Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Mércores, 24 de decembro de 2014 Páx. 52499

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANUNCIO do 6 de novembro de 2014, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada para a planta de tratamento de residuos urbanos que Babcock Kommunal MBH e Técnicas Medioambientales, Tecmed, S.A. UTE (grupo Albada) xestiona no concello da Coruña (expediente 2014-IPPC-I-35).

Para os efectos previstos na Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE nº 157, do 2 de xullo), faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposta a seguinte documentación:

– «Proxecto básico de solicitude de autorización ambiental integrada, Albada, data de emisión 20.10.2014, código proxecto SER/T/2013/000068».

Co fin de que calquera interesado poida consultala e, se é o caso, formular no dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes. Os citados documentos estarán á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

– Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental-Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (r/ San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais, poderán consultalos na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (http://www.cmati.xunta.es/>>medio ambiente e sostibilidade >>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada>>proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2014

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO
Memoria resumo

Clave do expediente: 2014-IPPC-I-35.

Peticionario: Babcock Kommunal MBH e Técnicas Medioambientales, Tecmed, S.A. UTE (grupo Albada).

Domicilio social: r/ Albasanz, 16, 1 28037 Madrid.

Localización da instalación: Poltros-Nostián, s/n, CP 15011 A Coruña (A Coruña).

Actividade: planta de tratamento de residuos sólidos urbanos.

Descrición: a planta de tratamento de residuos urbanos da Coruña, que trata os residuos urbanos da cidade da Coruña e os municipios integrados no Consorcio As Mariñas, consta de tres liñas de produción para o tratamento diferenciado da fracción orgánica e a fracción inorgánica de recollida selectiva municipal (unha liña de 10 t/h e dúas liñas de 25 t/h). O proceso de produción lévase a cabo en distintas instalacións independentes e complementarias entre si:

– Nave de pretratamento mecánico: esta instalación recibe tanto a fracción orgánica coma a inorgánica da recollida selectiva, descargándose en fosos diferenciados para o seu posterior tratamento por separado onde se clasifican os materias que se poidan reciclar.

– Nave de reciclaxe: recibe a fracción inorgánica da recollida selectiva e clasifícanse os materiais que se poidan reciclar.

– Planta de xestión de refugos: recibe os refugos das dúas naves anteriores e séguense separando materiais que se poidan reciclar ata que o refugo triturado, se é necesario, compacte para a súa expedición.

– Nave de deshidratación, biodixestores e motores de coxeración: parte da fracción orgánica procedente da nave de tratamento recíbese na nave de deshidratación e mediante unha cinta condúcese a dúas bombas que bombean a materia orgánica aos dixestores, o biogás xerado quéimase nos motores de coxeración para a produción de enerxía eléctrica.

– Nave de compostaxe aerobia e afinación: a materia que se vai compostar proveniente das naves de pretratamento mecánico, de deshidratación e de reciclaxe, xunto ca materia sólida que se obtén tras a deshidratación dos lodos de compostaxe amoréase en oito moreas onde se ventila e se voltea de forma periódica co obxecto de xerar compost.

– Vertedoiro de refugos totalmente cheo e pendente de selaxe, formado por tres celas de vertedura.

– Planta de tratamento de lixiviados consistente nun tratamento biolóxico seguido dun sistema de separación en membrana (unidade de ultrafiltración).

Verteduras: as augas pluviais, as augas sanitarias e o efluente da planta de tratamento de lixiviados vértense á rede de saneamento municipal do concello da Coruña.