requisitos dos solicitantes.
c) A comisión constituída en cada sede para a cualificación da documentación será a encargada da publicación das listaxes de solicitantes correspondentes, para o que contará cun mínimo de quince días naturais desde o remate do prazo de presentación de solicitudes.
d) As listaxes de persoas solicitantes serán publicadas no portal educativo da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa
http://www.edu.xunta.es/fp, e terá efectos de notificación ás persoas interesadas. Tamén serán publicadas na páxina web e no taboleiro de anuncios de cada sede, e na páxina de inicio da aplicación informática. As persoas solicitantes poderán consultar a súa situación accedendo ao seu expediente na aplicación informática.
2. Emenda da documentación achegada.
a) Os solicitantes contarán cun prazo de 10 días naturais contados desde o seguinte ao de publicación das listaxes de solicitantes para emendar o defecto ou omisión na documentación entregada. As emendas presentaranse no centro docente onde se entregase a solicitude.
b) Só serán tidos en conta para os efectos de determinación da prioridade de acceso ao procedemento, nos casos en que exista maior número de demandantes que de prazas ofertadas, os méritos de experiencia ou formación con que conte o solicitante na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
3. Listaxes provisionais de persoas admitidas.
a) As solicitudes previamente revisadas pola comisión encargada da cualificación da documentación en cada sede serán remitidas ás correspondentes comisións de avaliación para o seu baremo e publicación das listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas.
b) As listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas para cada unidade de competencia publicaranse a partir de vinte días naturais desde o seguinte ao da publicación das listaxes de persoas solicitantes, con indicación da causa de exclusión, nos lugares indicados no número 1.d) deste mesmo artigo e cos mesmos efectos de notificación.
c) De existir maior número de persoas que cumpran os requisitos establecidos que número de prazas convocadas, as comisións de avaliación aplicarán os criterios de selección segundo o baremo recollido no anexo V desta orde, e publicarase a relación de admitidos coa correspondente puntuación.
– Criterios de baremo de solicitudes cando existan máis persoas candidatas que prazas. Terán prioridade as persoas que cumpran os requisitos de acceso pola vía da experiencia profesional. En caso de empate estableceranse como criterios de prioridade, en primeiro lugar, a formación alegada, para o caso de cumprir requisitos pola experiencia laboral, ou a experiencia profesional alegada, no caso de cumprir requisitos pola formación. En segundo lugar, a idade do candidato ou da candidata, primará a persoa de maior idade, e, en terceiro lugar, o sexo, aplicarase discriminación positiva para as mulleres.
De persistir o empate en calquera dos casos, aplicarase como criterio o resultado do sorteo disposto no artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
d) As persoas aspirantes poderán presentar reclamación contra as listaxes provisionais podendo xerala desde a aplicación informática de xestión do procedemento, no prazo de cinco días naturais contados desde o día seguinte ao da súa publicación, debendo entregarse no mesmo centro docente onde se presentase a solicitude.
4. Listaxes definitivas de persoas admitidas.
a) As listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas para cada unidade de competencia publicaranse a partir do día 8 de abril de 2015, con indicación da causa de exclusión, nos lugares indicados no punto 1.d deste mesmo artigo e cos mesmos efectos de notificación.
b) Os candidatos admitidos estarán en disposición de pasar ás fases de asesoramento e avaliación.
c) O resto de solicitantes quedarán en situación de reserva para cubrir, segundo a orde de puntuación que alcanzasen, os abandonos e as renuncias que se produzan durante a fase de asesoramento.
d) Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes dende o día seguinte á publicacións das listaxes definitivas, debendo presentarse nos lugares sinalados no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O recurso de alzada poderá xerarse desde a aplicación informática de xestión do procedemento para a súa posterior presentación.
5. Por motivos organizativos e de eficacia e eficiencia, cando nunha determinada sede se presente un elevado número de solicitudes e noutra un número moito menor, e para cubrir as prazas que poderían quedar desertas, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá redistribuír o número de prazas previsto inicialmente para cada sede establecidas no anexo I desta convocatoria.
Artigo 10. Taxas
Para ter dereito a participar nas fases de asesoramento e avaliación, a persoa candidata admitida ao procedemento terá que formalizar o pagamento das taxas correspondentes previamente á realización de cada unha das fases.
1. Pagamento da taxa da fase de asesoramento.
– O candidato admitido para a realización da fase de asesoramento deberá aboar unha única taxa de 20 euros.
– O pagamento da taxa deberase realizar de forma telemática ou a través do impreso de autoliquidación en calquera das entidades financeiras colaboradoras na recadación das taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia, consignando os seguintes datos:
Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: código 07.
Delegación de Servizos Centrais: código 13.
Servizo de Secretaría Xeral: código 01.
Taxa denominación: asesoramento do/da candidato/a para participar no procedemento para o recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación: código 304201.
O xustificante do pagamento deberáselle entregar ao asesor na primeira reunión de asesoramento que se realice. A non presentación deste no tempo e forma procedentes suporá a exclusión do aspirante.
2. Pagamento da taxa de avaliación.
A persoa candidata admitida para a realización da fase de avaliación deberá aboar unha taxa de 10 euros por cada unha das unidades de competencia en que solicite a súa avaliación.
– O pagamento da taxa de avaliación, igual que a de asesoramento, deberase realizar de forma telemática ou a través do impreso de autoliquidación en calquera das entidades financeiras colaboradoras na recadación das taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia, consignando os seguintes datos:
Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: código 07.
Delegación de Servizos Centrais: código 13.
Servizo de Secretaría Xeral: código 01.
Taxa denominación: avaliación da unidade de competencia (por cada unidade de competencia para a que se solicite a avaliación: código 304202.
O xustificante do pagamento da taxa de avaliación entregaráselle á comisión de avaliación cando o candidato/a sexa citado para realizar esta fase. A non presentación deste no tempo e forma procedentes suporá a exclusión do aspirante.
3. Exencións do pagamento.
– De acordo co artigo 23, punto 10, da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (modificada pola Lei 14/2006, do 28 de decembro), estarán exentas do pagamento de taxas as persoas que no momento de iniciárense as sesións de asesoramento e avaliación figuren como desempregadas, así como aquelas persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.
– Xustificación.
As persoas exentas do pagamento das taxas deberán presentar no momento do asesoramento e/ou da avaliación a documentación que acredite este dereito:
• No caso do/da traballador/a desempregado/a, esta situación acreditarase cunha certificación da situación laboral expedida pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
• No caso de discapacidade, acreditarase co certificado ou resolución do órgano competente que acredite esa discapacidade.
Artigo 11. Servizos de información e orientación
1. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria garantirá un servizo aberto e permanente que lles facilite información e orientación a todas as persoas que a soliciten.
Esta información e orientación será facilitada polos departamentos de orientación dos centros integrados de formación profesional e nos centros de formación profesional de titularidade pública dependentes da Administración educativa.
En cada punto de información existirá, polo menos, un profesional (orientador ou orientadora) para o desenvolvemento destas funcións.
2. Funcións:
a) Informar sobre o proceso de avaliación e recoñecemento das competencias profesionais para que se poida seguir adecuadamente, e tamén sobre a formalización e a presentación da documentación pertinente.
b) Elaborar, no caso de orientadores ou orientadoras dos centros onde se desenvolva o procedemento, un plan de formación para as persoas candidatas que, rematado o proceso de avaliación, non obtivesen a certificación das súas competencias, onde se fará constar, segundo proceda:
– As posibilidades de formación, coas orientacións pertinentes, para que poidan acreditar en convocatorias posteriores as unidades de competencia das cales solicitasen a súa acreditación.
– As posibilidades de formación, coas orientacións pertinentes, para completar a formación conducente á obtención dun título de formación profesional ou certificado de profesionalidade relacionado con elas.
Artigo 12. Fases do procedemento
A instrución do procedemento desenvolverase nas seguintes fases:
1. Asesoramento.
2. Avaliación da competencia profesional.
3. Acreditación e rexistro da competencia profesional.
Artigo 13. Primeira fase: asesoramento
1. A fase de asesoramento comezará o día seguinte ao da publicación das listaxes definitivas de admitidos e excluídos e deberá estar rematada o último día do mes de maio de 2015. O asesor ou a asesora seguirá o procedemento establecido na guía de asesoría co apoio da aplicación informática de xestión do procedemento.
2. O asesoramento será obrigatorio, e para esta convocatoria realizarase de forma presencial, polo que a falta de asistencia inxustificada provocará a perda da condición da persoa candidata admitida no procedemento. A xustificación deberá ser presentada no centro nos cinco días seguintes aos da sesión, por escrito e acompañada da documentación acreditativa.
3. Realizaranse polo menos dúas reunións ou sesións de asesoramento, comunicándolles as datas para a súa realización ás persoas candidatas admitidas. A convocatoria para a primeira reunión grupal realizarase mediante a súa publicación na páxina web da sede onde se desenvolva o procedemento e na páxina www.edu.xunta.es/fp da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria nos dez primeiros días desde a publicación das listaxes definitivas de admitidos e sempre cunha antelación mínima dunha semana respecto da data de realización, e terá efectos de notificación ás persoas interesadas. Así mesmo a data da reunión reflectirase no expediente do candidato na aplicación informática de xestión do procedemento.
4. A primeira reunión de asesoramento será unha reunión grupal onde se informe sobre o Sistema nacional de cualificacións, o procedemento, as súas fases, as obrigas e dereitos do candidato e as funcións do asesor ou a asesora, sobre o proceso concreto de avaliación e acreditación, e sobre os principais contidos das unidades de competencia correspondentes.
Entregaráselles a documentación da fase de asesoramento e faráselles unha explicación sobre ela.
Informaráselles tamén sobre o uso da aplicación informática de xestión do procedemento, sobre as funcionalidades de interese e o modo de acceso ao seu expediente facilitándolle desta forma aos candidatos o seguimento do seu proceso, a consulta das datas das convocatorias de reunión previstas, a presentación de reclamacións e a realización en liña de determinadas tarefas.
5. O asesor/a e as persoas candidatas ao final da primeira reunión grupal acordarán as datas para a segunda reunión.
6. A segunda reunión consistirá nunha entrevista persoal individual. O fin desta entrevista é axudar a persoa candidata a explicitar as competencias e aprendizaxes adquiridas, a responder o cuestionario de autoavaliación, así como a ampliar a documentación acreditativa co fin de mellorar o historial profesional e/ou formativo. Así mesmo, motivarase o candidato para proseguir neste proceso como un proceso de aprendizaxe permanente ao longo da vida.
7. O asesor ou a asesora, contrastando os contidos do cuestionario de autoavaliación e do historial formativo e/ou profesional da persoa candidata, e do expediente de competencias, identificará e valorará a información profesional achegada e realizará un informe asinado, destinado á Comisión de Avaliación, que terá carácter orientativo, onde indicará de forma motivada se considera que hai ou non evidencias suficientemente xustificadas da competencia da persoa candidata en cada unha das unidades de competencia, e, doutra banda, indicaralle a conveniencia de pasar ou non á fase de avaliación.
a) Se o informe é positivo (considera que hai evidencias suficientes sobre a competencia da persoa candidata) o asesor ou a asesora trasladaralle á Comisión de Avaliación o informe elaborado, así como toda a documentación achegada pola persoa candidata.
b) Se o informe é negativo, o asesor ou a asesora indicaralle á persoa candidata a formación complementaria que poderá realizar, así como os centros onde se ofrece.
– O informe do asesor ou da asesora non é vinculante, polo que a persoa candidata poderá decidir pasar á fase de avaliación. Neste caso, o asesor ou a asesora tamén trasladará á Comisión de Avaliación o seu informe, xunto coa documentación referida.
8. Cando a persoa candidata decida non pasar a fase de avaliación, por entender que despois do asesoramento non ten evidencias de competencia, o asesor ou a asesora informará o Departamento de Orientación para que este, de ser o caso, elabore un plan de formación específico en función dos seus intereses e das súas expectativas.
Artigo 14. Segunda fase: avaliación da competencia profesional
1. Esta fase comezará para cada persoa candidata ao remate da fase de asesoramento e deberá estar rematada o día 10 de xullo de 2015.
2. A avaliación, en cada unha das unidades de competencia en que estea inscrita a persoa candidata, terá por obxecto comprobar se esta demostra a competencia profesional requirida nas realizacións profesionais, nos niveis establecidos nos criterios de realización e nunha situación de traballo, real ou simulada, fixada a partir do contexto profesional.
3. A Comisión de Avaliación realizará un plan individualizado de avaliación en que constarán, polo menos, as actividades e os métodos de avaliación que se vaian aplicar, tendo en conta as guías de evidencias.
– O proceso de avaliación iniciarao a Comisión de Avaliación coa análise do informe do asesor ou a asesora, e de todas as evidencias indirectas que se obteñan da documentación achegada pola persoa candidata en cada unidade de competencia.
– Utilizaranse para a obtención das evidencias directas os métodos que se consideren necesarios para comprobar o explicitado pola persoa solicitante na documentación achegada, segundo as guías de evidencias: a observación da persoa candidata no posto de traballo, simulacións, probas estandarizadas de competencia profesional ou a entrevista profesional.
– A comisión informará a persoa candidata sobre as actividades e os métodos de avaliación, así como os lugares e as datas previstas para a súa realización. Cando a Comisión de Avaliación o considere necesario, poderá requirirlle a información complementaria que considere necesaria ou solicitar novas evidencias directas adicionais.
– O plan individualizado de avaliación será asinado pola persoa candidata antes do inicio do seu desenvolvemento. De cada actividade de avaliación realizada quedará un rexistro asinado pola persoa aspirante e o avaliador ou a avaliadora.
4. Resultados do proceso de avaliación.
– Unha vez rematada a etapa de avaliación, completarase o expediente de evidencias, que recollerá os resultados e os rexistros producidos ao longo do procedemento e que deberá estar custodiado durante o período regulamentario para atender os posibles procesos de reclamación nas sedes onde se desenvolva o proceso.
– A Comisión de Avaliación valorará os resultados do proceso e emitirá o xuízo da competencia da persoa candidata, expresada en termos de demostrada ou non demostrada, o cal fará constar nunha acta asinada por todos os membros da Comisión de Avaliación, segundo o modelo do anexo VII desta orde.
– A Comisión de Avaliación elaborará un informe individualizado de cada persoa candidata onde indique os resultados da avaliación das competencias profesionais, así como a proposta de formación.
– O presidente ou a presidenta da Comisión de Avaliación serán responsables de informar as persoas candidatas avaliadas dos resultados da avaliación por escrito. Así mesmo, informarán da forma e os prazos para exercer o dereito de reclamación ante a Comisión de Avaliación e, de ser o caso, a presentar os recursos administrativos que procedan. Tamén se realizará a comunicación mediante o expediente de cada candidato na aplicación informática.
– Os candidatos poderán presentar reclamación perante a Comisión de Avaliación, no prazo de cinco días naturais contados desde o seguinte ao de comunicación do resultado da avaliación, realizada a través do expediente do candidato na aplicación informática, ou ao de recepción do escrito cando o candidato careza de correo electrónico.
– Contra a decisión da Comisión de Avaliación poderase interpor recurso de alzada perante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes desde o día seguinte ao de comunicación da decisión da Comisión de Avaliación, segundo o establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
– As reclamacións e recursos de alzada poderanse xerar desde a aplicación informática de xestión do procedemento para súa posterior presentación.
5. O incumprimento grave, por parte da persoa solicitante de recoñecemento, das normas de prevención, protección e seguridade que cumpra aplicar en cada proba provocará a súa interrupción e a exclusión do procedemento.
6. Principios para a avaliación.
a) A avaliación baseada na competencia consiste basicamente na acumulación de suficientes probas de evidencia que permitan inferir con toda confianza a competencia da persoa candidata.
b) A decisión da avaliación non poderá estar baseada exclusivamente no historial profesional nin formativo, senón que deberá complementarse con evidencias de competencia recollidas por distintos métodos (directos e indirectos).
c) No desenvolvemento do proceso de avaliación da competencia profesional deberase procurar preservar a autoestima das persoas.
d) Os modos de recollida de evidencias de competencia especificaranse nas guías de evidencias e deberán ter diferentes orixes: historial profesional e formativo, traballos e proxectos realizados pola persoa candidata, observación no posto de traballo, conversas profesionais, simulacións e probas profesionais.
e) Cando as evidencias presentadas na fase de asesoramento non sexan suficientes, a Comisión de Avaliación planificará a recollida de evidencias complementarias seguindo o plan de avaliación xeral realizado pola Comisión de Avaliación, tendo en conta as orientacións da guía de evidencias. A planificación da avaliación será personificada para cada candidato ou candidata e recollerá as actividades de avaliación coa identificación dos métodos de avaliación que se van utilizar, así como as datas e os lugares previstos. O plan de avaliación deberá ser pactado coa persoa candidata, incluíndo a data e o lugar en que se vaia levar a cabo.
f) Na avaliación deberanse aplicar de xeito combinado distintos modos de avaliar a competencia profesional.
Cando sexa posible, atendendo a situación laboral da persoa traballadora, deberáselle dar prioridade á observación no posto de traballo como método de recollida de evidencias de competencia.
g) Haberá un rexistro de cada actividade, que estará asinado polo avaliador ou a avaliadora, e pola persoa candidata.
Artigo 15. Terceira fase: acreditación e rexistro da competencia profesional
1. A acreditación das unidades de competencia realizaraa a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria segundo proposta das Comisión de Avaliación, consonte o modelo que figura como anexo VIII desta orde.
Os certificados, con sinatura dixital, serán expedidos no prazo máximo de tres meses desde o remate da fase de avaliación, e poderán ser descargados polos usuarios desde a aplicación informática de xestión do procedemento unha vez comunicada a súa dispoñibilidade. Non obstante, as persoas interesadas poderán solicitalo na sede onde realizaron o procedemento.
2. A expedición da acreditación de unidades de competencia terá efectos de acreditación parcial acumulable e de validación da formación referida á dita unidade de competencia nos títulos de formación profesional e de exención nos certificados de profesionalidade:
– A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria recoñecerá as unidades de competencia acreditadas que producirán efectos de validación dos módulos profesionais correspondentes, segundo a normativa vixente, e que se establece en cada título.
– A Consellería de Traballo e Benestar recoñecerá as unidades de competencia acreditadas, que producirán efectos de exención dos módulos formativos asociados ás unidades de competencia dos certificados de profesionalidade, segundo a normativa vixente, e que se establece en cada un dos certificados.
3. As acreditacións concedidas teñen carácter oficial, con validez en todo o territorio do Estado. Terán os efectos académicos e profesionais previstos na lexislación vixente no tocante a exencións, correspondencias e validacións.
4. O rexistro das acreditacións de unidades de competencia realizarase de acordo co procedemento establecido no artigo 18 do Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral.
Artigo 16. Comisión de Avaliación. Composición
1. A Comisión de Avaliación será o órgano decisorio no proceso de avaliación da competencia e xulga a competencia das persoas candidatas tendo en conta as evidencias obtidas na fase de asesoramento e as obtidas na fase de avaliación. Ademais, é o órgano responsable de levar a cabo a preparación das probas de competencia, de facer o seguimento do seu desenvolvemento e da avaliación dos seus resultados.
A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa nomeará as comisións de avaliación necesarias para levar a cabo o proceso de avaliación das diferentes unidades de competencia para as cales se convoca o procedemento de avaliación e acreditación.
2. Composición das comisións de avaliación.
a) A Comisión de Avaliación estará constituída polo menos por cinco membros, dos que un debe ocupar a presidencia, outro desempeñará o cargo de secretario ou secretaria, e os tres restantes serán vogais. Todos estes membros terán que dispor da habilitación como avaliadores ou avaliadoras outorgada pola Administración educativa ou laboral, para participaren no procedemento de recoñecemento, avaliación e acreditación da competencia profesional.
b) Garantirase a presenza de avaliadores e avaliadoras tanto do sector formativo como do produtivo. Excepcionalmente, poderanse designar comisións de avaliación en que falte algún dos sectores, se iso impede a realización da fase de avaliación.
c) A Comisión de Avaliación poderá propor a incorporación de profesionais cualificados en calidade de expertos, con voz e sen voto, que serán nomeados pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.
d) A presidencia recaerá nun empregado público da Administración e deberá ter unha experiencia laboral ou docente no ámbito profesional específico de, polo menos, seis anos ou ter actuado durante dous anos como persoal asesor ou avaliador neste procedemento. Será responsable das actuacións da comisión e da coordinación entre as fases do proceso.
e) A secretaría recaerá nun empregado público da Administración e encargarase de efectuar a convocatoria das sesións por orde da presidencia, redactar as actas das sesións, dar fe dos acordos tomados pola Comisión de Avaliación e cantas outras funcións sexan inherentes ao seu cargo.
f) Para protexer a imparcialidade e o rigor técnico da avaliación, as actuacións das comisións de avaliación estarán suxeitas á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Artigo 17. Requisitos, formación e habilitación
1. A habilitación do persoal asesor e/ou avaliador farase atendendo a criterios de experiencia e formación específica, segundo os criterios que se establecen a continuación:
a) Ter unha experiencia de polo menos catro anos nalgún dos seguintes colectivos:
– Profesorado, con atribución docente na familia profesional correspondente, pertencente aos corpos de catedráticos, profesorado de ensino secundario ou profesorado técnico de formación profesional.
– Formadores ou formadoras con especialización nas unidades de competencia que se especifiquen.
– Profesionais expertos nas unidades de competencia que se especifiquen.
b) Superar un curso de formación específica organizado e supervisado pola Administración educativa, tomando como referente os contidos establecidos no Real decreto 1224/2009, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral.
2. As persoas habilitadas poderán actuar como persoal asesor ou avaliador nas comisións de avaliación, e deberán ser nomeadas en cada convocatoria.
3. As persoas designadas como persoal asesor non poderán participar como avaliadoras nunha mesma convocatoria de avaliación e acreditación, e viceversa.
Artigo 18. Instrumentos de apoio
1. O proceso de avaliación das competencias profesionais require da utilización dunha serie de instrumentos que garantan o seu desenvolvemento coa calidade e o rigor necesarios, como son:
– Un manual de procedemento, integrado por unha guía da persoa candidata, unha guía para o asesor ou a asesora, e unha guía do avaliador ou a avaliadora.
– Cuestionarios de autoavaliación, que constitúen un dos elementos prescritivos na fase de asesoramento. Van permitir traducir a competencia da persoa candidata a termos de realizacións e criterios de realización das unidades ou dos ámbitos de competencia que constitúen o referente neste proceso.
– Guía de evidencias, para cada unidade de competencia, onde se especifican as fontes e os métodos de obtención da evidencia, que vai constituír a directriz no contraste de competencias. Consideráranse fontes de evidencia o traballo actual da persoa candidata, as simulacións, os seus logros anteriores e as conversas profesionais. Deberanse concretar as técnicas de obtención de evidencias e os criterios de avaliación, en cada caso.
– Plan de avaliación, que deberán elaborar as comisións de avaliación e que permitirá realizar o plan de avaliación individualizado para cada persoa.
2. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria contextualizará, de ser o caso, segundo as características e as necesidades propias da nosa comunidade autónoma, os documentos básicos elaborados pola Administración xeral do Estado en colaboración coas comunidades autónomas.
Artigo 19. Seguimento do procedemento
A avaliación final do procedemento correspóndelle ao Consello Galego de Formación Profesional ou, de ser o caso, á comisión técnica designada por el, sen prexuízo dos aspectos que sexan competencia exclusiva doutros órganos da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 20. Permisos individuais de formación
As persoas que estean a traballar poderán utilizar os permisos individuais de formación para participar nas fases de asesoramento e avaliación deste procedemento, de acordo co que establece o Ministerio de Traballo e Inmigración, en desenvolvemento do artigo 12 do Real decreto 395/2007, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego.
Artigo 21. Financiamento
Esta convocatoria financiarase con cargo ás aplicacións orzamentarias da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Artigo 22. Tratamento de datos de carácter persoal
De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Rexistros cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante esta mesma secretaria xeral técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Secretaría Xeral Técnica, no enderezo Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela. A Coruña, ou a través dun correo electrónico a sxfp@edu.xunta.es
Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo
Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar as medidas precisas para a execución desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2014
Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria