Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Xoves, 2 de outubro de 2014 Páx. 43037

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 11 de setembro de 2014 pola que se convoca o Curso práctico: eficiencia enerxética en infraestruturas municipais.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2014 e de acordo coas función atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase, en colaboración co Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, e segundo o convenio asinado entre ambos os organismos o día 3 de xaneiro de 2014, o Curso práctico: eficiencia enerxética en infraestruturas municipais, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Dentro do campo de traballo dos técnicos está o cálculo da eficiencia enerxética e a formulación de propostas para a súa mellora, incluída unha análise económica sobre estas e unha programación dos traballos que se deben desenvolver para lograla.

No caso das entidades públicas como concellos, o consumo enerxético non procede só dos edificios, senón que unha parte moi importante vén da iluminación, os equipamentos de tratamento e depuración das augas, e doutro tipo de instalacións de titularidade municipal. A necesidade de reducir os gastos en organismos públicos fai que sexan necesarios profesionais capaces de avaliar o consumo enerxético dos equipamentos e instalacións e ofrecer solucións para logralo dun xeito máis económico e eficaz. Por outro lado, os técnicos municipais deben ter os coñecementos suficientes para preparar os pregos de condicións para a licitación de contratos de auditoría enerxética das instalación dos seus concellos.

Tendo en conta esta necesidade, o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, a través deste curso, quere dar aos técnicos as ferramentas que lles permitan realizar estes traballos e ofrecer unha solución que supoña un aforro a entidades como os concellos. Tamén os técnicos municipais deben saber como mellorar a eficiencia das instalacións das que son responsables.

2. Contidos.

1. Auditoría enerxética das instalacións e infraestruturas municipais.

1.1. Cuestións previas.

1.2. Lexislación.

1.3. Identificación das instalacións e infraestruturas municipais.

1.3.1. Edificios administrativos.

1.3.2. Edificios educativos e culturais.

1.3.3. Edificios sanitarios.

1.3.4. Instalacións deportivas.

1.3.5. Instalacións viarias.

1.3.6. Instalacións de augas.

1.3.7. Outras instalacións.

1.4. Auditoría enerxética.

1.4.1. Toma de datos.

1.4.2. Medios materiais para as auditorías enerxéticas.

1.4.3. Informe de auditoría enerxética.

2. Propostas técnicas para a mellora da eficiencia enerxética en instalacións e infraestruturas municipais.

2.1. Fundamentos técnicos.

2.1.1. Revisión de temas termodinámicos.

2.1.2. Revisión de temas eléctricos.

2.1.3. Iluminación.

2.2. Materiais e equipamentos.

2.2.1. Envolventes de edificios.

2.2.2. Máquinas térmicas.

2.2.3. Equipamentos de iluminación.

2.3. Modelo de prego de condicións para contratos de auditorías enerxéticas.

3. Análise económica para a implantación de medidas de mellora de eficiencia enerxética en infraestruturas e instalacións municipais.

3.1. Análise do investimento.

3.2. Aforros previstos.

3.3. Ratios de rendibilidade.

3. Destinatarios.

– Enxeñeiros, enxeñeiros técnicos, arquitectos ou arquitectos técnicos que desexen coñecer as ferramentas para realizar auditorías enerxéticas das instalacións e equipamentos municipais, así como para analizalos e propoñer melloras na súa eficiencia.

– Técnicos da Administración que teñan dentro das súas responsabilidades o control e o mantemento das instalacións e equipamentos públicos.

– Estudantes de enxeñaría e arquitectura.

4. Desenvolvemento.

A parte presencial do curso desenvolverase na aula 5 das instalacións da Escola Galega de Administración Pública, en Santiago de Compostela, o día 28 de outubro de 2014, das 9.30 ás 14.00 horas e das 16.00 ás 20.30 horas.

A parte en liña desenvolverase a través da plataforma de formación da Aula de Formación Continua da Enxeñaría Civil de Galicia (http://formacion.ciccpgalicia.es). Os alumnos matriculados poderán acceder á plataforma desde o 7 de outubro de 2014 ata o 31 de decembro de 2014.

Duración: este curso técnico terá unha duración de 80 horas lectivas, das cales oito serán presenciais.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

6. Solicitudes e pago.

A inscrición e o pagamento da matrícula deberán formalizarse a través do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia (http://www.ciccpgalicia.es).

7. Prazo de inscrición.

O prazo de inscrición finalizará o xoves 23 de outubro de 2014 ás 14.00 horas.

8. Certificado de aproveitamento.

Será entregado un certificado de aproveitamento a aquelas persoas inscritas que superen os cuestionarios e tarefas formulados na plataforma de formación e sempre que a súa asistencia á xornada presencial sexa igual ou superior ao 90 % das horas programadas. Neste documento aparecerán de forma expresa o contido, a data e o lugar de realización deste curso.

9. Modificacións e incidencias.

A Escola Galega de Administración Pública e o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia reservan para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso técnico, así como a facultade de cancelalo, se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización.

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2014

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública