Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Venres, 12 de decembro de 2014 Páx. 51007

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANUNCIO do 11 de novembro de 2014, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada para a planta de tratamento de residuos que Tratamientos Ecológicos del Noroeste (TEN) posúe na corta de Arinteiro, concello de Touro (A Coruña), clave do expediente 2014-IPPC-I-56.

Para os efectos previstos na Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE nº 157, do 2 de xullo), faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposta a seguinte documentación:

Proxecto básico de autorización ambiental integrada das instalacións de Tratamientos Ecológicos del Noroeste, situada en Touro (A Coruña). 3.9.2014.

Co fin de que calquera interesado poida consultala e, se for o caso, formular no dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes, os citados documentos estarán á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental-Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (r/ San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais, poderán consultalos na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (http://www.cmati.xunta.es/>>medio ambiente e sostibilidade>>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada>>proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2014

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO
Memoria resumo

Clave do expediente: 2014-IPPC-I-56.

Peticionaria: Tratamientos Ecológicos del Noroeste, S.L. (TEN).

Domicilio social: lugar da Mina, s/n, 15822 Touro (A Coruña).

Localización da instalación: (Datum ETRS89, fuso 29 X: 555.351, Y: 4.747.152).

Actividade: planta de tratamento de residuos non perigosos.

Descrición: a actividade principal da instalación é a valorización de residuos non perigosos mediante compostaxe para obter emendas orgánicas e tecnosolos destinados á rexeneración da antiga mina de Touro.

Desde finais de 2013 a empresa conta con autorización para a valorización de residuos non perigosos de orixe doméstica e industrial que, mediante tratamento mecánico de pretrituración, selección e clasificación manual, combinado cun sistema de hixienización baseado na aplicación de calor e temperatura (en reactor autoclave), consegue clasificar as partes recuperables dos residuos de entrada para a súa expedición aos valorizadores finais.

O proceso de produción lévase a cabo en tres liñas de traballo ou actividades:

– Valorización de residuos para a elaboración de emendas orgánicas (composta).

– Valorización de residuos para a elaboración de tecnosolos.

– Valorización de residuos non perigosos de orixe doméstica e industrial.

Verteduras: a planta de TEN conta con dúas balsas de lixiviados onde se almacenan as augas residuais industriais e de escorremento e unha rede principal de recolla e condución de lixiviados ás balsas. As augas, unha vez depuradas, son reutilizadas para o lavado de camións, e as que non cumpren os requisitos para augas de limpeza son empregadas para humectar os residuos que se van compostar, sen existir vertedura ao dominio público.