Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Luns, 1 de decembro de 2014 Páx. 49029

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 6 de novembro de 2014 de cesamento dun membro do Comité Autonómico de Ética da Investigación de Galicia e nomeamento do seu substituto.

A Secretaría do Comité Ético de Investigación Clínica de Galicia enviou o 4 de novembro de 2014 un escrito á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade no cal comunica o cesamento por petición propia dun membro dese comité, Marta Gil Pérez.

Antecedentes.

O Decreto 63/2013, do 11 de abril, regula os comités de ética de investigación clínica de Galicia. No relativo á súa composición, o artigo 5.4 sinala que os membros deste comité serán designados/as e nomeados/as pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, garantindo en todo caso a representación equilibrada entre homes e mulleres.

En aplicación do que dispón este artigo, mediante a Resolución do 17 de setembro de 2013, que se publicou no DOG núm. 181, do 23 de setembro, concedeuse a acreditación do Comité Autonómico de Ética de Investigación de Galicia, estableceuse a súa sede e nomeáronse como membros as persoas que se relacionaban no seu anexo. Entre elas figuraba Marta Gil Pérez, licenciada en dereito, procedente do Departamento Territorial de Sanidade da Coruña.

Consideracións legais e técnicas.

O número 7 do artigo 5 do citado Decreto 63/2013, do 11 de abril, dispón que o nomeamento se efectuará por un período coincidente co de vixencia da acreditación do Comité, aínda que poderá ser revogado ben por solicitude de baixa da persoa interesada, ben por se teren modificado as circunstancias que motivaron a súa designación de modo que supoña a perda dos requisitos para integrar o Comité, ou ben por incumprimento notorio das súas funcións, a criterio do Comité, e logo de audiencia do/a interesado/a.

Logo de ver o que se expuxo, e de acordo coa proposta que efectuou a Secretaría Xeral Técnica desta consellería,

RESOLVO:

Revogar o nomeamento de Marta Gil Pérez, por petición propia, como membro do Comité Autonómico de Ética de Investigación de Galicia.

Así mesmo, nomear a Pablo Nimo Ríos, licenciado en dereito, procedente da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, coa finalidade de manter os requisitos para a acreditación dese comité.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2014

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade