Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Venres, 14 de novembro de 2014 Páx. 47483

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

ANUNCIO do 20 de outubro de 2014, da Xestión Integrada de Ferrol, polo que se procede a dar publicidade á Resolución do 13 de outubro de 2014 pola que se convoca procedemento de mobilidade interna voluntaria do persoal fixo da categoría de enfermeiro/a e técnico/a especialista de laboratorio e de radiodiagnóstico.

Conforme os criterios reitores das bases de mobilidade interna voluntaria do persoal estatutario fixo, correspondentes ás categorías de persoal sanitario diplomado e de formación profesional e de persoal de xestión e servizos das institucións sanitarias de atención especializada do Servizo Galego de Saúde, aprobadas pola Mesa Sectorial o 23 de decembro de 2009, a Xerencia de Xestión Integrada de Ferrol, tras un proceso de negociación coa representación legal dos traballadores deste centro sanitario, e con base nas competencias atribuídas polo Decreto 43/2013, do 21 de febreiro (DOG núm. 47, do 7 de marzo), polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde; polo Decreto 168/2010, do 7 de outubro, polo que se regula a estrutura orgánica de xestión integrada do Servizo Galego de Saúde, e a Orde do 5 de xullo de 2012 (DOG núm. 139, do 20 de xullo), sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde, o xerente de Xestión Integrada de Ferrol,

RESOLVE:

Primeiro. Anunciar a convocatoria de prazas de mobilidade interna voluntaria do persoal fixo da categoría de enfermeiro/a e técnico/a especialista de laboratorio e de radiodiagnóstico, así como as bases que rexerán a convocatoria.

A formalización das solicitudes de participación, así como o rexistro dos méritos para a súa posterior valoración, efectuarana as persoas concursantes a través do currículo do profesional habilitado (Fides expedient-e), ao cal se accederá na forma que se indica no anexo III da convocatoria.

Segundo. Ordenar a súa publicación nos taboleiros de anuncios da Dirección de Recursos Humanos da Xerencia de Xestión Integrada de Ferrol, na súa intranet e no Punto de Atención ao Traballador/a.

Contra esta resolución poderá interporse recurso de alzada ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación nos termos do artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Ferrol, 20 de outubro de 2014

Ángel José Facio Villanueva
Xerente de Xestión Integrada de Ferrol