Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Xoves, 27 de novembro de 2014 Páx. 48798

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 20 de novembro de 2014, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo extraordinario de consolidación para o ingreso no corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala de enxeñeiros/as técnicos/as industriais, convocado pola Orde do 20 de xuño de 2013 (Diario Oficial de Galicia número 122, do 28 de xuño), pola que se fai pública a data, a hora e o lugar de realización do terceiro exercicio do proceso selectivo.

Na sesión que tivo lugar o día 5 de novembro de 2014, o tribunal nomeado pola Orde do 7 de abril de 2014 (DOG núm. 78, do 24 de abril), modificada pola Orde do 19 de maio de 2014 (DOG núm. 101, do 28 de maio), para cualificar o proceso selectivo extraordinario de consolidación para o ingreso no corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala de enxeñeiros/as técnicos/as industriais; acordou, de conformidade co disposto na base II.1.1.3 da convocatoria, que o terceiro exercicio da fase de oposición terá lugar o día 2 de decembro de 2014 e que o lugar de realización será na aula 2 da Escola Galega de Administración Pública de Santiago de Compostela, en chamamento único que se iniciará ás 16.30 horas.

Os aspirantes deberán ir provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal, e bolígrafo de tinta azul. No caso de permitir o tribunal o uso de calculadoras, serán provistas por este; queda prohibido aos aspirantes o uso de calculadoras distintas ás que se faciliten.

Consonte a base II.1.1.3 da convocatoria, para o desenvolvemento deste exercicio os aspirantes poderán servirse de textos legais sen comentarios; admítense as súas versións consolidadas, aquelas en que figuran notas de vixencia e/ou referencias cruzadas a outras normas e os subliñados simples, sempre que non inclúan ningunha outra información, comentario doutrinal ou referencia xurisprudencial. Está expresamente prohibida a utilización de libros de consulta, temarios, informes, resolucións ou ditames de calquera tipo.

Durante o desenvolvemento do exercicio, os membros do tribunal poderán examinar o material que está a utilizar cada aspirante e comprobar que se axusta ao establecido nos parágrafos anteriores. O uso de textos normativos distintos dos permitidos determinará a expulsión do aspirante.

Non se permitirá o acceso ás aulas en que se realice o exercicio con teléfonos móbiles, axendas electrónicas, reloxos intelixentes ou calquera outro instrumento do que se poida valer o aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará ningún servizo de recollida de móbiles.

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2014

Xan Mera Cabanelas
Presidente do tribunal