Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Venres, 12 de decembro de 2014 Páx. 50981

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 153/2014, do 27 de novembro, polo que se aproba o cambio de titularidade do treito antigo da PO-400 (Salvaterra-Filgueira) que conecta coa PO-400 no punto quilométrico 37+020 ME e no punto quilométrico 37+630 ME, cunha lonxitude de 766 metros, a prol do Concello de Crecente.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Crecente solicita á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o cambio de titularidade dun treito antigo da PO-400 Salvaterra-Filgueira desde o p.q. 37+000 ao 37+700, co obxecto de destinar os ditos bens públicos a fins de interese social.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito antigo da PO-400 Salvaterra-Filgueira que conecta coa PO-400 no seu p.q. 37+020 ME e no seu p.q. 37+630 ME cunha lonxitude de 766 metros.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e sete de novembro de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de Crecente do treito antigo da PO-400 Salvaterra-Filgueira que conecta coa PO-400 no seu p.q. 37+020 ME e no seu p.q. 37+630 ME cunha lonxitude de 766 metros.

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Crecente deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Así mesmo, deberá levar a cabo as actuacións necesarias ante os organismos oficias correspondentes para regularizar a titularidade do terreo adxacente obxecto de cesión.

Artigo 3

A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderán ao Concello de Crecente, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación dos terreos sobrantes, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puider corresponderlle como nova Administración titular dos terreos.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de novembro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas