Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Luns, 15 de decembro de 2014 Páx. 51115

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 1 de decembro de 2014 pola que se fai público o acordo de cesión en propiedade, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, dun inmoble situado no concello de Boqueixón.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) adoptou o 20 de outubro de 2014 o acordo de cesión, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, dun inmoble situado no concello de Boqueixón a favor do Concello de Boqueixón.

De conformidade co artigo 86.1 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 3/1989, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, procede publicar o dito acordo.

Por todo isto,

RESOLVO:

Publicar o Acordo do 20 de outubro de 2014 da Presidencia da Agader, polo que se cede en propiedade, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, un inmoble situado no concello de Boqueixón, que se incorpora a esta resolución como documento anexo.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2014

Antonio Crespo Iglesias
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ANEXO
Acordo do 20 de outubro de 2014, da presidenta da Axencia Galega
de Desenvolvemento Rural (Agader), pola que se cede en propiedade
mediante adxudicación directa e a título gratuíto un inmoble situado
no concello de Boqueixón

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) é titular dun inmoble que constitúe masa común nos termos establecidos no artigo 31 da Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, de conformidade co artigo 5.2 en relación co artigo 5.1.a) da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, e en virtude da Resolución do 20 de novembro de 2012, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda, Xunta de Galicia, en relación coa recepción parcial dos bens e dereitos procedentes da liquidación da Sociedade Anónima Xestora Bantegal e a simultánea entrega, con igual carácter, á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

O concello de Boqueixón solicitou formalmente a cesión deste, mediante adxudicación directa e a título gratuíto.

O 28 de xullo de 2014 o director xeral da Agader acordou que se iniciase o procedemento para a transmisión en propiedade mediante adxudicación directa e a título gratuíto do inmoble.

O 28 de xullo de 2014 a Subdirección de Mobilidade de Terras da Agader informou favorablemente a transmisión en propiedade do inmoble.

O 23 de setembro de 2014 a Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda informou favorablemente a transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 14.2 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

O 1 de outubro de 2014 a Secretaría Xeral da Consellería do Medio Rural e do Mar autorizou / informou favorablemente a transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 14.1.a) da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

O 7 de outubro de 2014 a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma informou favorablemente a transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 11 do Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda.

O 10 de outubro de 2014 o Consello da Xunta de Galicia, autorizou a transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 17.3 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

O 11 de xullo de 2013 o Consello de Dirección da Agader delegou na persoa titular da Presidencia da Agader as competencias para o alleamento e cesión de bens inmobles e dereitos reais ao que fan referencia os artigos 74.2 e 83.2 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo fixo público a Resolución do 24 de xullo de 2013 (Diario Oficial de Galicia núm. 148, do 5 de agosto).

Tendo en conta o exposto, de acordo cos artigos 14 a 17 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras e 82 e seguintes da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e trala proposta do director xeral da Agader

DISPOÑO:

Primeiro. Acórdase a cesión, a título gratuíto, a favor do Concello de Boqueixón, da propiedade do ben inmoble, de carácter patrimonial, sito no concello de Boqueixón, que se describe a continuación:

Descrición: predio 156 do polígono 515 da zona de Concentración Parcelaria de Gastrar (Boqueixón-A Coruña), cunha extensión superficial de sesenta e nove áreas e vinte centiáreas. Limita norte con camiño, sur con Aurelio Millán Sexto (161), leste con camiño e oeste con Andrés Penas Castro (157).

Sobre este predio existe arboredo.

Referencia catastral: 15012B515001560000LQ.

Inscrición rexistral: inscrita no Rexistro da Propiedade de Santiago de Compostela, a nome da Comunidade Autónoma de Galicia, tomo 1504, libro 113, folio 60, nº rexistral finca 21815, inscrición 1. IDUFIR: 15022000936853.

Segundo. A cesión en propiedade queda sometida as seguintes cláusulas:

1. O inmoble destinarase a fins de interese social (actividades de poda de conservación para cursos de formación profesional).

2. A persoa cesionaria, con coñecemento da situación física e legal do ben, adquíreo, xunto coas obras, construcións e instalacións existentes neste que sexan da Agader, como corpo certo, ao seu risco e ventura, renunciando ao saneamento por evicción, por vicios ou defectos ocultos e por gravames ocultos que lle concede o Código civil. No caso de obras, construcións e instalacións das que a Agader manifesta ser a titular en aplicación do artigo 359 do Código civil, corresponderá a persoa cesionaria a procedente regularización xurídica no caso de reclamacións de terceiras persoas, para que inmoble, obras, construcións e instalacións sexan dun só titular, ben a persoa cesionaria, ben terceiras persoas no caso dunha cesión invertida. Non poderá transmitir en propiedade o ben a terceiras persoas. Debe remitir cada tres anos a persoa cedente a documentación que acredite o destino do ben.

3. De conformidade cos artigos 85 e 86 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, se o ben cedido non se aplica ao fin sinalado no prazo de dous anos desde o outorgamento do documento de cesión, ou deixa de estalo con posterioridade, se se descoida ou utiliza con grave quebrantamento ou se incumpren as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o ben revertera á entidade cedente.

Serán por conta da persoa cesionaria o detrimento ou a deterioración sufridos polo ben cedido, sen que sexan indemnizables os gastos nos que incorra para cumprir as cargas ou condicións impostas.

A resolución da cesión será declarada polo órgano competente para o seu outorgamento, e na resolución que declare a extinción da cesión determinarase, se é o caso, a indemnización polas deterioracións que sufrise o ben, logo da determinación da súa contía mediante taxación pericial.

Na resolución que declare a extinción da cesión a persoa cedente poderá optar por que o ben reverta, libre de cargas e gravames, sen dereito a indemnización á persoa cesionaria:

a) Repoñendo o ben ao estado anterior a calquera uso construtivo e/ou non construtivo.

b) Nas mesmas condicións de uso, construtivo e/ou non construtivo, nas que se entregou, repoñendo o ben ao estado anterior, coa cesión do construído ao predio.

c) Nas condicións de uso, construtivo e/ou non construtivo, nas que se atope no momento da extinción da cesión, coa cesión do construído ao predio.

d) De ser o caso, as obras, construcións e instalacións que revertan, que non fosen da titularidade da persoa cedente no momento da cesión, serán adquiridas gratuitamente pola persoa cedente.

4. A persoa cesionaria realizará, pola súa conta, a correspondente alta, baixa ou modificación no Catastro inmobiliario, as inscricións, as anotacións e as altas no rexistro da propiedade ou noutros rexistros que correspondan, aínda que as mesmas sexan facultativas e non obrigatorias, así como a declaración de obra nova, se for do caso, inscrita no rexistro da propiedade.

Todos os custos e impostos que se deriven da cesión serán de conta da persoa cesionaria, incluso o imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana (plusvalía), se o houber.

5. A persoa cesionaria declara coñecer a situación urbanística do inmoble que se cede, así como os deberes legais e as obrigas pendentes de cumprir en caso de levarse a cabo actuacións de transformación urbanística, renunciando, polo tanto, á facultade de rescindir o contrato e exixir as indemnizacións que procedan a que alude o artigo 19.3 do Real decreto lexislativo 2/2008, do 20 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo, por non ter feito constar a dita situación urbanística, deberes e obrigas, despois de requirirlle a súa expedición a persoa cedente.

Terceiro. A cesión formalizarase en documento administrativo subscrito polo órgano unipersoal de goberno da Agader, ou funcionario en quen delegue, debendo constar nel o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Cuarto. A Agader, a través da Subdirección de Mobilidade de Terras, realizará todos os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón no presente acordo.