Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Luns, 29 de decembro de 2014 Páx. 52858

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 16 de decembro de 2014, da Presidencia da Axencia Galega de Infraestruturas, pola que se delega o exercicio de competencias na Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas.

A Axencia Galega de Infraestruturas, segundo o previsto no Decreto 173/2011, do 4 de agosto, polo que se crea e se aproba o seu estatuto, é unha entidade pública instrumental adscrita á consellería competente en materia de infraestruturas que ten como obxectivo básico impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de estradas e outras infraestruturas.

O estatuto, de acordo co previsto no artigo 64 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, configura a organización da Axencia con dous órganos de goberno: a Presidencia e o Consello Reitor e un órgano executivo, a Dirección.

Consonte o artigo 9.2 a) do estatuto da Axencia, é función da súa presidencia a representación institucional e legal, incluíndo as actuacións fronte a terceiros relativas aos seus bens e dereitos patrimoniais. Correspondéndolle á Dirección da Axencia a súa xestión ordinaria, considérase adecuado que realice tamén as funcións de representación fronte a terceiros no concernente aos bens e dereitos patrimoniais da Axencia.

En consecuencia, de conformidade co establecido na Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio de Galicia; no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico; no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 9.3 do Decreto 173/2011, do 4 de agosto, polo que se aproba o estatuto da Axencia Galega de Infraestruturas,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto da delegación

Delegar na persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas o exercicio da competencia na representación legal e institucional da Axencia fronte a terceiros nas actuacións relativas aos seus bens e dereitos patrimoniais.

Segundo. Criterios complementarios

Na aplicación da delegación teranse en conta os seguintes criterios:

O exercicio da competencia que se delega axustarase ao disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro.

En calquera momento a persoa titular da Presidencia da Axencia Galega de Infraestruturas poderá avocar o exercicio das competencias que se delegan.

Terceiro. Resolucións ditadas por delegación

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso da delegación contida nesta resolución farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Cuarto. Eficacia da delegación

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2014

Ethel María Vázquez Mourelle
Presidenta da Axencia Galega de Infraestruturas