Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Venres, 7 de novembro de 2014 Páx. 46771

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

ORDE do 16 de outubro de 2014 pola que se resolve a convocatoria de provisión, polo sistema de libre designación, de dous postos no Instituto Galego de Estatística, anunciados pola Orde do 5 de setembro de 2014.

Por Orde do 5 de setembro de 2014, publicada no Diario Oficial de Galicia número 185, do 29 de setembro, convocáronse para a provisión, polo sistema de libre designación, dous postos de traballo vacantes no Instituto Galego de Estatística, órgano dependente da Consellería de Facenda.

De conformidade co establecido nos artigos 17.4 e 29.2 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, e no Decreto 93/1991, do 20 de marzo, que aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, así como na orde de convocatoria, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro. Resolver as convocatorias públicas efectuadas por orde desta consellería do 5 de setembro de 2014 e designar os funcionarios, cuxos datos se sinalan no anexo, para ocuparen os postos que se especifican.

Segundo. O cesamento no actual destino efectuarase, segundo o previsto no artigo 14 do Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, aprobado polo Decreto 93/1991, do 20 de marzo, no prazo de tres días contados a partir do seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.

O prazo para tomar posesión do novo destino é de tres días se non implica cambio de residencia, ou de sete días se comporta cambio de residencia. O cómputo dos prazos de toma de posesión iniciarase cando rematen os permisos ou licenzas que, de ser o caso, se concedesen ás persoas seleccionadas; no caso de incapacidade temporal, a partir da data da alta.

Terceiro. A xefatura de persoal do centro onde causen baixa os funcionarios, así como a daquel en que acadan o destino, efectuarán, dentro dos prazos sinalados no punto anterior, as dilixencias de cesamento e de toma de posesión e, ao seguir, realizaranse os trámites para a súa alta en nómina.

Das dilixencias efectuadas remitirase copia á Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou, directamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, conforme os artigos 8 e 14 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2014

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda

ANEXO

Datos do funcionario.

Nome e apelidos: Francisco Javier Barriuso Noya.

Número de rexistro de persoal: 3282987146 A2083.

Corpo ou escala: corpo superior de administración da Xunta de Galicia, escala superior de estatísticos.

Subgrupo: A1.

Datos do posto de traballo:

Xefe do Servizo de Estatísticas Sociais.

Código: FC.A01.00.003.15770.010.

Nivel: 28.

Dependencia: Instituto Galego de Estatística.

Localidade: Santiago de Compostela.

Datos do funcionario.

Nome e apelidos: Juan Manuel Gómez Duaso.

Número de rexistro de persoal: 3274818846 A205G.

Corpo ou escala: corpo superior de administración da Xunta de Galicia, escala de sistemas de tecnoloxía da información.

Subgrupo: A1.

Datos do posto de traballo:

Xefe do Servizo de Informática

Código: FC.A01.00.001.15770.040.

Nivel: 28.

Dependencia: Instituto Galego de Estatística.

Localidade: Santiago de Compostela.