Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Martes, 4 de novembro de 2014 Páx. 46272

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 24 de outubro de 2014 pola que se convoca un curso monográfico sobre transparencia, goberno aberto e Administración pública.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2014 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase, en colaboración co Valedor do Pobo, un curso monográfico sobre transparencia, goberno aberto e Administración pública, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

O principal obxectivo deste curso é o estudo e análise da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno e a súa implementación nas administracións públicas.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

– Quen debe controlar a transparencia?

– O acceso a documentos administrativos nas administracións públicas galegas.

– A publicidade activa na actividade da Administración pública.

– Presente e futuro da transparencia: fortalezas e debilidades da regulación actual.

– Para que serve a transparencia? Desmontando o mito.

– Parlamento galego e transparencia.

– A transparencia no nivel comunitario.

– A simplificación das institucións políticas e administrativas.

3. Destinatarios.

Persoal ao servizo das administracións públicas e dos entes institucionais da Comunidade Autónoma, xuristas, universitarios e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP).

Datas: 13 e 14 de novembro de 2014.

Horario:

Día 13 de novembro, das 10.00 ás 14.30 horas e das 16.30 ás 19.30 horas.

Día 14 de novembro, das 9.30 ás 14.30 horas.

Duración: 12 horas lectivas.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP: https://egap.xunta.es/matricula/

O prazo para inscribirse estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 11 de novembro de 2014.

Poderá obterse calquera outra información, das 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41 e 981 54 62 39.

7. Certificado de asistencia.

Ao final do curso entregarase un certificado de asistencia a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia sexa igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data, o lugar de realización e o selo oficial da institución.

8. Modificacións e incidencias.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o número de solicitudes non xustifica a súa realización.

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2014

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública