Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Xoves, 6 de novembro de 2014 Páx. 46593

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 24 de outubro de 2014 pola que se autoriza a implantación de ensinanzas universitarias oficiais de grao, máster universitario e programas de doutoramento nas universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, para o curso 2014/15.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece que a implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, serán acordadas pola Comunidade Autónoma, logo de solicitude de implantación polas universidades, segundo o disposto na lexislación vixente.

Polo Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, modificado polo Real decreto 861/2010, do 2 de xullo, establécese a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais, dispoñendo no seu capítulo VI o procedemento de verificación e acreditación dos títulos. Os plans de estudos serán verificados mediante resolución do Consello de Universidades e autorizados pola Comunidade Autónoma. Mediante acordo do Consello de Ministros establecerase o carácter oficial dos títulos e procederase á súa inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT). O Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento, deu unha nova regulación a estas ensinanzas iniciándose unha nova etapa de reorganización xeral dos estudos de posgrao diferenciando o máster universitario do programa de doutoramento.

No ámbito autonómico esta materia está regulada pola Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia e a Orde do 20 de marzo de 2012 que desenvolve o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

No Decreto 222/2011, do 2 de decembro, establécese que o procedemento para obter a autorización de implantación das ensinanzas universitarias oficiais no ámbito territorial propio da comunidade autónoma farase por orde da consellería competente en materia de universidades e publicarase no Diario Oficial de Galicia. Previamente terá que ser informado polo Consello Galego de Universidades, de acordo co previsto no artigo 56 da citada Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia.

Logo de ser autorizadas a implantar os estudos, as universidades quedarán obrigadas a adoitar as garantías precisas para que non se demore a súa impartición máis alá dun curso académico. Por razóns excepcionais, debidamente xustificadas, o departamento competente en materia de universidades poderá autorizar a non impartición da titulación noutro curso académico. A non impartición da titulación máis alá de dous cursos académicos consecutivos levará consigo o inicio do procedemento de supresión que determinará a revogación da autorización da súa implantación.

O Pleno do Consello Galego de Universidades na sesión do 26 de maio de 2014, no exercicio das súas competencias, acordou emitir informe favorable sobre a implantación dos títulos universitarios oficiais solicitados polas universidades do Sistema universitario de Galicia.

Logo de acreditar que os plans de estudos contan coa resolución de verificación positiva emitida polo Consello de Universidades, as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo solicitaron da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, autorización para implantar no curso 2014/15 as titulacións que se recollen a seguir.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

Conceder autorización á Universidade da Coruña para implantar, no curso 2014/15, as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Máster universitario en Psicopedagoxía, autorizado pola presente orde.

2. Máster universitario conxunto en Investigación Química e Química Industrial, coordinado pola USC e coa participación da UDC e UVIGO. Esta autorización inicia o proceso de extinción do máster universitario en Química Avanzada autorizado para a USC polo Decreto 51/2006, do 23 de marzo (DOG do 28 de marzo) e para UVIGO polo Decreto 13/2007, do 1 de febreiro (DOG do 8 de febreiro), e que figura inscrito no RUCT co código 4310455.

3. Máster universitario en Dirección, Xestión e Innovación de Institucións Escolares e Socioeducativas. Esta autorización inicia o proceso de extinción do máster universitario en Innovación, Orientación e Avaliación Educativa, autorizado polo Decreto 434/2009, do 3 de decembro (DOG do 15 de decembro), e que figura inscrito no RUCT co código 4311076.

4. Programa de doutoramento conxunto en Desenvolvemento Psicolóxico, Aprendizaxe e Saúde coordinado pola USC e coa participación da UDC, autorizado pola presente orde.

Artigo 2

Conceder autorización á Universidade de Santiago de Compostela para implantar, no curso 2014/15, as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria. Esta autorización inicia o proceso de extinción dos seguintes títulos: grao en Enxeñaría Agrícola e do Medio Rural que figura inscrito no RUCT co código 2502231 e grao en Enxeñaría das Industrias Agroalimentarias que figura inscrito no RUCT co código 2502233, ambos os dous autorizados polo Decreto 150/2010, do 16 de setembro (DOG do 23 de setembro).

2. Máster universitario conxunto en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade, coordinado pola USC e coa participación da UVIGO. Esta autorización inicia o proceso de extinción do máster universitario en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade autorizado para a USC pola Orde do 5 de decembro de 2013 (DOG do 20 de decembro), e que figura inscrito no RUCT co código 4314438.

3. Máster universitario en Biotecnoloxía. Esta autorización inicia o proceso de extinción do máster universitario en Biotecnoloxía autorizado polo Decreto 150/2010, do 16 de setembro (DOG do 23 de setembro) e que figura inscrito no RUCT co código 4310851.

4. Máster universitario en Física. Esta autorización inicia o proceso de extinción do máster universitario en Física Nuclear e de Partículas e as súas Aplicacións Tecnolóxicas e Médicas autorizado polo Decreto 434/2009, do 3 de decembro (DOG do 15 de decembro), e que figura inscrito no RUCT co código 4311764.

5. Máster universitario conxunto en Investigación Química e Química Industrial, coordinado pola USC e coa participación da UDC e UVIGO. Esta autorización inicia o proceso de extinción do máster universitario en Química Avanzada autorizado para a USC polo Decreto 51/2006, do 23 de marzo (DOG do 28 de marzo) e para UVIGO polo Decreto 13/2007, do 1 de febreiro (DOG do 8 de febreiro), e que figura inscrito no RUCT co código 4310455.

6. Programa de doutoramento conxunto en Desenvolvemento Psicolóxico, Aprendizaxe e Saúde coordinado pola USC e coa participación da UDC, autorizado pola presente orde.

Artigo 3

Conceder autorización á Universidade de Vigo para implantar, no curso 2014/15, as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios. Esta autorización inicia o proceso de extinción do grao en Estudos de Galego e Español autorizado polo Decreto 385/2009, do 27 de agosto (DOG do 16 de setembro), e que figura inscrito no RUCT co código 2500887.

2. Máster universitario conxunto en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade, coordinado pola USC e coa participación da UVIGO. Esta autorización inicia o proceso de extinción do máster universitario en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade autorizado para a USC pola Orde do 5 de decembro de 2013 (DOG do 20 de decembro), e que figura inscrito no RUCT co código 4314438.

3. Máster universitario en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Ambiental. Esta autorización inicia o proceso de extinción do máster universitario en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria autorizado polo Decreto 51/2006, do 23 de marzo (DOG do 28 de marzo), e que figura inscrito no RUCT co código 4313697.

4. Máster universitario conxunto en Investigación Química e Química Industrial, coordinado pola USC e coa participación da UDC e UVIGO. Esta autorización inicia o proceso de extinción do máster universitario en Química Avanzada autorizado para a USC polo Decreto 51/2006, do 23 de marzo (DOG do 28 de marzo) e para UVIGO polo Decreto 13/2007, do 1 de febreiro (DOG do 8 de febreiro), e que figura inscrito no RUCT co código 4310455.

5. Máster universitario en Valoración, Xestión e Protección do Patrimonio Cultural. Esta autorización inicia o proceso de extinción dos seguintes títulos: máster universitario en Historia, Territorio e Recursos Patrimoniais, que figura inscrito no RUCT co código 431059 e máster universitario en Tecnoloxías para a Protección do Patrimonio Cultural Inmoble, que figura inscrito no RUCT co código 4311045, ámbos os dous autorizados polo Decreto 434/2009, do 3 de decembro (DOG do 15 de decembro).

Artigo 4

As universidades adoptarán as medidas necesarias para garantir os dereitos académicos dos estudantes que se encontren cursando os estudos que inician o proceso de extinción, de acordo co establecido no artigo 16.2 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria