Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Mércores, 8 de outubro de 2014 Páx. 43651

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANUNCIO do 15 de setembro de 2014, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, polo que se somete a información pública a solicitude de modificación substancial da autorización ambiental integrada por incorporación dun novo dixestor na planta de transformación de subprodutos que Conejos Gallegos, Sociedad Cooperativa Gallega posúe no complexo industrial de Álceme, concello de Rodeiro (clave do expediente 2014-IPPC-M-80).

Para os efectos previstos na Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 157, do 2 de xullo), faise público que por espazo de vinte (20) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposta a seguinte documentación:

«Proxecto básico para tramitación de modificación substancial. Proxecto básico para a tramitación da modificación substancial pola incorporación dun novo dixestor na planta de transformación de subprodutos de Conejos Gallegos, Sociedad Cooperativa Gallega (COGAL), no seu complexo industrial de Álceme, en Rodeiro (Pontevedra)».

Co fin de que calquera interesado poida consultala e, se for o caso, formular no dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que ache convenientes, os citados documentos estarán á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

– Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental-Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (rúa San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais, poderán consultalos na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (http://www.cmati.xunta.es/>>medio ambiente e sostibilidade>>
prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada>>proxectos en
información pública).

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2014

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO
Memoria resumo

Nº de rexistro AAI: 2007/0230_NAA/IPPC_220.

Clave do expediente de modificación substancial: 2014-IPPC-M-80.

Peticionaria: Conejos Gallegos, Sociedad Cooperativa Gallega (COGAL).

Domicilio social: Álceme, s/n, 36530 Rodeiro (Pontevedra).

Localización das instalacións: lugar de Álceme, s/n, 36530 Rodeiro (Pontevedra). Un punto de localización das instalacións é o definido polas coordenadas UTM (ETRS89): X: 584.587, Y: 4.721.854.

Actividade: sacrificio de coellos e patos con sala de despezamento e envase e planta de transformación de subprodutos.

Descrición da modificación: a planta de transformación de subprodutos de categoría 3 obxecto da modificación substancial englóbase dentro do complexo industrial que COGAL ten no lugar de Álceme e para o cal se dispón de autorización ambiental integrada conforme a Lei 16/2002, de prevención e control integrados da contaminación. Preténdese colocar un novo dixestor na planta de transformación de subprodutos de categoría 3, co obxecto de garantir a capacidade de produción e evitar que posibles avarías no único dixestor existente na instalación poidan comprometer o funcionamento habitual da industria. O novo dixestor que se instalará terá a mesma capacidade que o dixestor actual, é dicir, 30-35 toneladas/día, a pesar do cal non se modificará a capacidade produtiva da instalación, xa que as partes previas e posteriores ao proceso de dixestión permanecerán coa mesma capacidade actual, determinada pola cantidade de subprodutos que se tratarán que, pola súa vez, vén determinada polo funcionamento dos matadoiros do complexo industrial.

A colocación do novo dixestor non implicará unha ampliación das estruturas, levantamento de novos edificios ou realización de obra civil e non levará asociado un aumento ou variación nas verteduras de augas residuais.