Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Mércores, 31 de decembro de 2014 Páx. 55923

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 30 de decembro de 2014 pola que se modifica, no relativo ás anualidades, a Orde do 4 de abril de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas aos investimentos en transformación e comercialización de produtos procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo da Pesca nun 75 % e se convocan para o exercicio 2014.

A Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar do 4 de abril de 2014 (DOG núm. 71, do 11 de abril) establece as bases reguladoras e convoca para 2014 as axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo de Pesca nun 75 %.

No artigo 3.7 da citada orde detállase a aplicación orzamentaria e o importe económico previsto nas anualidades 2014 e 2015 para o financiamento das ditas axudas, da seguinte forma: 41.500.000 de euros para a anualidade 2014 e 5.500.000 de euros para a anualidade 2015.

Tendo en conta as especiais circunstancias que dificultaron a tramitación destas axudas, o tempo transcorrido na tramitación para a aprobación das solicitudes de axuda e a imposibilidade dunha resolución para a totalidade dos expedientes con tempo suficiente para a xustificación dos investimentos por parte dos beneficiarios na anualidade 2014, faise necesario un reaxuste da dotación orzamentaria consignada inicialmente para a concesión das mencionadas axudas sen variar o importe total da orde.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30.I.1 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modifícase o artigo 3 punto 7, da Orde do 4 de abril de 2014, que establece as axudas para a transformación e comercialización de produtos da pesca convocadas para o ano 2014, que queda redactado como segue:

«7. Para o ano 2014 as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 12.30.723A.771.1 que figura dotada no orzamento de gastos da Consellería do Medio Rural e do Mar para 2014, aprobado pola Lei 11/2013, do 26 de decembro de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014. Os importes máximos das subvencións que se concedan no dito exercicio orzamentario ascenderán a 47.000.000,00 de euros distribuídos nas seguintes anualidades:

– Anualidade 2014: 7.000.000,00 de euros

– Anualidade 2015: 40.000.000,00 de euros».

Disposición adicional única

O reaxuste das anualidades previstas no artigo único desta orde non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na Orde do 4 de abril de 2014.

Disposición derradeira única

A presente orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2014

A conselleira do Medio Rural e do Mar
P.A. (Decreto 161/2014, do 26 de decembro de 2014, DOG nº 249, do 30 de decembro)
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza