Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Martes, 16 de setembro de 2014 Páx. 41284

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 109/2014, do 1 de agosto, polo que se aproba o cambio de titularidade de dous treitos antigos da estrada autonómica LU-113, nas parroquias de Corvite e A Vesada, a prol do Concello de Abadín.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Abadín solicítalle á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o cambio de titularidade de dous tramos antigos da estrada autonómica LU-113 nas parroquias de Corvite e A Vesada, co obxecto de destinar os ditos bens públicos a fins de interese social.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade dos seguintes tramos:

– Treito antigo da LU-113 Rozas (N-640)-Abadín (A-8) na parroquia de Corvite entre o p.q. 24+830 e o p.q. 25+170 do trazado actual da estrada.

– Treito antigo da LU-113 Rozas (N-640)-Abadín (A-8) na parroquia da Vesada entre o p.q. 26+130 e o p.q. 26+760 do trazado actual da estrada.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día un de agosto de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de Abadín dos seguintes tramos:

– Treito antigo da LU-113 Rozas (N-640)-Abadín (A-8) na parroquia de Corvite entre o p.q. 24+830 e o p.q. 25+170 do trazado actual da estrada.

– Treito antigo da LU-113 Rozas (N-640)-Abadín (A-8) na parroquia da Vesada entre o p.q. 26+130 e o p.q. 26+760 do trazado actual da estrada.

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Abadín deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire o presente decreto.

Así mesmo, deberá levar a cabo as actuacións necesarias ante os organismos oficias correspondentes para regularizar a titularidade do terreo adxacente obxecto de cesión.

Artigo 3

A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderanlle ao Concello de Abadín, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación dos terreos sobrantes, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular dos terreos.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de agosto de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas