Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Martes, 4 de novembro de 2014 Páx. 46267

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 27 de outubro de 2014 pola que se convoca un curso sobre operativa táctica policial: procedementos con detidos en vehículos oficiais.

Dentro das actividades programadas para o ano 2014, en virtude do convenio de formación asinado entre a Academia Galega de Seguridade Pública e a Deputación Provincial de Ourense, anúnciase a convocatoria dun curso sobre operativa táctica policial: procedementos con detidos en vehículos oficiais:

1. Datos da actividade.

Denominación: Operativa táctica policial: procedementos con detidos en vehículos oficiais.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 20.

Modalidade: semipresencial.

Obxectivos:

* Mellorar a capacitación policial no desenvolvemento das súas funcións profesionais e previr dos riscos laborais no desempeño do labor policial.

* Dotar os policías locais das técnicas adecuadas para alcanzar un óptimo nivel preventivo e defensivo, encadrado no inestimable apoio do dereito, a psicoloxía e a medicina legal dentro do marco constitucional.

* Dominio instintivo destas técnicas aplicando a razón por enriba da forza.

Contido:

1. Principios básicos sobre o emprego da forza e das armas de fogo.

2. Técnicas de extracción de individuos en vehículos con luxacións.

3. Técnicas de extracción de individuos en vehículos con grillóns.

4. Técnicas de extracción de individuos en vehículos con bastón policial.

5. Técnicas para desmontar a un individuo dun ciclomotor ou motocicleta.

6. Técnicas para repeler unha agresión no interior dun patrulleiro.

7. Técnicas para introducir un individuo no patrulleiro.

8. Puntos anatómicos vitais vs puntos de dor e control.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as: persoal ao servizo da Administración local pertencente aos corpos de Policía local e, de xeito complementario, membros das forzas e corpos de seguridade do Estado.

Prazas ofertadas: 30 prazas.

Reservarase o 50 % das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

Publicación: esta actividade formativa, e tamén todas aquelas que se desenvolvan en colaboración coa Deputación Provincial de Ourense, será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP de Ourense.

3. Solicitudes de participación.

Prazo de inscrición e presentación: o prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 10 de novembro de 2014.

As solicitudes de participación e documentación complemetaria que se exixa deberán remitirse por escrito ao Negociado de Formación da Deputación Provincial:

– Por correo electrónico: formacion@depourense.es

– Por correo: Deputación Provincial de Ourense-Negociado de Formación, rúa do Progreso 30-2º, 32003 Ourense.

– Ou presentando a documentación no Rexistro Xeral da Deputación Provincial de Ourense.

Listaxe de solicitudes seleccionadas:

A lista de persoas seleccionadas en cada curso exporase oficialmente no taboleiro de anuncios do Negociado de Formación da Deputación Provincial de Ourense, unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes e, ao mesmo tempo, os/as peticionarios/as poderán obter información sobre a súa admisión chamando ao teléfono 988 38 51 42 ou consultando na páxina web: www.depourense.es

Criterios de selección:

a) Menor número de cursos realizados polo/a alumno/a solicitante nos últimos cinco anos, segundo consten nas bases de datos da academia, e non ter feito con anterioridade o curso que se convoca.

b) A igual número de cursos terá preferencia o alumnado que leve máis tempo sen participar nas actividades da academia.

c) Antigüidade.

Obrigas das persoas seleccionadas:

As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de antelación ao comezo desta.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as cales reúnan os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, en relación co artigo 46 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro).

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: as clases presenciais impartiranse nas aulas de formación da Deputación Provincial de Ourense.

Horario das clases presenciais: das 16.00 ás 20.00 horas.

Datas das clases presenciais: 13, 24 e 25 de novembro.

Data de comezo do curso: 13 de novembro de 2014.

Data de remate do curso: 25 de novembro de 2014.

Certificado de asistencia: ao remate da actividade entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada na mesma.

5. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade, ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

6. Modificacións e incidencias.

Tanto a Academia Galega de Seguridade Pública como a Deputación Provincial de Ourense poderán modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 27 de outubro de 2014

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública