Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Xoves, 25 de setembro de 2014 Páx. 42136

I. Disposicións xerais

Consellería de Economía e Industria

DECRETO 116/2014, do 11 de setembro, polo que se modifica o Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria.

En virtude do Decreto 110/2013, do 4 de xullo, establécese a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 140, do 24 de xullo). O dito decreto foi modificado en virtude do Decreto 134/2013, do 1 de agosto, polo que se procede á reorganización das entidades instrumentais adscritas á Consellería de Economía e Industria con competencias en materia de innovación e se modifica a estrutura orgánica da dita consellería (DOG núm. 155, do 14 de agosto) e polo Decreto 15/2014, do 6 de febreiro, polo que se modifican os estatutos da Axencia Galega de Innovación e a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

Durante o tempo transcorrido púxose de manifesto a necesidade de introducir algunhas modificacións co obxecto de concretar e redistribuír as funcións en materia de enerxía no ámbito da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, mellorar as de coordinación cos demais órganos da Consellería e coas súas xefaturas territoriais e reforzar a Subdirección Xeral de Enerxía tras a profunda modificación da normativa reguladora do sector eléctrico para proceder á revisión, actualización e simplificación de todos os procedementos de autorización de instalacións de transporte, distribución e xeración eléctrica derivados da nova normativa que se aprobou nos últimos meses. Así mesmo, establécese o desenvolvemento normativo unificado na Subdirección Xeral de Enerxía de todo o relativo a instalacións enerxéticas (electricidade, GNL, GLP e produtos petrolíferos) de maneira que sexa o interlocutor único cos diferentes axentes que participan na implantación das infraestruturas e instalacións enerxéticas. Ata o de agora os instaladores eléctricos de baixa e alta tensión tiñan como interlocutor á Subdirección de Administración Industrial.

En consecuencia, baixo os principios de austeridade, eficacia e eficiencia no deseño e funcionamento da Administración pública, procede agora aprobar a modificación da estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, tendo en conta o disposto no capítulo II do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

De conformidade co exposto, por proposta do conselleiro de Economía e Industria, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.4 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, co informe previo da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Consellería de Facenda, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día once de setembro de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria

O Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, queda modificado como segue:

Un. Modifícase a sección 3ª do capítulo III, do título II, que queda redactada como segue:

«Sección 3ª. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas

Artigo 19. Atribucións

Á Dirección Xeral de Enerxía e Minas correspóndelle a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da Consellería en materias de enerxía, minas, administración e seguridade industrial, solo industrial, metroloxía e metais preciosos.

A dirección do Instituto Enerxético de Galicia será exercida, por razón do cargo, pola persoa titular da Dirección Xeral de Enerxía e Minas

Artigo 20. Estrutura

A Dirección Xeral de Enerxía e Minas estrutúrase, para o exercicio das súas funcións, nas seguintes unidades:

1) Subdirección Xeral de Enerxía.

a) Servizo de Ordenación Enerxética.

b) Servizo de Infraestruturas Enerxéticas.

c) Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética.

2) Subdirección Xeral de Recursos Minerais.

a) Servizo de Xestión Mineira.

3) Subdirección Xeral de Administración Industrial.

a) Servizo de Administración Industrial.

b) Servizo de Metroloxía e Laboratorios Oficiais.

Artigo 21. Subdirección Xeral de Enerxía

1. A Subdirección Xeral de Enerxía exercerá as funcións relacionadas coa planificación, ordenación, fomento e inspección do relativo á enerxía, ás instalacións de gas, eléctricas, petrolíferas, térmicas, das infraestruturas enerxéticas, ás enerxías renovables e á eficiencia enerxética. Así mesmo, exercerá a coordinación dos servizos territoriais nas materias do seu ámbito competencial e funcional. En xeral, correspóndenlle cantos asuntos lle sexan encomendados en razón do seu ámbito competencial e funcional pola Dirección Xeral.

2. En concreto, terá atribuídas as seguintes funcións:

A. En materia de planificación e ordenación:

a) A proposta da normativa relativa ao réxime enerxético, á produción, transporte, distribución e comercialización de electricidade e gas natural, ás enerxías renovables e ao aforro e eficiencia enerxética.

b) A proposta do réxime de dereitos de acometida eléctrica e das actuacións necesarias para atender os requirimentos de subministración dos usuarios.

c) A emisión de instrucións para a ampliación, mellora e adaptación das redes e instalacións eléctricas e gasistas de transporte e distribución, e a supervisión do seu cumprimento.

d) A determinación de en que casos a extensión das redes eléctricas e gasistas de transporte e distribución se considera unha extensión natural da rede de distribución ou se trata dunha liña directa ou dunha acometida, así como a aprobación dos plans de investimento das empresas distribuidoras.

e) A proposta da planificación dos sectores eléctrico e gasista e de hidrocarburos, en coordinación co Instituto Enerxético de Galicia.

f) O desenvolvemento da normativa para a ordenación do relativo ás instalacións de gas, eléctricas, petrolíferas e térmicas.

g) A planificación, a coordinación e o control das actuacións relativas á instalación, á ampliación e ao traslado das instalacións de gas, eléctricas, petrolíferas e térmicas.

h) A tramitación e proposta de autorización das instalacións de transporte e distribución de electricidade e de gas da competencia da Comunidade Autónoma de Galicia e, se é o caso, o rexistro de instalacións.

i) A tramitación e proposta de autorización aos/ás comercializadores/as de enerxía eléctrica e de gas natural cando o seu ámbito de actuación se circunscriba á Comunidade Autónoma de Galicia.

j) A tramitación e proposta de autorización das instalacións de xeración eléctrica da competencia da Comunidade Autónoma de Galicia e, se é o caso, o rexistro de instalacións, nos cales se inclúe o Rexistro de instalacións de produción de enerxía eléctrica en réxime especial.

k) A cooperación e coordinación de actuacións co Instituto Enerxético de Galicia nos eidos das enerxías renovables, do aforro e da eficiencia enerxética.

l) A planificación e o desenvolvemento de ferramentas informáticas que permitan a tramitación telemática de expedientes administrativos, no seu ámbito de competencias.

m) A xestión do Rexistro de Certificación Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia, en coordinación co Instituto Enerxético de Galicia.

B. En materia de fomento:

a) A promoción e difusión das campañas informativas dirixidas aos/as usuarios/as e titulares das instalacións de gas, eléctricas, petrolíferas e térmicas sobre os aspectos normativos e técnicos destas.

b) A proposta de programas de formación especializados dirixidos aos/ás técnicos/as da propia Administración que desenvolvan funcións de inspección no ámbito das instalacións de gas, eléctricas, petrolíferas e térmicas.

c) A realización de estudos para a análise da competencia no sector da distribución de carburantes.

d) A elaboración, proposta e execución de programas para a mellora das infraestruturas e da calidade da subministración de enerxía eléctrica e de gas natural.

e) A elaboración, proposta, desenvolvemento, execución e control de programas dirixidos a fomentar a investigación en materia de infraestruturas enerxéticas.

f) A elaboración, proposta e execución de plans e proxectos nas áreas de aforro e eficiencia enerxética, así como na das enerxías renovables.

g) A elaboración, proposta, desenvolvemento, execución e control de programas dirixidos a fomentar a investigación, o desenvolvemento e a innovación, así como da implantación destes resultados, en materia de enerxías renovables e de aforro e eficiencia enerxética.

h) A proposta de actuacións que contribúan a difundir o coñecemento das medidas de aforro e eficiencia enerxética.

Todas estas funcións se exercerán en coordinación co Instituto Enerxético de Galicia.

C. En materia de inspección:

a) As actuacións para a mellora da seguridade no eido das instalacións de gas, eléctricas, petrolíferas e térmicas.

b) O control da xestión dos rexistros de instalacións e actividades relativas ás instalacións de gas, eléctricas, petrolíferas e térmicas, dentro do seu ámbito de competencias.

c) A coordinación, a execución, se é o caso, e o control das actuacións relativas á subministración e distribución de produtos petrolíferos, dentro do seu ámbito de competencias.

d) A proposta dos plans de inspección no eido das instalacións de gas, eléctricas, petrolíferas e térmicas.

e) A inspección no ámbito das instalacións de distribución de electricidade e de gas, das condicións técnicas e, se é o caso, económicas das empresas titulares das instalacións e do cumprimento das condicións establecidas nas autorizacións outorgadas.

f) A supervisión do cumprimento das funcións dos xestores das redes de distribución eléctrica no seu respectivo territorio.

g) A supervisión do cumprimento das funcións das empresas distribuidoras de gas no seu ámbito territorial.

h) A inspección, no ámbito das enerxías renovables, das condicións técnicas e, se é o caso, económicas das empresas titulares das instalacións e do cumprimento das condicións establecidas nas autorizacións outorgadas.

2. Á marxe das funcións de coordinación, planificación, programación e supervisión que no correspondente ámbito sectorial asuma directamente a subdirección, para a tramitación administrativa e a xestión directa destas competencias, contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Ordenación Enerxética.

b) Servizo de Infraestruturas Enerxéticas.

c) Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética.

Artigo 22. Servizo de Ordenación Enerxética

Ademais das restantes funcións que lle poidan ser asignadas, o Servizo de Ordenación Enerxética exercerá as funcións indicadas no punto A, alíneas a), b), c), d), e), f), e l); no punto B, alíneas a), b) e c); e no punto C, alíneas a), b), c) e d) do artigo 21.

Artigo 23. Servizo de Infraestruturas Enerxéticas

Ademais das restantes funcións que lle poidan ser asignadas, o Servizo de Infraestruturas Enerxéticas exercerá as funcións indicadas no punto A, alíneas g), h), i), j), e l); no punto B, alíneas d) e e); e no punto C, alíneas e), f) e g) do artigo 21.

Artigo 24. Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética

Ademais das restantes funcións que lle poidan ser asignadas, o Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética exercerá as funcións indicadas no punto A, alíneas a), j), k), l),e m); no punto B, alíneas f), g) e h); e no punto C, alínea h) do artigo 21.

Artigo 25. Subdirección Xeral de Recursos Minerais

1. A Subdirección Xeral de Recursos Minerais exercerá as funcións relativas á planificación, ordenación, fomento, desenvolvemento e control da minaría de Galicia. Así mesmo, exercerá a coordinación dos servizos territoriais nas materias do seu ámbito competencial e funcional. En xeral, correspóndenlle cantos asuntos lle sexan encomendados en razón do seu ámbito competencial e funcional pola Dirección Xeral.

2. En concreto, terá atribuídas as seguintes funcións:

A. En materia de planificación e ordenación mineira:

a) A planificación sectorial das actividades extractivas de Galicia e a ordenación dos xacementos minerais e recursos xeolóxicos situados no seu territorio.

b) A xestión e o exercicio das competencias administrativas sobre o dominio público mineiro, sobre as augas minerais e termais e sobre a investigación dos hidrocarburos.

c) A estatística mineira da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) O exercicio da potestade regulamentaria para a ordenación da minaría de Galicia.

e) A xestión e o exercicio das competencias administrativas sobre o rexistro mineiro de Galicia e sobre os demais rexistros previstos na normativa mineira e de augas minerais e termais.

f) O exercicio das competencias administrativas que corresponde á Comunidade Autónoma respecto da Cámara Oficial Mineira de Galicia.

B. En materia de fomento da minaría:

a) O impulso de plans, programas, medidas e incentivos económicos orientados ao desenvolvemento, á innovación, ao incremento da competitividade e á internacionalización do sector mineiro de Galicia.

b) A modernización da xestión administrativa e o impulso e implantación da administración telemática dos expedientes administrativos do seu ámbito competencial.

c) O impulso de plans e programas para mellorar o coñecemento dos recursos minerais, xacementos mineiros e recursos xeolóxicos de Galicia.

d) A difusión social da importancia da actividade mineira e a posta en valor do patrimonio xeolóxico-mineiro da Comunidade.

e) A instrución dos procedementos para a declaración dos concellos mineiros e o impulso e coordinación das medidas e plans de actuación específicos aplicables a estes e ás zonas en declive mineiro.

C. En materia de inspección e seguridade mineira:

a) O exercicio das competencias administrativas en materia de seguridade e saúde no ámbito de aplicación da lexislación mineira, así como a policía na minaría a ceo aberto, subterránea, establecementos de beneficio e traballos que requiran a técnica mineira.

b) O exercicio das competencias administrativas na materia de prevención de riscos laborais en minas, canteiras e túneles que exixan a aplicación da técnica mineira, nos traballos de manipulación e utilización de explosivos e nos establecementos de beneficio vinculados ás actividades extractivas.

c) O exercicio da potestade regulamentaria en materia de seguridade mineira.

d) A autorización e rexistro das entidades de inspección e control regulamentarios no ámbito da seguridade mineira, así como a coordinación e seguimento das súas actuacións no territorio de Galicia.

e) O impulso de plans, programas, medidas e incentivos económicos orientados á mellora da seguridade e salubridade do sector mineiro de Galicia.

f) O exercicio das competencias administrativas para a comprobación do cumprimento da normativa mineira aplicable ás actividades extractivas e o seguimento e vixilancia ambiental destas.

g) A resolución de expedientes sancionadores en materia de recursos minerais e seguridade mineira derivados de infraccións graves.

3. Á marxe das funcións de coordinación, planificación, programación e supervisión que no correspondente ámbito sectorial asuma directamente a Subdirección, para a tramitación administrativa e a xestión directa destas competencias, contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Xestión Mineira.

Artigo 26. Servizo de Xestión Mineira

Ademais das restantes funcións que lle poidan ser asignadas, o Servizo de Xestión Mineira exercerá as funcións indicadas no artigo 25.

Artigo 27. Subdirección Xeral de Administración Industrial

1. A Subdirección Xeral de Administración Industrial exercerá, sen prexuízo do disposto no artigo 21, as funcións relativas á planificación, ordenación, fomento e inspección da seguridade industrial, metroloxía e metais preciosos. Así mesmo, exercerá a coordinación dos servizos territoriais nas materias do seu ámbito competencial e funcional. En xeral, correspóndenlle cantos asuntos lle sexan encomendados en razón do seu ámbito competencial e funcional pola Dirección Xeral.

2. En concreto, terá atribuídas as seguintes funcións:

A. En materia de ordenación e planificación:

a) A elaboración de iniciativas normativas referidas ás actividades e instalacións industriais.

b) A dirección e o seguimento de todas as actuacións relativas á inspección técnica de vehículos.

c) A dirección e o seguimento de todas as actuacións relativas aos rexistros específicos de empresas, entidades de formación, carnés e habilitacións profesionais, en materia de seguridade industrial.

d) A planificación e o desenvolvemento de ferramentas informáticas que permitan a tramitación telemática de expedientes administrativos, no seu ámbito de competencias.

e) A habilitación das entidades de inspección e control regulamentario e a coordinación e o seguimento das súas actuacións na aplicación das regulamentacións técnicas e as normas de seguridade industrial.

f) O exercicio das competencias administrativas en relación co Rexistro industrial, rexistro de instalacións e actividades especiais afectadas por seguridade industrial, dentro do seu ámbito de competencias.

g) A planificación, coordinación e control das actuacións relativas á metrololoxía, desenvolvemento de actividades de vixilancia e inspección e xestión do rexistro de control metrolóxico e o ensaio e contraste de metais preciosos.

h) A coordinación e o control das actuacións relativas á verificación de contadores de consumo de enerxía e de auga, dentro do seu ámbito de competencias.

i) O exercicio das competencias administrativas en relación co Rexistro de Control Metrolóxico.

j) A asignación dos códigos dos precintos que usarán os distintos axentes implicados no control metrolóxico.

B. En materia de fomento:

a) A promoción do desenvolvemento e a execución de actuacións de modernización e a dotación de servizos avanzados no solo empresarial.

b) A elaboración, programación, seguimento e difusión de estudos, campañas informativas dirixidas aos/as usuarios/as e titulares das instalacións industriais e estatísticas en materia de industria.

c) A proposta de programas de formación especializados dirixidos aos/ás técnicos/as da propia Administración que desenvolvan funcións de inspección en materia de seguridade industrial, dentro do seu ámbito de competencias.

d) A elaboración, programación, seguimento e difusión de estudos e estatísticas en materia de metroloxía e metais preciosos.

e) A promoción e difusión das campañas informativas dirixidas aos usuarios e titulares dos instrumentos e sistemas de medida sobre os aspectos normativos e técnicos destes.

f) A proposta de programas de formación especializados dirixidos aos técnicos da propia Administración que desenvolvan funcións de inspección en materias relacionadas coa metroloxía legal.

C. En materia de inspección e seguridade:

a) O exercicio das competencias administrativas en relación coas instalacións radioactivas de segunda e terceira categorías e raios X con fins de diagnóstico médico, así como a xestión dos rexistros das devanditas instalacións.

b) Asignación de contrasinais a prototipos e emisión de certificados a vehículos importados destinados ao transporte de mercadorías perecedoiras e perigosas.

c) Vixilancia do mercado, no seu ámbito de competencias.

d) O control da xestión dos rexistros de instalacións e actividades afectadas pola seguridade industrial, así como a elaboración e e proposta dos plans de inspección en materia de seguridade industrial, dentro do seu ámbito de competencias.

e) A inspección e o control das actuacións dos organismos autorizados de verificación metrolóxica, organismos de control metrolóxico e organismos notificados designados no ámbito da Comunidade Autónoma.

f) A elaboración e a proposta dos plans de vixilancia e inspección de instrumentos sometidos a control metrolóxico.

g) A elaboración e a proposta, en coordinación cos órganos competentes en consumo e de seguridade cidadá, dos plans de vixilancia e inspección de obxectos fabricados con metais preciosos.

3. Á marxe das funcións de coordinación, planificación, programación e supervisión que no correspondente ámbito sectorial asuma directamente a subdirección, para a tramitación administrativa e a xestión directa destas competencias, contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Administración Industrial.

b) Servizo de Metroloxía e Laboratorios Oficiais.

Artigo 28. Servizo de Administración Industrial

Ademais das restantes funcións que lle poidan ser asignadas, o Servizo de Administración Industrial exercerá as funcións indicadas no punto A, alíneas a), b), c), d), e), e f); no punto B, alíneas a), b) e c) e no punto C, alíneas a), b), c) e d) do artigo 27.

Artigo 29. Servizo de Metroloxía e Laboratorios Oficiais

Ademais das restantes funcións que lle poidan ser asignadas, o Servizo de Metroloxía e Laboratorios Oficiais exercerá as funcións indicadas no punto A, alíneas d), g), h), i) e j); no punto B, alíneas d), e) e f) e no punto C, alíneas c), e), f) e g) do artigo 27.

O Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia, adscrito á Consellería de Economía e Industria a través da Subdirección Xeral de Administración Industrial, dependerá funcionalmente do Servizo de Metroloxía e Laboratorios Oficiais e exercerá competencias en materia de metroloxía legal e industrial e contrastación de metais preciosos, así como as que lle atribúa a Dirección Xeral de Enerxía e Minas».

Dous. Modifícase o artigo 32, que queda redactado como segue:

«Artigo 32. Servizo de Administración Industrial

Ademais das restantes funcións que lle poidan ser asignadas, o Servizo de Administración Industrial exercerá as funcións relacionadas co rexistro, autorización e inspección de actividades e instalacións industriais e coa capacitación profesional dos/as instaladores/as e das empresas instaladoras».

Tres. Modifícase o artigo 33, que queda redactado como segue:

«Artigo 33. Servizo de Enerxía e Minas

Ademais das restantes funcións que lle poidan ser asignadas, o Servizo de Enerxía e Minas exercerá as funcións relacionadas coas autorizacións de execución e posta en funcionamento das instalacións de produción e distribución de enerxía, así como a inspección e supervisión do cumprimento das condicións técnicas e legais destas instalacións e a coordinación do seu funcionamento no seu ámbito territorial.

Así mesmo, exercerá as funcións relacionadas coa inspección mineira e a xestión do dominio público mineiro no seu ámbito territorial».

Catro. Modifícase o artigo 34, que queda redactado como segue:

«Artigo 34. Servizo Territorial de Vigo

A Consellería de Economía e Industria contará cun Servizo de Coordinación Industrial na Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Vigo, que exercerá funcións en todo o ámbito provincial».

Disposición adicional

A relación de postos de traballo da Consellería de Economía e Industria deberá ser obxecto das modificacións necesarias para axustala aos cambios organizativos propostos neste decreto así como para dotar o Servizo de Ordenación Enerxética do persoal necesario para o desenvolvemento das súas funcións.

Disposición transitoria

A persoa titular do Servizo de Seguridade Industrial desenvolverá o Servizo de Ordenación Enerxética mentres non se proceda á súa provisión regulamentaria.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de setembro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía e Industria